O envellecemento dos médicos non frea: Galicia é a cuarta comunidade con menos profesionais con menos de 55 anos

Profesionais sanitarios nun hospital de Galicia ©

Galicia e o conxunto do Estado español sofren dende hai anos un problema de envellecemento do seus médicos e de falta de relevo xeracional, que fai que unha parte moi importante dos profesionais se atopen moi próximos á súa xubilación. Trátase dunha situación que era coñecida dende hai moito tempo, pero as medidas para revertela tardaron en chegar. Nestes momentos, segundo a estatística actualizada de profesionais sanitarios colexiados, publicada polo INE esta semana, a metade dos médicos e médicas colexiadas en Galicia teñen máis de 50 anos.

5 mil médicas e médicos atópanse moi próximos á súa xubilación en Galicia e deberán ser substituídos por profesionais máis novos na vindeira década

Isto é, do total de 15.988 médicos colexiados en Galicia, 7.986 teñen máis de 55 anos, unha cifra, iso si, que inclúe unha pequena parte de profesionais xa xubilados (3.054) e que se manteñen nas estatísticas de colexiación. Isto deixa, en todo caso, ao redor de 5 mil profesionais en activo que se atopan moi próximos á idade de xubilación, que nun máximo de dez anos deixarán a profesión e que deberán ser substituídos por médicos e médicas máis novas, que aínda se atopan nas facultades (ou nin sequera) ou preparando o MIR.

Nos últimos anos estase a facer un esforzo para incrementar a incorporación de novos profesionais. Os médicos e médicas de menos de 35 anos en Galicia pasaron de 2.133 no ano 2016 ás 3.027 o pasado ano

Nos últimos anos, é certo, estase a facer un esforzo para incrementar a incorporación de novos profesionais e as prazas MIR ofertadas, tanto en Galicia como no conxunto do Estado, veñen rexistrando máximos históricos. De feito, as estatísticas de colexiación si amosan un incremento do número de médicos e médicas de menos de 35 anos en Galicia, que pasaron de 2.133 no ano 2016 ás 3.027 o pasado ano. Este aumento dos profesionais máis novos (significativo, dun 30%) non compensou totalmente o incremento dos colexiados de máis de 65 anos, que neste tempo pasaron de algo máis de dous mil a máis de 4.500.

En termos porcentuais, o peso dos profesionais máis novos, de menos de 35 anos, acada o seu máximo nas últimas décadas (pasa do 15,7% de 2006 ao 18,9% de 2023), pero tamén aumenta -e moito- a proporción de médicos de máis de 65 anos e tamén o de maiores de 55 anos

Mentres que en Galicia a metade exacta dos profesionais teñen menos de 55 anos (50,05%), no conxunto do Estado a cifra supera o 55%, con máximos en Murcia e Baleares (preto do 60%)

A situación non é exclusiva de Galicia, pero o noso país si que presenta unha das maiores proporcións de colexiados maiores de 55 anos. En concreto, mentres que en Galicia a metade exacta dos profesionais teñen menos de 55 anos (50,05%), no conxunto do Estado a cifra supera o 55%, con máximos en Murcia e Baleares (preto do 60%), Madrid (59%), Cataluña, Comunidade Vaslenciana, Canarias e Castela-A Mancha.

En cambio, Galicia comparte unha das peores situacións de envellecemento con outros territorios do norte do Estado e só supera os datos de Asturias (46%), Aragón e Castela e León (47%)

O dato de 18,93% de médicas e médicos por debaixo dos 35 anos en Galicia está tamén por debaixo da media española (21,4%) e só mellora os indicadores de Asturias, Aragón e Castela e León

O 18,93% de médicas e médicos por debaixo dos 35 anos en Galicia está tamén por debaixo da media española (21,4%) e só mellora igualmente os datos de Asturias, Aragón e Castela e León.

Se ampliamos a análise e observamos a porcentaxe de colexiados por debaixo dos 45 anos, Galicia aparece igualmente nas últimas posicións, co 35,85%, por debaixo da media española (39,24%) e só por diante de Asturias, Aragón, Castela e León e A Rioxa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.