Persoal precario do Sergas plántase para deixar de "organizar a miseria"

O colectivo de médicos eventuais Precarias pola atención primaria rexeita o novo contrato "de continuidade" que propón o Sergas. CC-BY VV

En termos xerais a cidadanía de Galicia e de España adoita dicir que está contenta coa atención sanitaria ou polo menos que “temos sorte” polo feito de contar cun sistema público de saúde. Isto é certo, pero nuns sitios funciona mellor que noutros.

A dimisión histórica dos xefes de servizo de Atención Primaria de Vigo, ratificada este martes en asemblea, e as condicións de traballo "indignas" que os médicos eventuais revelan, dá mostra de que en Galicia, e moi especialmente na área de Vigo as cousas non funcionan ben.

Os traballadores eventuais da área de Vigo encadean unha media de 39 contratos por ano

Estamos a falar de persoal altamente cualificado que no mellor dos casos saca a carreira en seis anos, fai o MIR e logo a especialidade. En total son 11 anos de formación e práctica obrigatoria antes de incorporarse ao ansiado mercado laboral. Laura Prado, membro do colectivo de médicos eventuais en situación de precariedade laboral Precarias pola atención primaria, explica que en 20 meses asinou 50 contratos, e no pasado mes de agosto ía a contrato por día, movéndose por toda a área sur de Pontevedra. “Tes que ter datos no móbil sempre vendo o GPS para atopar o Centro de Saúde”. A súa situación non é excepcional e di que pode sentirse incluso afortunada posto que a media está en 39 contratos por ano.

Non faltan médicos -na última OPE presentáronse máis de 1.000- o que sucede é un éxodo de profesionais cara a fóra de Galicia, como amosa que só no último ano 129 facultativos olicitaron o certificado de idoneidade para traballar no estranxeiro, lembran

O colectivo lamenta que como solución a esta precaria situación desde o Sergas se propoña o “contrato de continuidade”, xa oficial desde o 31 de xaneiro, e que afectará tanto a médicos de familia como a pediatras de atención primaria. Este contrato, que de momento convive co anterior, inclúe por exemplo que o 40% do horario do mes está sen fixar. O Sergas pode avisar en calquera hora do día, da noite ou festivo para a incorporación inmediata a consultas ou gardas nun punto xeográfico non determinado. Non define número de gardas, nin fai distinción entre gardas de noite ou de día. “Podes encadear 31 horas seguidas de traballo e pasar consulta de 7 horas aos pacientes despois de estar toda a noite traballando en urxencias”, alerta Laura Prado. Ademais, este contrato non afecta só aos médicos temporais, xa que abre a porta á creación da praza estrutural de médico de área o que suporía a eliminación do médico de familia tal e como o entendemos. “Isto significa aceptar que os nosos maiores sexan atendidos cada día por un doutor, desaparece a lonxitudinade na atención, o que pode derivar no aumento da morbimortalidade” (morte por enfermidades), explica a doutora Prado.

Os representantes deste colectivo aseguran que non faltan médicos -na última OPE presentáronse máis de 1.000- o que sucede é un éxodo de profesionais cara a fóra de Galicia, como amosa o feito de que só no último ano 129 facultativos de Galicia solicitaron o certificado de idoneidade para traballar no estranxeiro, 44 da provincia de Pontevedra. 

Consulta de atención primaria nun centro de saúde. © Xunta

Solucións

A solución a esta precariedade do sistema de saúde viría pola creación de contratos de estabilidade a través da oferta pública de emprego. O colectivo pide negociar coa Xunta un novo contrato, pero se non se crean novas prazas non se solucionará o problema, porque “é imposible organizar a miseria”, asegura a doutora Prado.

Para a plataforma de Precarias pola atención primaria é necesario que o Sergas faga unha auditoría para estudar esta situación, xa que o número de prazas necesarias suporía outras 500, como mínimo.

Deste xeito, a Xunta debería convocar oposicións que cubran as prazas vacantes das xubilacións e creen novas prazas para facer fronte á masificación dos cupos, a maior complexidade das probas diagnósticas, á maior demanda e ao envellecemento da poboación.

Con esta situación as 250 prazas anunciadas polo Sergas non chegan para cubrir as vacantes a día de hoxe nin as xubilacións en masa previstas dos próximos 5 anos. Para a plataforma de Precarias pola atención primaria é necesario que o Sergas faga unha auditoría para estudar esta situación, xa que o número de prazas necesarias suporía outras 500, como mínimo.

Dimisións irrevogables e folga

“Dimitimos por dignidade e porque estamos convencidos de que unha primaria que sexa o eixo sanitario redundaría en beneficio de todos, dos pacientes e da comundidade, sería unha sanidade máis equitativa, máis eficaz e máis sostible”. Manuel Domínguez Sardiña é un dos xefes de servizo dimitidos da área de Vigo. Asegura que pensaban que tras a primeira dimisión de decembro, que non aceptou o Sergas, cesaría ao xerente da EOXI (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada), pero este feito non ten sucedido de momento e os xefes de servizo non recoñecen á dirección actual como interlocutor.

O doutor Domínguez Sardiña pon o foco na sobrecarga de traballo que soportan, pero tamén noutras medidas do plan da Xunta que son “fume”, como alongar a idade de xubilación ata os 70

Tres meses despois desa primeira dimisión, 22 xefes de servizo da área de Vigo presentan a súa “dimisión irrevogable”, xa que non se teñen implantado solucións concretas e o novo modelo proposto está pragado de “parches”. O xefes dos centros de saúde non están en absoluto de acordo co novo “contrato para os precarios”, nin co cambio na estrutura da EOXI, que “só é un cambio de nome”. Sardiña pon o foco na sobrecarga de traballo que soportan, pero tamén destaca outras medidas no plan da Xunta que son “fume”, como alongar a idade de xubilación ata os 70, porque “todos sabemos que os médicos non van querer porque non estamos motivados “ ou o MIR extraordinario, que vai afondar no éxodo masivo de médicos.

“Eu síntome dimitido desde hoxe e se a xerencia cre que teño que exercer mentres non me acepte a dimisión, pois que abra un expediente”, indica o doutor Domínguez Sardiña.

Este xefe de servizo séntese orgulloso do traballo realizado xa que xunto cos seus compañeiros de Vigo deron o sinal de alarma que mobilizou a primaria de Galicia. “ A primaria de Vigo nunca estivo tan unida e tan mobilizada. Eu levo 30 anos e nunca houbo unha mobilización como esta”, destaca.

"A folga de tres días de abril aprobouse en Vigo por unidade, como primeira medida de presión, pero haberá máis. Agora non vamos quitar o pé do acelerador".

Agora os xefes de servizo de Vigo queren deixar de ser un elemento de presión e se integran noutros colectivos de sociedades profesionais que apoian as súas reivindicacións e seguirán con accións concretas, como é o caso da anunciada folga de atención primaria en abril. “A folga de tres días de abril aprobouse en Vigo por unidade, como primeira medida de presión, pero haberá máis. Agora non vamos quitar o pé do acelerador. Vamos tentar de verdade que isto supoña un cambio importante e non os cambios que nos ofrece a Consellería”, asegura.

Manifestación pola Sanidade en Vigo. CC-BY-NC-SA CIG

Resposta da Consellería 

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade defende que ten adoptado medidas concretas e propostas nas que se recollen as demandas dese colectivo “co obxectivo común de impulsar un novo modelo de atención primaria que dea respostas ás necesidades dos vindeiros 25 anos”.

En concreto a Consellería destaca o compromiso para manter un orzamento específico para o programa de gasto en atención primaria de saúde, diferenciado dentro da clasificación funcional. “Por primeira vez comprométese un orzamento exclusivo no capítulo VI para adquirir equipamento clínico, mobiliario, dotación informática e facer pequenas reformas nos centros de saúde tal e como se anunciou co Plan de Necesidades, dotado con 17,3 millóns de euros para dous anos (2019 e 2010)”, indica nun comunicado.

A Consellería destaca que "o novo plan recolle a creación dunha Dirección de Atención Primaria na estrutura do Sergas e a creación dunha Comisión de atención primaria da área presidida polo titular da xerencia

O novo plan recolle a creación dunha Dirección de Atención Primaria na estrutura do Sergas, a creación dunha Comisión de atención primaria da área presidida polo titular da xerencia, da que formarán parte os xefes de servizo da área.

Con respecto á sobrecarga asistencial a Consellería subliña as 254 prazas ofertadas que se convocarán este verán para medicina de familia e outras 93 para pediatría de primaria.

A Xunta pon en valor tamén o novo contrato para eventuais, aprobado o 15 de xaneiro, “co que os profesionais terán maior estabilidade laboral pois son contratos cunha duración mínima de 1 ano e máxima de 3, desfrutarán de igualdade de dereitos e igualdade de retribucións, incluíndo o complemento de produtividade fixo e variable.”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.