Galicia segue entre os territorios do Estado cos médicos máis envellecidos: a metade dos colexiados ten máis de 55 anos

Profesionais sanitarios nun hospital galego © Xunta

Os médicos e médicas entre 65 e 69 anos representan o 13,4% de todos os colexiados e colexiadas, fronte ao 12,8% do ano 2021 e o 7,3% do ano 2016

Galicia ten un problema de relevo xeracional entre os seus profesionais sanitarios. O problema non é novo: coñécese dende hai máis dunha década, pero as medidas para reverter a situación tardaron en chegar. Na actualidade, a metade dos médicos e médicas colexiadas en Galicia ten máis de 55 anos (o 50,1%, exactamente), segundo a estatística actualizada de profesionais sanitarios colexiados, publicada polo INE esta semana.

A situación mellorou un chisco no último ano, iso si, pois os colexiados e colexiadas por riba de 55 anos representaban hai un ano o 51% e neste tempo incrementouse tanto o número total como a proporción relativa dos profesionais menores de 45 e de 35 anos, en lento ascenso nos últimos anos.

No ano 2006 o grupo entre 45 e 54 anos era o máis numeroso (40,2%). Ese grupo ten hoxe entre 61 e 70 anos e está comezando a levar a cabo o proceso da súa xubilación

Porén, o problema aumenta entre os colexiados e colexiadas de maior idade, cunha ampla xeración de profesionais que se está a xubilar ou está a piques de facelo. Os médicos e médicas entre 65 e 69 anos representan o 13,4% de todos os colexiados e colexiadas, fronte ao 12,8% do ano 2021 e o 7,3% do ano 2016.

A situación era moi distinta no ano 2006. Nese momento os médicos e médicas por debaixo de 45 anos representaban o 37,4%, unha proporción non moi diferente á actual (35,2%), pero o grupo entre 45 e 54 anos era o máis numeroso (40,2%). Ese grupo ten hoxe entre 61 e 70 anos e está comezando a levar a cabo o proceso da súa xubilación.

Galicia é a cuarta comunidade con menos médicos colexiados por debaixo de 35 anos (18,45%), só por riba de Aragón, Asturias e Castela e León

Galicia é a cuarta comunidade autónoma cunha menor proporción de médicos e médidas colexiadas por debaixo de 35 anos (18,45%), só por riba de Aragón, Asturias e Castela e León e lonxe da media española (21%). Ademais, Galicia é o cuarto territorio con máis médicos e médicas colexiadas por riba dos 65 anos, só por detrás, novamente, de Castela e León, Asturias e Aragón. 

Na última década houbo falta de previsión. No ano 2011 a porcentaxe en Galicia de médicos colexiados por riba de 55 anos (34,5%) era 1,8 puntos superior á media española, mentres que na actualidade a diferenza é de máis de 5 puntos. Ademais, nese momento o dato de Galicia era inferior ao de Euskadi (hoxe é máis de 2 puntos superior) e situábase moi preto do de Andalucía ou a Comunidade Valenciana, que neste momento rexistran procentaxe de profesionais de máis de 55 anos moi inferiores ás galegas.

Os 473 médicos por cada 100.000 persoas en Galicia supoñen a quinta cifra máis baixa de todo o Estado, só por riba dos datos de Castela-A Mancha, Andalucía, C.Valenciana e Baleares

Os datos complétanse coa constatación, un ano máis de que a taxa de médicos colexiados por habitante sitúase en Galicia moi por debaixo da media española. Os 473 médicos e médicas por cada 100.000 persoas en Galicia supoñen a quinta cifra máis baixa de todo o Estado, só por riba dos datos de Castela-A Mancha, Andalucía, Comunidade Valenciana e Baleares. A media do conxunto do estado rolda os 505 médicos por cada 100.000 habitantes.

En Galicia hai menos enfermeiras e enfermeiros que no conxunto de España: 510 por cada 100.000 habitantes fronte a 618

Os problemas de falta de profesionais afectan máis a algúns ámbitos que a outros  Por exemplo, ademais da menor taxa de médicos e médicas por habitante, en Galicia hai menos enfermeiras e enfermeiros que no conxunto de España: 510 por cada 100.000 habitantes fronte a 618.

Hai, igualmente, menos fisioterapeutas (126 fronte a 137 por cada 100.000 persoas) e menos psicólogos e psicólogas (59 fronte a 80 por cada 100.000 persoas). En cambio, en Galicia hai máis optometristas, logopedas, dentistas e pódólogos e podólogas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.