A Consellería de Sanidade xa está a desenvolver a súa novidade para a cobertura da asistencia nos centros de saúde e nas urxencias dos PAC este verán: a encomenda de funcións pola que os médicos e médicas que están a piques de rematar a súa especialización en Medicina familiar e comunitaria e Pediatría poidan pasar consulta para axudar a “garantir” a cobertura sanitaria do país. Un 86,5% dos residentes de Familia aceptaron algunha das propostas do Sergas, fronte a un 23% dos que están a rematar a especialidade de Pediatría.
O punto máis polémico, tanto entre quen está a rematar a especialidade como entre as e os profesionais sanitarios de atención primaria, é o da supervisión dese labor durante o estío. A preguntas de Praza.gal, Sanidade incide en que as funcións de supervisión “tamén se poden desenvolver na central de coordinación do 061”, pois “a supervisión de presenza física só é obrigatoria nos residentes de primeiro ano”. “Polo tanto, pode ser con profesionais do mesmo centro de saúde, doutro centro de saúde ou desde a Central do 061”, afirman desde a consellería. É dicir, que esa supervisión aos residentes poderá realizarse por vía telefónica, incluso durante unha urxencia.
Os sanitarios consultados por este xornal destacan que no PAC ter que saír do centro é o normal. Todas as gardas hai saídas, con maior ou menor urxencia e de maior ou menor gravidade, pero o 061 mobiliza os equipos dos PAC de forma habitual. Estes residentes que aceptaron voluntariamente os contratos ofrecidos polo Sergas non van poder realizar saídas, polo que esa parte do traballo recaerá nos outros profesionais cos que compartan esa garda, pero poderán quedar sós no PAC. Isto é o que se lles está a comunicar aos profesionais das urxencias non hospitalarias que compartirán quendas cos residentes, por boca dos coordinadores e en ningún caso por escrito.
“O reparto do traballo que nunha garda habitualmente faise a parte iguais, asúmeo o compañeiro, ao que non se lle compensa de ningunha maneira. A gravidade da situación está en que non é raro que existan dúas saídas simultáneas ou que cando un equipo estea fóra, entre no PAC unha urxencia vital; unha situación que –en teoría– tampouco teñen a obriga de asumir os residentes porque contractualmente están eximidos, que para iso estarán nun centro no que estean acompañados. Pero pódese dar esa circunstancia con bastante facilidade. A información que recibimos nós, de maneira verbal, é que o 061 terá a última palabra sobre o que teñen que facer os residentes nestes casos”, debulla Miguel López del Pueyo, médico no PAC de Ordes e titor de residentes.
"A gravidade da situación está en que non é raro que existan dúas saídas simultáneas ou que cando un equipo estea fóra, entre no PAC unha urxencia vital; unha situación que –en teoría– tampouco teñen a obriga de asumir os residentes", explica o médico Miguel López del Pueyo
Miguel López del Pueyo insiste en que os residentes de cuarto ano que este verán poidan asumir as funcións de médicos xa coa especialidade rematada están “perfectamente capacitados” tecnicamente para solucionar urxencias e situacións de gravidade que se poidan producir nunha garda de PAC. Porén, considera que “unha cousa é que poidan e outra é que deban, ou que o fagan sen amparo legal”. Neste sentido, a encomenda de funcións ditada por Sanidade é moi aberta e non especifica concretamente o reparto de responsabilidades. “Confían en que non pase nada”, di López del Pueyo.
Esta semana, a encomenda para os residentes no cuarto ano do MIR de Familia contaba cun total de 109 profesionais dispostos a colaborar co Sergas pasando consulta ou realizando prolongacións de xornada en centros de saúde, ou facendo gardas de PAC. Segundo os datos da Consellería son 103 de 119 médicos de Familia en formación, un 86,5% do total; e 6 de 26 pediatras, un 23% do total.
“A Consellería de Sanidade quere recoñecer e agradecer o esforzo e a implicación desta nova xeración de médicos que obtén a formación especializada en Galicia”, aseguran desde o departamento da Xunta, que ve “moi favorable” a resposta dos residentes a pesar da menor aceptación entre pediatras. Praza.gal accedeu os datos pormenorizados da área sanitaria máis grande do país, a de Vigo, que indican como a maioría dos residentes non acepta facer gardas de PAC pero si apostan polas prolongacións de xornada nos centros de saúde, incluso máis que por pasar consulta ordinaria. Dos 21 residentes da área de Vigo que axudarán na asistencia do verán só oito aceptan pasar consulta en calquera das tres opcións.
“A Xunta está a implementar un plan de cobertura estival con medidas, ordinarias e extraordinarias, para garantir a asistencia sanitaria no verán dotado con 12,5 millóns de euros”, manifestan desde a Consellería de Sanidade. O plan de cobertura da atención primaria –ao que tivo acceso Praza.gal– contempla catro puntos, sendo un deles esa encomenda de funcións para os médicos no cuarto ano de formación e outro un “programa especial” que implica que “o persoal médico da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 poderá participar voluntariamente” na “cobertura de quendas de traballo dos PAC”.
Os outros dous puntos pasan por que o persoal médico que xa traballa no Sergas bote máis horas. Por un lado, facendo gardas nos PAC: as médicas e médicos de familia que acepten participar deste programa “poderán ser chamadas para atender entre tres e sete días ao mes as quendas de PAC que necesiten completar cobertura”, chegando a pagar “960 euros por unha garda de 24 horas”. Esta medida será de aplicación ata o 15 de setembro. E, por outro lado, a través dunha oferta de “mobilidade temporal” a centros que precisen “reforzos prioritarios ou teñan especiais necesidades de cobertura”. A propia consellería pon como exemplo aqueles centros de saúde en “concellos con sobrecarga de poboación no verán”. Esta sería unha medida voluntaria e temporal, que tamén “estará dispoñible para o persoal doutras comunidades autónomas”, como se indica no documento oficial de Sanidade para as sete áreas sanitarias.
"O problema da atención primaria é estrutural e ten como consecuencia unha falta importante de profesionais, polo que os centros de saúde non teñen capacidade de resposta ás necesidades da cidadanía nunha situación normalizada", di Manuel G. Moreira
Sen parches para un déficit anunciado
“Os problemas da nosa atención primaria non son puntuais agora polo verán e non se solucionan substituíndo a un ou outro profesional concreto. O problema da atención primaria é estrutural e ten como consecuencia unha falta importante de profesionais, polo que os centros de saúde non teñen capacidade de resposta ás necesidades da cidadanía nunha situación normalizada. Esta circunstancia agudízase durante o verán: as 243 prazas de médicas e médicos de atención primaria sen cubrir neste momento, sumadas ás necesidades de cobertura dos profesionais sanitarios durante as vacacións, fan que o problema sexa imposible de resolver con medidas que xa demostraron a súa ineficacia en anos anteriores”, describe o secretario nacional da CIG-Saúde e médico de familia, Manuel González Moreira.
“Dicimos que o problema é estrutural porque vén do ano 2009, cando se desbotou o Plan de mellora da atención primaria que prevía dotar de máis recursos humanos a todas as categorías profesionais para poñer a atención primaria en situación de realizar a reforma que xa daquela era necesaria para adaptala ás novas necesidades asistenciais, comezando por garantir calidade de vida aos anos que imos gañando en esperanza vital”, asegura o representante da CIG-Saúde, sindicato maioritario na sanidade pública galega.
Moreira lembra como este programa posto en marcha en 2007 polo Goberno bipartito do PSdeG e BNG foi desbotado polo PP de Feijóo na súa chegada á Xunta, estando xa orzamentado para ese ano quedou cancelado e arquivado. “Desde ese ano todo o que se fixo na atención primaria foi ir cara a atrás. Precarizáronse as condicións de traballo de todos os profesionais, nomeadamente dos especialistas en Medicina familiar e comunitaria e en Pediatría, o que ten como resultado que agora estas especialidades non resulten atractivas para quen se incorpora á profesión médica”, salienta.
“A solución para a atención primaria, tamén para o verán, supón facer un verdadeiro plan de ordenación dos recursos humanos. Analizar cales son as necesidades reais centro a centro, en todas as categorías profesionais, e ir cubrindo as prazas vacantes con contratos estables e ben retribuídos”, defende Moreira, para apuntar que a falta de médicos de familia tamén se debe a que optan por traballar noutros ámbitos ante as condicións que atopan nos centros de saúde. Por outra banda, incide en que hai outras especialidades que si se poderían estar incorporando aos centros de saúde “para atender as demandas da cidadanía” como son fisioterapeutas ou psicólogas e psicólogos clínicos.
"A consigna da conselleira de Sanidade Rocío Mosquera era 'facer máis con menos'. A historia demostrounos que as consecuencias desa liña política son que hoxe non podemos facer nin sequera o que temos que facer porque non temos profesionais", sinala Moreira
Desde a CIG-Saúde defenden que as características do país precisan dunha atención primaria ben distribuída polo territorio, próxima á cidadanía e que contribúa tamén a vertebrar o propio territorio. De momento, permanecen pechados consultorios como o de Castro de Rei, que rematou as consultas o 15 de xuño e seguirá inactivo ata o 15 de setembro; ou o consultorio de Doiras, no concello de Cervantes, que non funcionará os meses de xullo e agosto, polo que Sanidade obrigará a unha poboación de máis de 65 anos na súa maior parte, que non dispón de servizo de transporte público, a desprazarse arredor de 40 minutos para recibir asistencia médica.
“O conselleiro di que pechar consultorios non ten efecto na asistencia, iso quere dicir que descoñece cal é a realidade do noso rural. Vai en contra da equidade porque unha persoa que vive nas Travesas en Vigo ten que ter a mesma capacidade para acceder ao seu centro de saúde que unha persoa que viva en Filgueira, no concello de Crecente. Esa proximidade e accesibilidade son necesarias para poder realizar accións de promoción da saúde e diagnosticar precozmente problemas graves”, sinala Moreira.
Manuel González Moreira denuncia que “falta unha aposta política por reforzar a atención primaria”, necesaria para fortalecer toda a sanidade pública galega. “Esa aposta política non está, por iso desde 2009 non se fixo ningún plan específico para solucionar os problemas da atención primaria que xa sabiamos que ían chegar: xa sabiamos as idades dos profesionais que tiñamos e cando ían ser as súas xubilacións e coñeciamos o ritmo de incorporación de novos profesionais. Con toda esta información, non se buscou planificar nada porque non se quixo. Non se apostou por reforzar os cadros de persoal, de feito, a consigna da conselleira de Sanidade Rocío Mosquera (2012-2015) era ‘facer máis con menos’. A historia demostrounos que as consecuencias desa liña política son que hoxe non podemos facer nin sequera o que temos que facer porque non temos profesionais”.