Hai tan só uns meses Antonio Fernández-Campa, xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), afirmaba nunha entrevista en televisión que a precariedade "non é una situación habitual" na sanidade pública do país e que "o 85% dos traballadores está en vínculos estables". Tamén o conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuiña, insistiu varias veces na estabilidade á que tamén se referiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que afirmou que o 88% do persoal ten un "nomeamento definitivo".
Feijóo, Almuiña ou Fernández-Campa insisten en que case o 90% do persoal sanitario é estable; o estudo de Eventuais en Loita rebáixao ao 65%
As continuas referencias do Goberno galego á suposta estabilidade ofendeu varios colectivos, en especial ao da enfermaría eventual, que leva meses mobilizado e advertindo da súa precariedade, da enorme cantidade de contratos asinados e da elevada porcentaxe de temporalidade. Agora, e para denunciar tamén "a falta de transparencia relativa aos datos dos traballadores do Sergas", Eventuais en Loita quere poñer cifras á súa situación e vén de publicar os resultados dun estudo de campo que conclúe que máis dun terzo do persoal de enfermaría da sanidade pública en Galicia sofre a eventualidade.
O estudo baseouse nas preguntas realizadas a case 3.500 enfermeiras de oito distritos nas áreas sanitarias galegas e co obxectivo de "levantar a voz contra a precariedade e a elevada taxa de persoal estatutario temporal". Os datos finais conclúen que o 36% do persoal de enfermaría é eventual, un 29% traballadoras con vacante e un 7% ocos libres, cubertos con acúmulos de tarefa.
Eventuais en Loita insiste en que esta é a "realidade actual", xa que "o nomeamento de carácter interino do persoal que cobre unha vacante é Personal Estatutario Temporal, coma así o reflicte o Estatuto Marco Lei 55/2003, de 16 de decembro". "Os datos do Sergas están claramente terxiversados para maquillar a realidade", insisten.
O colectivo lembra que os datos que agora agroman achéganse aos publicados polo Consello de Contas e que situaba os índices de temporalidade nun 40% en Atención Especializada e 28,1% en Atención Primaria en 2017 ou os dun 37,6% e 26,3% respectivamente en 2016. Mesmo nalgunhas áreas sanitarias as cifras son aínda maiores, advirte.
Máis dun terzo das enfermeiras non teñen contrato estable no Sergas, segundo o estudo realizado por Eventuais en Loita, que debulla datos en varios distritos
Os datos, ademais, varían moito segundo o distrito analizado. Así, no Salnés a eventualidade do persoal elévase a case o 55%, na zona de Cee rolda o 46% e no novo hospital de Ourense o 45%. Pola contra, é moito menor en Ferrol (28%) ou A Mariña (32%).
Para Eventuais en Loita, a "ocultación" que segundo denuncian fai a Xunta desta realidade "pode ter sentido se o que pretende a Administración é evitar a presión lanzada dende diferentes institucións comunitarias coma a Comisión Europea", que recomendou no seu informe do primeiro semestre do 2019, “reforzar as inspeccións de traballo para evitar o abuso de contratos temporais” advertindo de que “os xestores seguen facendo un uso extremo dos contratos a curto prazo“.
Ademais, o colectivo, que mobiliza unhas 7.000 persoas e representa un colectivo dunhas 10.000, asegura que de existir un rexistro público de persoal fixo e eventual debidamente actualizado, "este estudo non sería necesario". "Pero a transparencia non existe e os datos son opacos e terxiversados".
Outro estudo do colectivo baseado nunha enquisa concluíu que case o 45% das enfermeiras leva dez ou máis anos nas listas de contratación do Sergas
"Só cos números públicos e reais poderemos cuantificar e definir con exactitude as prazas actuais, a súa cobertura e as previsións de xubilacións ca fin de coñecer o estado real da totalidade do cadro de persoal de enfermeiras do Sergas", din.
Non é a primeira vez que Eventuais en Loita intenta deitar luz sobre a situación do seu colectivo a través de estudos ou enquisas como a realizada a primavera pasada e na que se concluía que case o 90% das entrevistadas dicían sufrir precariedade laboral, que case o 45% levaba dez ou máis anos nas listas de contratación ou que a media de contratos que asinaban nun ano era de 24.