A demanda de asistencia nos servizos de urxencias non deixa de medrar, en grande medida porque chegan doentes que non logran unha atención ordinaria nos seus centros de saúde
“Temos moitísima máis problemática pola situación dos centros de saúde que por calquera cuestión do verán”, asegura Begoña Peiteado, médica do PAC de Vigo. A peor parte da cobertura do verán na sanidade sempre está nas urxencias, o recurso que non pode fallar. O problema, segundo explican as médicas e médicos consultados por Praza nos últimos días, é que a demanda de asistencia nos servizos de urxencias non deixa de medrar, en grande medida porque chegan doentes que non logran unha atención ordinaria nos seus centros de saúde.
“Levamos moito máis tempo que o verán atendendo consultas que non son nosas”, afirma unha médica que traballa nas urxencias do Hospital Clínico de Santiago. “Podemos dicir que levamos anos con moita presión asistencial e tivemos problemas coa cobertura do verán porque tal e como foron as cousas os residentes non poden axudar coma sempre”, engade. Esta médica cualifica a cobertura do verán da Consellería de Sanidade, que se definiu co mes de xullo xa iniciado, como unha medida “improvisada” que “chegou moi tarde”.
“Foron parches”. Así resumen os profesionais sanitarios os contratos ofrecidos aos residentes que aínda rematan a súa formación en setembro, as prolongacións de xornada nos centros de saúde, as gardas localizadas e as gardas a maiores das quendas habituais para manter a atención urxente da poboación. “Fixemos moitas horas, todos tivemos que arrimar o ombreiro se queriamos ter vacacións”, explica esta médica de Compostela, que valora positivamente a achega dos médicos no cuarto ano de formación como especialistas nas urxencias do hospital, aínda que só puideron facer “cinco gardas ao mes de tarde/noite” porque “pola mañá tiñan que estar nas consultas de Atención Primaria”. “Axudou, pero non nos deu a cobertura habitual de cando xa están contratados coa especialidade rematada”, asevera.
"O dispositivo de reforzo que implementou a Consellería de Sanidade permitiu reorganizar a asistencia e reforzala con máis de 400 médicos voluntarios", sinala a Xunta
Antes da ponte do 15 de agosto o conselleiro de Sanidade “visitou” as sete áreas sanitarias “para revisar cos respectivos equipos directivos o funcionamento do Plan de cobertura sanitaria no verán”. Segundo trasladou a Consellería, Antonio Gómez Caamaño “puido comprobar que a presión asistencial nos hospitais está no mesmo nivel que outros anos e que, en virtude do plan posto en marcha pola Xunta, se acometeu unha reordenación provisional, puntual e xustificada de determinados servizos para concentrar a asistencia sanitaria en centros de referencia e poder así cubrir a máis pacientes e durante un horario máis amplo”.
“A pesar da falta de médicos, xeneralizada en toda España, o dispositivo de reforzo que implementou a Consellería de Sanidade permitiu reorganizar a asistencia e reforzala con máis de 400 médicos voluntarios, que prestan apoio tanto nas urxencias hospitalarias, como nas extrahospitalarias”, destacou a Xunta nun comunicado despois da ponte.
Sanidade obvia que tanto os PAC como os servizos de urxencias nos hospitais acusan un desgaste importante desde a crise derivada da pandemia da COVID-19. “Non houbo descanso”, inciden varios médicos a Praza.gal. “Sabes que non vas ter unha garda boa, tes que ir preparada para todo”, conta a médica de urxencias do hospital de Santiago, que revela como este inverno foi “o peor” dos máis de dez anos que leva traballando neste servizo. “Levamos demasiado tempo con moito traballo, chegamos a amencer nunha garda con 50 persoas pendentes de ingreso. Iso significa ter todo o espazo de observación cheo, non cabe ninguén máis, pero a xente segue chegando pola porta”, describe.
Sanitarios consultados apuntan tres claves do problema sanitario de fondo: unha Atención Primaria cun colapso crónico, unha poboación envellecida que precisa máis atencións e o cambio de mentalidade da sociedade, que vai ao inmediato
“Os recursos está claro que non chegan hai moito tempo”, defende esta profesional, que pon de manifesto a falta de planificación no Sergas: “Sabían que a falta de médicos ía chegar, tiñan que ter actuado hai dez anos porque agora non hai medidas con resultado inmediato”. A pesar de considerar que o problema é “multifactorial”, os sanitarios consultados apuntan tres claves: a Atención Primaria quedou moi tocada despois do esforzo da pandemia e o colapso é agora crónico, a poboación envellecida do país precisa máis atencións e acaba en urxencias con máis frecuencia se non ten un bo seguimento no centro de saúde e o cambio de mentalidade da poboación, que vai ao inmediato. “E a resposta rápida somos nós”, di a médica de urxencias do CHUS.
Na mesma liña, Begoña Peiteado conta que ao PAC de Vigo chega xente que precisa solicitar unha baixa, renovar a prescrición de medicamentos ou mesmo un informe. Peticións que debe resolver o médico de cabeceira e ás que non poden dar resposta desde as urxencias. “Resulta moi frustrante non poder axudar cando veñen con cousas que son do seu médico de Familia, porque ademais nos contan que intentaron pedir cita e non tiñan en máis de 15 días ou mesmo que no centro de saúde os derivaron ao PAC sen preguntarlles o que precisaban”, detalla a médica de Vigo.
En Moaña, a veciñanza leva máis de 140 semanas manifestándose para que volvan abrir as urxencias que coa pandemia centralizaron en Cangas. Tamén piden que se cubran todas as prazas no centro de saúde e se reforcen as ambulancias para o Morrazo. Esta última petición repítese no Salnés, que no verán deixa de ser a base dunha ambulancia medicalizada, que se incorpora a Sanxenxo polo “forte aumento” da poboación.
A deputada do BNG Montse Prado, xunto a persoal do 061, denunciou en Vilagarcía as “deficiencias” do transporte sanitario e afirmou que “que unha persoa morra por falta de atención é evitábel e a Xunta ten que dispoñer dos medios para que o sexa e para que os tempos de resposta non supoñan que a poboación estea correndo serios riscos de quedar desatendida”.
Prado incidiu en que “por moito que insista o PP, as galegas e os galegos nin están tranquilos, nin teñen garantida a atención sanitaria”, pois sinalou que Galicia “só conta con 12 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (SVA) medicalizadas, localizadas en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e dúas na cidade da Coruña. Tamén teñen SVA no Salnés, Foz e Monforte, malia que estas tres contan cun só técnico”.
Pola súa banda, a Xunta asegura que “co cambio de ubicación da ambulancia medicalizada no verán o 061 de Galicia conta durante as 24 horas nos meses de verán cunha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado no centro de saúde de Baltar, situado entre as localidades de Sanxenxo e Portonovo, que dá cobertura sanitaria, non só ao concello de Sanxenxo, senón tamén a Vilagarcía de Arousa, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa e Ribadumia. O equipamento deste recurso permite prestar asistencia médica in situ a pacientes de extrema gravidade e asistilos durante o traslado ao centro hospitalario”.
A situación na comarca do Salnés levou a CIG-Saúde a denunciar agresións de persoal e usuarios do Sergas nos centros de saúde de Vilagarcía e O Grove durante o mes de agosto. A central sindical afirma que o persoal sanitario “sofre a diario insultos, malos modos e reclamacións escritas por parte de usuarios, que lle demandan unha atención sanitaria que non poden ofrecerlle”, pois destacan que “non depende de quen está atendendo ás e aos doentes que non se conte cos profesionais e os medios necesarios”. A conflitividade empeora no verán porque “hai que prestar atención, en moitos casos, con menos da metade dos recursos humanos”, engade a CIG-Saúde.
A situación na comarca do Salnés levou a CIG-Saúde a denunciar agresións de persoal e usuarios do Sergas nos centros de saúde de Vilagarcía e O Grove durante o mes de agosto
Desde o PSdeG, o portavoz da Executiva socialista, Julio Torrado, certificou que “a sanidade galega está a vivir un caos sen precedentes, froito de anos de recortes e abandono por parte do Goberno autonómico, unha situación que empeorou nos meses de verán, con pacientes durmindo nos corredores por falta de camas e centros de saúde que carecen de profesionais para atender aos veciños e veciñas”. Torrado relatou que “en Pontevedra, as urxencias están ao bordo do colapso con esperas de máis de 12 horas para unha cama e en lugares como Zas, Muxía, Fisterra, Cangas, Moraña, Coles, Burela ou Viveiro non hai especialistas, o que obriga aos pacientes a percorrer longas distancias para acceder a tratamentos esenciais”.
Con todo, o Sergas reaccionou a algunha das peticións que se acumulan desde que rematou a situación de emerxencia da COVID-19, como foi o caso da Guarda, que levaba anos solicitando un reforzo de persoal no PAC e que desde finais de xuño conta con “dous novos equipos” de “dúas enfermeiras e dous facultativos máis”.
Para as médicas e médicos de urxencias do PAC e hospitalarias o peor está por chegar. “As patoloxías respiratorias empeorarán agora e en nada estaremos de novo no inverno, cos mesmos recursos que temos agora, e sen que se poña remedio ao problema de fondo: a saturación dos centros de saúde”, sinala unha médica de Santiago.