149 médicos voluntarios, 95 en formación: o plan do Sergas para cubrir o verán nos centros de saúde

Centro de saúde en Gondomar e vista dunha praia de Sanxenxo nun día de verán CC-BY Montaxe: Praza.gal | Fotos: Lmbuga, Sergas

O pasado 2024 a Consellería de Sanidade aprobou por primeira vez que persoal médico en formación pasase consulta no verán en centros de saúde que precisasen cubrir vacacións ou atender unha maior demanda de pacientes por mor das chegadas de turistas. O Servizo Galego de Saúde defende que esta experiencia "voluntaria" para MIR (médico interno residente) na recta final dos seus catro anos de formación foi un "éxito" e por iso, como xa prevía, recunca neste 2025 como parte do plan para cubrir o verán en Atención Primaria.

Sanidade di que xa ten95 residentes a piques de rematar a formación en Pediatría ou Medicina de Familia para atender en centros de saúde con menos persoal polas vacacións ou con máis demanda a causa do turismo

O Consello da Xunta do pasado luns aprobou o Plan de cobertura da atención primaria no verán de 2025, que o Goberno galego presenta como un "reforzo dos servizos asistenciais" deste "primeiro nivel asistencial da rede sanitaria pública" dotada con algo máis de 12 millóns de euros. Pero que en realidade, vén admitir, é un plan de continxencia para, ante a ausencia de novas contratacións -e a carencia estrutural de novo persoal médico- tentar compensar coberturas de vacacións e mais "o importante incremento de poboación nos concellos costeiros".

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no acto de benvida ao persoal médico residente da área sanitaria da Coruña, o pasado 6 de xuño CC-BY-SA Sergas

É neste marco no que Sanidade encadra a "encomenda de funcións ao persoal MIR de cuarto ano" que está rematar a formación en Pediatría ou Medicina Familiar e Comunitaria. O departamento que dirixe Antonio Gómez Caamaño asegura que 95 residentes xa "aceptaron participar", o que implica que asumirán "funcións que son desenvolvidas ordinariamente por persoal especialista" como atender consultas ordinarias ou prolongacións de xornada, cubrir ausencias ou facer gardas en Puntos de Atención Continuada (PAC) ou mesmo en Urxencias hospitalarias.

A Xunta asegura que a estrea dos MIR en centros de saúde foi un "éxito" no verán de 2024, no que veu admitir que a supervisión deste persoal podía ser só telefónica

O pasado ano, o da estrea do plan, unha das grandes cuestións -e un dos grandes receos por parte de voces críticas- da incorporación de MIR de cuarto ano a estas funcións é o xeito en que este persoal está "supervisado". Como informou Praza.gal, a propia Consellería aclarou que esa supervisión "pode ser con profesionais do mesmo centro de saúde, doutro centro de saúde", pero tamén "dende a Central do 061", polo que nuns meses de especial carencia de persoal, o proxecto contempla que persoal médico residente poida recibir supervisión unicamente por vía telefónica.

Xa cando estaba a bosquexar o plan para este verán, o sindicato maioritario na sanidade pública galega, a CIG-Saúde, amosouse crítico cunha inserción de MIR de último ano contemplada xa o pasado ano por algúns profesionais como meros "parches”. "Coa desculpa de que neste ano 2025 o período formativo das persoas residentes finalizará na segunda quincena do mes de xullo e  como as previsións de xubilacións de persoal médico de atención primaria fan deste 2025 un ano especialmente problemático para a reposición de efectivos e a cobertura de presenzas, a Consellería de Sanidade decide que a mellor medida para resolver este problema é sobrecargar de traballo e acurtar a formación do persoal residente de Medicina de Familia", advertían o pasado marzo.

Central do 061, no centro de Emerxencias na Estrada CC-BY-SA Xunta

Unha vez coñecido o plan, CIG-Saúde lamenta que o documento "insista en medidas como incentivar economicamente o traballo voluntario fóra da xornada ordinaria", que é tanto como "perpetuar a estratexia de facer máis con menos". Asemade, "repetir" a incorporación de persoal residente de cuarto ano "reflicte unha falta de planificación das necesidades reais" e "tentar normalizar unha medida que inicialmente se presentou como excepcional" mentres, cren, persiste a "falta de claridade" na supervisión dos MIR que pasan consulta, "unha das maiores debilidades" do plan.

Voluntariado para cubrir quendas en PAC

Xunto a 95 residentes -Sanidade matiza que esta cifra aínda "pode verse incrementada nas vindeiras semanas-, o Sergas detalla que o plan para o verán conta tamén cunha "bolsa de voluntarios para cubrir quendas dos puntos de atención continuada" que ten agora mesmo 149 médicas e médicos de familia. Estes profesionais poderán recibir para atender quendas en PAC "entre 3 e 7 días ao mes".

A Consellería detalla que 149 médicas e médicos de familia e vinte do 061 se anotaron para "cubrir quendas" en Puntos de Atención Continuada durante o verán

Esas funcións tamén poderán ser realizadas por persoal médico do 061. "Polo momento, 20 médicos" da Fundación Urxencias Sanitarias xa se anotaron nesta bolsa específica para estaren dispoñibles ante a necesidade de cubrir gardas destas urxencias de atención primaria". 

Alén dos PAC, o plan para o verán tamén inclúe unha "oferta de mobilidade temporal cara aos centros de saúde que precisen dun reforzo prioritario". Isto é, trasladar médicos e médicas a centros con máis demanda ou con menos persoal nestes meses de combinación de vacacións e chegada de turistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.