A grave falta de médicos de familia nos centros de saúde segue sen solución á vista en Galicia. Ao problema que supón que máis da metade destes especialistas que rematan o MIR rexeiten finalmente traballar na Atención Primaria únese a falta de cobertura das prazas asignadas para esta formación no Sergas daqueles titulados que optan pola Medicina Familiar.
Por segundo ano consecutivo, Galicia non deu cuberto todas as prazas MIR para médicos de familia: quedaron desertas 39 das 207 ofertadas
Por segunda vez consecutiva, e logo de anos sen que isto acontecese, Galicia non deu cuberto todas as prazas de MIR para médicos de familia que se ofreceron no proceso de asignación ordinario pechado esta fin de semana. Das 207 dispoñibles, 39 quedaron desertas: 20 na área de Lugo, 14 na de Ourense e cinco na de Ferrol. No pasado exercicio, foran nove as vacantes, todas na zona lucense.
Xa que logo, quedaron sen asignar case un 20% das prazas de formación en Medicina Familiar e Comunitaria en Galicia. Nas unidades docentes lucense e ourensá, dous terzos das vacantes quedaron baleiras; asignáronse só dez das 30 que había dispoñibles en Lugo e sete de 21 en Ourense. Na de Ferrol, cubríronse dez das 15 e aínda quedan cinco por asignar.
Quedaron sen asignar dous terzos das prazas ofrecidas, tanto na área de Lugo (quedan 20) como na de Ourense (14), en Ferrol cubríronse 10 de 15
Así, mentres que nas unidades docentes de Vigo, Santiago, Pontevedra e A Coruña a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria si logrou cubrir todas as prazas para residentes que ofertaba, nas do interior de Galicia e na de Ferrol, aínda hai vacantes, unha circunstancia que amosa tamén un pararelismo co que acontece noutros sectores públicos e mesmo no privado nas mesmas zonas.
Agora, e ao contrario que o pasado ano, o Ministerio de Sanidade abre desde este luns unha elección de praza extraordinaria que se desenvolverá de maneira telemática desde as 12 do mediodía de hoxe ata a mesma hora do vindeiro 11 de maios. Neste período, todas aquelas persoas aspirantes que non foron adxudicatarias de praza no chamado ordinario, así como aquelas que non sexan titulares dunha autorización para residir en España, poderán optar a unha das vacantes dispoñibles.
Desde a Consellería de Sanidade din "lamentar enormemente que se volva producir esta situación nun momento no que existe un evidente déficit de profesionais nesta especialidade". Ademais, recordan que xa lle "reiteraron" ao Ministerio "en diferentes ocasións" que manter o actual sistema de elección de prazas "representa un problema, dado que é un modelo que autolimita a capacidade de elección dos MIR, que teñen que preelixir todas as prazas".
O Sergas culpa o Ministerio por "manter "o sistema de elección prazas e a nota de corte; con todo, presume da "maior incorporación de residentes á medicina familiar da historia"
Ademais, o Sergas sinala o Executivo central e asegura que "en repetidas ocasións" reclamoulle que "non debera existir nota de corte no exame MIR", senón "esgotarse a totalidade dos médicos presentados a este proceso, servindo o exame unicamente para establecer a orde de elección, pero non para deixar fóra do acceso as prazas de formación especializada".
"Malia isto, e aínda que este ano a nota de corte baixouse respecto da convocatoria pasada, o Ministerio mantivo a nota de corte no exame, co que se chega á situación de ter médicos que se presentaron ao exame e que, finalmente, quedarán descartados para poder elixir cando, no entanto, hai prazas vacantes", insiste a Consellería, que culpa o sistema de elección.
Con todo, desde Sanidade tamén lembran que este será "o ano con maior incorporación de residentes na especialidade de Medicina Familiar en Galicia de toda a súa serie histórica". Ramón Veras, médico de familia, titor de residentes MIR e un dos voceiros de SOS Sanidade Pública, amósase "sorprendido" polas vacantes, especialmente nalgunha zona, e cre que o problema "non está no número de prazas que se ofertan, senón en que as súas condicións as fagan atractivas".
Respecto ao feito de que sexa de novo a área de Lugo a que máis vacantes presenta, insiste na tese expresada noutras ocasións por fontes sanitarias: ter que elixir de antemán a área implica que a adscrición dos médicos en formación á súa unidade docente poida levalos a lugares tan distantes como Monforte, Burela ou Vilalba. "E aquí tamén ten que ver a reforma sanitaria de Feijóo que deixou nunha área sanitaria o que antes eran tres", engade.
Galicia, segunda comunidade con máis vacantes
Sexa como for, o ocorrido desta vez -e hai doce meses- volve ser un síntoma máis dun problema na Atención Primaria, grave e recoñecido pola propia Xunta, que afecta tamén o conxunto do Estado. De feito, a asignación para os MIR deste ano en España acabou con 202 prazas sen cubrir para Medicina Familiar (fronte ás 217 de 2022), un ámbito onde a precariedade, sobrecarga de traballo e a presión está arredando o persoal dos centros de saúde.
Ademais, Galicia é a segunda comunidade autónoma onde máis prazas libres quedaron nesta especialidade, só superada por Castilla y León (5) e seguida de Catalunya (36), Extremadura (27), Navarra (18), Aragón (15), Asturias (6), Cantabria (4) e La Rioja (2). Desde a Consellería, mentres, advírtese de que en porcentaxe, a non cobertura de prazas foi maior en Navarra (o 45% do total), Castilla y Léon (29%) e Extremadura (28%).
A elevada cifra de vacantes en Galicia para a Medicina Familiar chega logo de que dirixentes do PP e da propia Xunta leven tempo culpando o Goberno de España da carencia de persoal médico. "Necesitamos que o Goberno central nos deixe formar máis médicos de Atención Primaria", repitenen referencia a estas prazas de formación sanitaria especializada, o MIR, que cada ano son convocadas polo Ministerio de Sanidade. "O responsable de convocar suficientes prazas MIR é o señor Sánchez, que non te tenten enganar", chegou a dicir a ex-ministra Ana Pastor.
As prazas MIR para Medicina de Familia en Galicia aumentaron un 111% en cinco anos, pero o efecto do incremento non é inmediato nos centros de saúde
O habitual nestas mensaxes é que os cargos conservadores eviten citar datos concretos das prazas MIR convocadas cada ano. Alén de, como reflicten as sucesivas convocatorias de prazas de formación sanitaria especializada, un dos criterios á hora de definir as cifras son as "propostas das comunidades autónomas", estes mesmos acreditan que o número non deixa de medrar dende hai media década tanto para Galicia como para o conxunto do Estado, tal e como amosa o gráfico sobre estas liñas. Mesmo ata superar a esixencia que realizara o ex-presidente Feijóo como líder do PP: que as prazas MIR sexan tantas como persoas se gradúan en Medicina. Os datos oficiais acreditan que xa son máis prazas que persoas que saen da carreira, pero que foron menos en tempos de Mariano Rajoy.
O incremento de prazas MIR é porcentualmente aínda máis significativo nun dos elos que máis presión acumula dentro do Sergas, a Atención Primaria. As 207 prazas ofertadas en 2022 para este 2023 -fronte ás 142 do pasado ano- supuxeron un incremento interanual do 45% e un 111% máis que cinco anos antes. Así o destacou a propia Consellería de Sanidade o pasado xaneiro.
Non obstante, mesmo no caso de que esas 207 prazas se cubrisen, iso non implica que dende este 2023 os centros de saúde do Sergas vaian contar con 207 profesionais médicos máis. Dado que o período de formación MIR dura catro anos, será dentro de media década cando este persoal poida incorporarse plenamente ao sistema.
Por ese mesmo motivo, aínda repercuten na actualidade os efectos das reducións de prazas MIR da década pasada, cando a sanidade pública tamén estivo constrinxida pola limitación das taxas de reposición -cobertura só dunha parte das xubilacións- durante o peor da anterior crise para reducir gasto público. E pola mesma razón, aínda é agora cando comezan a chegar ao sistema sanitario os primeiros MIR de Pedro Sánchez.
Esas incorporacións ao Sergas produciranse sempre e cando o persoal que se forma no MIR de medicina de familia finalice a formación nesa especialidade e permaneza na Atención Primaria, no canto de acabar desenvolvendo o seu labor noutros servizos do Sergas ou mesmo traballar fóra del. Como informou Praza.gal, iso foi o que sucedeu con arredor da metade do persoal médico que rematou a súa residencia en Atención Primaria entre 2017 e 2021.