A grave falta de médicos de familia nos centros de saúde non ten traza de se solucionar axiña en Galicia. Ao problema que supón que máis da metade destes especialistas que rematan o MIR rexeiten finalmente traballar na Atención Primaria únese agora a falta de cobertura das prazas asignadas para esta formación no Sergas daqueles titulados que optan pola Medicina Familiar.
Nove das 25 prazas MIR que ofrecía a área de Lugo quedaron desertas
Por primeira vez en anos, Galicia non deu cuberto todas as prazas de MIR para médicos de familia que se ofreceron no proceso de asignación pechado a pasada semana. Das 142 dispoñibles, nove delas quedaron desertas, todas na área de Lugo, onde a oferta total era de 25.
Xa que logo, quedaron sen asignar máis dun terzo das prazas de formación en Medicina Familiar e Comunitaria na unidade docente lucense, que ofrecía cinco prazas para a residencia de catro anos no centro de saúde de Burela, dúas na de Monforte e 18 a repartir entre cinco ambulatorios da cidade de Lugo, os de Castro de Rei e Sarria e o PAC de Vilalba.
Así, o Sergas deixará de formar durante os vindeiros catro anos nove médicos de Atención Primaria, xusto a área onde máis profesionais se precisan pola vaga de xubilacións e a saturación nos centros de saúde. Galicia non cubriu todos os postos, ademais, mentres a Xunta reclama ao Goberno central a acreditación de máis prazas MIR. A última vez en novembro, cando solicitou 64 máis que non foron incoporadas na convocatoria de 2022.
No conxunto do Estado, 200 prazas MIR de Medicina Familiar quedaron sen asignar
A solución ante as nove prazas agora desertas estaría en ofrecer estes postos vacantes a persoal médico estranxeiro -de haber profesionais interesados en formarse na área de Lugo-, pero ese paso precisa da autorización do Ministerio de Sanidade. O lóxico, vistos os antecedentes noutros territorios, é que as prazas queden desertas.
O ocorrido é un síntoma máis dun problema na Atención Primaria, grave e recoñecido pola propia Xunta, que afecta tamén o conxunto do Estado. De feito, a asignación para os MIR deste ano en España acabou con 217 prazas sen cubrir, das que 200 corresponden á Medicina Familiar, un ámbito onde a precariedade, sobrecarga de traballo e a presión está arredando o persoal dos centros de saúde. É, ademais, a primeira vez en moitos anos que non se logran asignar todas as prazas.
No caso de Galicia, levaba tamén "anos cubrindo o 100% das prazas para formación de especialistas en medicina de familia", como destaca a Xunta, unha tendencia rachada agora. Así, só Madrid, Murcia, Comunitat Valenciana e Illes Balears conseguiron esgotar todas as súas prazas. En Catalunya, por exemplo, quedaron 71 vacantes en Medicina Familiar, mentres que en Castilla y Léon esa cifra ascendeu a 45 polas 41 de Extremadura.
"A sobrecarga crónica que hai hoxe en día na Atención Primaria é insostible e inaceptable", destacaba en Praza.gal José Luis Jiménez, presidente do Colexio de Médicos de Ourense e vogal do Consello Galego de Colexios Médicos. "Para moita xente nova, a posibilidade de organizarse e conciliar é maior noutras áreas", engadía sobre as causas do rexeitamento das prazas nos centros de saúde.
No caso das prazas MIR sen cubrir en Galicia, e á marxe das causas xa esgrimidas polo persoal, fontes sanitarias advirten tamén que na área lucense a adscrición dos médicos en formación á súa unidade docente implica que poidan acabar traballando en lugares tan distantes como Monforte, Castro de Rei, Burela ou Vilalba. "Ao final tamén inflúe o menor interese e as maiores dificultades dos recentemente titulados para facer a residencia no rural", din as mesmas fontes.
"Que agardaban que pasase?"
Para paliar este déficit de profesionais na Atención Primaria, a Xunta insiste en reclamar outras medidas ao Goberno central ademais da convocatoria extraordinaria de máis prazas MIR, como a tramitación preferente da creación dunha especialidade de medicina de urxencias que evite que estes profesionais ocupen prazas formativas de medicina de familia, ou a eliminación das limitacións nas taxas de reposición que, segundo a Consellería de Sanidade, "impiden aos servizos de saúde autonómicos ofertar a totalidade das súas prazas vacantes".
Desde a Asociación MIR España, que traballa na defensa dos intereses dos Médicos Internos Residentes, declaran a súa "sorpresa" ao comprobar a "estupefacción de médicos especialistas por teren quedado 200 prazas de Medicina Familiar desertas".
"Os opositores ven o panorama da Atención Primaria, con axendas de 60 pacientes ou máis, depsprestixio social, baixos salarios, agresións... Que agardaban que pasase?", expresou o colectivo, que advirte de que "ninguén quere explotación laboral" nin ser obxectivo dos doentes que derivan "ao médico de familia as súas frustracións polas carencias do sistema".
"Se a Atención Primaria acaba non será culpa do persoal médico, senón dos políticos que non invisten o diñeiro suficiente para que funcione ben", remata a Asociación MIR España.