A enfermería érguese contra a precariedade no Sergas e tinguirá de negro as oposicións deste domingo

Exames de oposicións en Silleda e imaxe do colectivo de enfermeiras eventuais CC-BY-NC-SA Praza Pública

"Que pasaría se as eventuais do Sergas deixáramos de coller o teléfono durante un mes?" A pregunta é a reflexión final dunha enfermeira do Servizo Galego de Saúde. Nun vídeo con milleiros de visitas, resume boa parte das reivindicacións dun colectivo que visibilizará masivamente este domingo o seu fastío pola precariedade case eterna coa que conviven. 

“Ata aquí chegamos, non podemos máis; non imos permitir que nos precaricen máis”, din desde Eventuais en Loita, colectivo que abrangue as reivindicacións do colectivo eventual de enfermaría

“Ata aquí chegamos, non podemos máis; non imos permitir que nos precaricen máis”, di Catuxa, unha das enfermeiras portavoz de Eventuais en Loita, colectivo que logrou reunir todas as reivindicacións –e das diferentes áreas sanitarias galegas– dos enfermeiros e enfermeiras eventuais de Galicia. Este domingo 12 de maio están chamados en Silleda ao concurso oposición ao que se presentarán máis de 8.800 persoas. Todas os que queiran seguir traballando no Sergas e manterse nunhas listas de contratación duns 10.000 profesionais aos que a cualificación destas probas suponlles o 60% da súa nota. 

Ese será o destino da inmensa maioría, xa que as probas do domingo ofrecen 830 prazas e só 372 para a quenda libre. Milleiros de enfermeiras seguirán ocupando ocos estruturais no sistema sanitario público, encadeando contratos de días ou semanas, agrandando o seu extenso folio de vida laboral, pendentes do teléfono cada pouco para saber como e onde traballan á xornada seguinte, sen posibilidade de planificar ou conciliar, minguando a capacidade dunha axeitada atención e teimando na precariedade. A media de tempo que precisa este colectivo para acadar unha praza de vez no Sergas pode chegar aos quince anos

Ante todo isto rebélase Eventuais en Loita, que chama aos opositores do domingo a acudir de negro ás probas (#OPEnegra) para reclamar solucións. Como ocorre nos venres negros da CRTVG, enfermeiros e enfermeiras tratarán de tinguir de negro o amplo espazo que Silleda reserva a estas probas. “Sobrepasounos o apoio, que chega de todas partes e formas; estamos encantados e cremos que a protesta será un éxito”, din desde o colectivo, consciente de que a súa realidade é cada vez máis coñecida. Nos vídeos que apoian a súa loita, desde responsables políticos até actores e actrices, pasando por profesionais sanitarios ou grupos musicais

Eventuais en Loita chama ás máis de 8.800 enfermeiras que acudirán ás oposicións de Silleda este domingo a vestir de negro para rexeitar a súa situación de precariedade

“Calquera persoa que teño un familiar ou amigo na enfermaría sabe do que falamos, pero tamén o conxunto da cidadanía se está a decatar da nosa precariedade”, insiste a portavoz de Eventuais en Loita, que emprega unha frase para resumir a situación: “Róubannos o tempo”. “Non sabemos canto imos traballar nin o horario que imos ter ata horas antes; non podes levar a cabo a túa vida e cousas tan sinxelas como ir buscar os cativos ao colexio fáisenos difícil”, explica quen denuncia a “escravitude” que supón “non dispoñer do tempo libre”. “Non podemos organizalo, estamos sempre pendentes do móbil, sen posibilidade de planificar, nin moito menos de conciliar... Estabilidade? Iso xa é utópico, nin sabemos o que é”, engade. 

O paro e a crise económica provocaron que apenas se convocasen oposicións e se fose “creando un funil”. Segundo explica o colectivo, os profesionais que deberan estar collendo praza durante estes últimos anos “non tiveron oportunidade” e as listas “medraron moitísimo, ata multiplicarse por 6-7 veces”. A experiencia de varias fontes no sector indica que é habitual traballar en servizos onde a metade do persoal non é fixo. Como mínimo. O cálculo de Eventuais en Loita é que, no caso da enfermaría, faría falta ofertar máis de 2.000 prazas para cubrir a necesidade real

Desde o Sergas, o seu xerente, Antonio Fernández-Campa, asegura que “o 85% dos traballadores” do sistema sanitario público galego “están en vínculos estables”, algo que desmenten fontes do persoal que aseguran que a Xunta inclúe aí interinidades ou comisións de servizo. 

Para os traballadores, tal e como denunciaran o Sindicato de Enfermaría-Satse ou Aensac (Asociación de Enfermaría Sociosanitaria da Coruña), non hai maior proba da escaseza de persoal fixo que os problemas que está a ter o Sergas para cubrir as ausencias dos milleiros de profesionais que acoden a Silleda

Os problemas da Xunta para cubrir baixas de enfermaría durante as probas do domingo constatan a escaseza de persoal fixo

A situación levou a Xunta a ter que ofrecer en varias áreas sanitarias a ese persoal de enfermaría estable a realización dunha xornada voluntaria nese día con retribucións que case dobran as habituais dun festivo: uns 200 euros brutos (199,15 euros para a quenda de mañá ou tarde e 200,23 para a de noite). Ademais, o Sergas denega a enfermeiros e enfermeiras fixas vacacións, días libres ou permisos para ese domingo “escudándose en que non teñen xente para cubrir as substitucións”, segundo relatan fontes do persoal. 

© Eventuais en Loita

A situación, xa que logo, é a repetida e denunciada tantas veces: “precariedade e eventualidade”. Preguntada algunha membro de Eventuais en Loita polas razóns que poden levar a Xunta a non corrixir estas eivas, a opinión é clara: “Hai claros intereses da Xunta en potenciar a sanidade privada e deixar varada a pública... Se sobrevive, ben, e se lle vén un golpe de mar, que a leve”. “Non queren facer nada pro volver á sanidade que tiñamos, que era de calidade e na que todos queríamos ser atendidos. Desde hai uns anos, desgraciadamente, xa non podemos dicir iso porque a calidade non é a mesma”, remata outra profesional. 

“Hai intereses da Xunta en potenciar a sanidade privada e deixar varada a pública... Se sobrevive, ben, e se lle vén un golpe de mar, que a leve”

O domingo, na proba que reunirá máis de 8.000 enfermeiras e enfermeiros en Silleda, o loito de milleiros de profesionais fará visible outro conflito que o Sergas non dá arredado na sanidade. Como o da Atención Primaria, o das Urxencias, o dos PAC ou o dos médicos eventuais. Todos con relatos sobre a precariedade no Sergas habitualmente repetidos

“É algo único porque fomos todas a unha e é a primeira vez que o colectivo de enfermaría se ergue así; estamos fartas e ata aquí chegamos porque non podemos máis”, rematan Eventuais en Loita que advirten que, pase o que pase, "a loita terá que continuar". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.