A enfermería eventual devece pola súa 'reforma laboral': o 50% dos contratos deste ano rematan en maio

Unha enfermeira nun hospital galego CC-BY-SA Xunta

Os datos recollidos por Eventuais en Loita sinalan que a metade das enfermeiras contratadas este ano rematan a súa vinculación a finais de mes

No mesmo día no que os datos do paro confirmaban os efectos da nova reforma laboral á hora de reducir a temporalidade na contratación e aumentar as vinculacións indefinidas ata máis do 40% en Galicia, a enfermería eventual volvía advertir da precariedade e da provisionalidade levada ao extremo no Sergas. 

Eventuais en Loita, colectivo que agrupa milleiros de enfermeiras, fixo públicos os últimos datos sobre a contratación ofertada polo Sergas ás profesionais incluídas nas listas de selección temporal en base ás consultas dos contratos de arredor de 300 compañeiras. Segundo estes, o 50% das enfermeiras contratadas nestes catro primeiros meses do ano rematan a súa vinculación a finais deste mes de maio e tamén case a metade -o 45%- asinaron contratos de menos de trinta días. 

Nuria González, enfermeira e integrante de Eventuais en Loita CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

"O que precisamos nós é unha reforma laboral na que se esixa ás administracións que non abuse da temporalidade, porque neste caso é precisamente a Xunta quen está a recorrer sistematicamente a este sistema de contratación precario e eventual", explica Nuria González, integrante de Eventuais en Loita, respecto uns datos que "constatan un problema grave ao que o Sergas non pon solución". 

O colectivo advirte de que case a metade dos contratos en 2022 son de menos dun mes que alerta dunha "importante fuga de profesionais"

"Claro que ten que existir a eventualidade, pero non a estes niveis que afecta o traballo do persoal e, en consecuencia, ao coidado dos pacientes", insiste González, que advirte dunha "mala xestión" que está a provocar unha "fuga importante de profesionais que non queren seguir aturando este sistema". "Xa se está a notar un déficit de enfermeiras que vai ser peor no verán", explica. 

Segundo denuncia o colectivo, son moitas as traballadoras que están optando por ir traballar a outra comunidade autónoma ou mesmo optando por outro emprego ante a "eventualidade constante e a imprevisibilidade que provoca o sistema de contratación na sanidade pública galega". 

De feito, hai poucas semanas a entidade facía públicos os resultados dunha enquisa onde o 70% das enfermeiras eventuais do Sergas aseguraban ter pensado en abandonar a profesión ante a precariedade que sofren

Agora, neste novo estudo baseado na análise duns 300 contratos en 2022, Eventuais en Loita revela que en case todos os casos consultados -o 99%- as enfermeiras son avisadas con menos cinco días de antelación para empezar a traballar. "E segue habendo moitos casos nos que só se avisa unhas horas antes", explica González. 

"Hai mala xestión e nula previsión porque os profesionais do Sergas con dereito a vacacións xa as teñen que ter pedidas e os días de libre disposición pídense tamén varias semanas antes", explican desde Eventuais en Loita, que denuncia que Sanidade continúa ofrecendo contratacións de curta duración en lugar dun mínimo de catro meses, que é o que corresponde co período vacacional "e coa época onde, cada ano, hai escaseza de persoal e se insta as profesionais a dobrar quendas". 

Unha enfermeira quita as luvas de protección CC-BY-NC-ND Ariadna Creus e Àngel García (Banc d’Imatges Infermeres)

Ademais, o colectivo tamén denuncia que o Sergas está a utilizar o contrato de acúmulo de tarefas -un modelo indicado para atender esixencias circunstanciais ou acumulación de traballo excepcional- para "cubrir baixas" ou mesmo "ocos libres por xubilacións". 

Eventuais en Loita advirte dun "problema moi grave coa falta de profesionais en Galicia", sobre todo de cara a este verán, e asegura que seguirá "denunciando a mala xestión" do Sergas. "Están pagando o que levan facendo mal durante anos", conclúe González. 

O colectivo leva case tres anos denunciando a súa dura realidade e poñendo datos e testemuños á súa situación. "11 anos, 557 contratos e 5 e medio cotizados", advertira unha das moitas profesionais que resumira o día a día de tantas. Hai xa meses, e mentres a Xunta presumía dunha estabilidade de ata o 90% do persoal, Eventuais en Loita tiraba de cifras oficiais ou de enquisas para situar en máis dun terzo a cantidade de traballadoras en situación de eventualidade ou no 44% a porcentaxe das que levan máis de dez anos nas listas de contratación

"Seguimos sendo persoal de usar e tirar. A reforma laboral nin a cheiramos", din agora. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.