A Xunta teima en asegurar que a inmensa maioría de persoal que traballa no Sergas é estable. Ante as protestas masivas da enfermería ou de médicos en precario que denuncian moreas de contratos por ano, inestabilidade e mudanzas constantes de área ou localidade, a Consellería retruca con cifras nas que esa estabilidade supera sempre o 80% dos seus traballadores.
Ante o abraio de persoal, sindicatos e colectivos profesionais, foi Feijóo o último en tirar deses números este pasado mércores no pleno do Parlamento. O portavoz de En Marea, Luís Villares, lembroulle a eventualidade que sofren milleiros de enfermeiras e que denunciaron masivamente nunha protesta histórica que tinguiu de negro as últimas oposicións ao Sergas celebradas en Silleda. Expúxolle o caso dunha profesional que acumulou máis de 800 contratos en once anos ou os habituais de quen asina un contrato de luns a venres para que non lle contabilicen as fins de semana.
Feijóo considera "barbaridades" as denuncias sobre a masiva eventualidade na enfermería do Sergas e asegura que o 88% do cadro de persoal "ten contrato indefinido estatutario"
Feijóo non só negou precariedade, senón que cualificou de “barbaridades” as denuncias de Villares, a quen atribuíu descoñecemento. Ante as acusacións de que había 8.000 enfermeiras en precario en Galicia, o presidente da Xunta asegurou que do total de 10.800 profesionais de enfermaría do Sergas, “o 88% teñen contrato indefinido estatutario”. Na réplica, insistiu en que case o 90% “teñen contrato de nomeamento estatutario de carácter fixo”.
“Empregan esas palabras para non ter que dicir persoal fixo porque saben que non é certo que o 88% do persoal de enfermería o sexa”, din fontes do Eventuais en Loita, colectivo que impulsou a protesta nunhas oposicións ás que acudiron, precisamente, máis de 7.600 persoas sen praza fixa, o que provocou problemas no Sergas para cubrir a súa ausencia. “Non hai maior constatación da escaseza de persoal fixo no sistema”, insistiu a entidade.
“Como pode o presidente Feijóo afirmar que o 88% da efermería é fixa? Acaba de acontecer no pleno e, xa non como política senón como enfermeira, paréceme un insulto”, reaccionou Eva Solla, portavoz de Sanidade de En Marea na Cámara e unha das asistentes ás oposicións do pasado 12 de maio.
Onde está o truco segundo os afectados? Fontes de enfermería e de Eventuais en Loita explícano. “Consideran estable unha interinidade ou unha comisión de servizo, pero iso non é ter un contrato estable porque se pode perder en calquera momento”, aclaran. E van máis aló.
O Sergas considera "estable" o contrato de enfermeiras que ocupan unha vacante, sen praza fixa nunha área e que perden non momento no que un traballador fixo solicita a praza no concurso de traslados
Segundo explican, a porcentaxe de persoal fixo na enfermaría galega é minoritario. Parte dos traballadores que a Xunta considera fixos teñen en realidade un contrato que o Sergas define como “estable” ou “indefinido” pero que se pode perder "en calquera momento". Son enfermeiras que ocupan unha vacante a través dun contrato asinado para un ano e non para un posto determinado, senón para todo un complexo sanitario. “Pódenche cambiar de área, de quenda ou as vacacións en calquera momento”, explican.
Ademais, desde hai tempo, o Sergas convoca cada ano un concurso de traslados aberto e permanente para o persoal fixo, que pode pedir un cambio e solicitar a praza que ten calquera traballador de enfermería na anterior situación. Nese caso, perdería o seu posto e volvería ás listas de contratación. “Asinamos un suposto contrato fixo para unha praza que non existe e que podes perder en calquera momento; é a iso ao que o Sergas chama estabilidade”, insisten.
Feijóo non foi o único. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, tamén advertira, en contra do que din sindicatos e profesionais, que o 88% do persoal de enfermaría ten “un posto estable” e que “o restante persoal eventual é necesario para reforzar os cadros de persoal en momentos de maior carga asistencial ou para cubrir as ausencias do persoal estable”.
Almuíña asegura tamén que case o 90% do persoal de enfermería ten "un posto estable" e o xerente do Sergas di que "o 85% dos traballadores do Sergas etán en vínculos estables"
Nese caso, Almuíña asegurara que o Sergas conta cun cadro e persoal medio de 8.900 profesionais de enfermería, mentres que Feijóo asegurou que o total de traballadores nese ámbito é de 10.800. Fontes de Eventuais en Loita pregúntanse de onde se tiran as cifras “cando a Xunta se nega a facer unha relación de traballadores do Servizo Galego de Saúde”.
Xa en termos globais, Antonio Fernández-Campa, xerente do Sergas, asegurara en La Sexta que “o 85% dos traballadores do Sergas están en vínculos estables”, outra afirmación que creara fonda indignación entre o persoal, que insiste en que a utilización de termos como este ou “posto estable” non son máis que unha forma de evitar dicir “persoal fixo”, unha situación que, denuncian, non é o maioritaria que di a Xunta.