Pacientes do PAC de Vigo chegan a soportar ata catro horas de espera pola ausencia de médicos

A dirección do PAC de Vigo desprazou o pasado sábado a un dos médicos a Moaña. É a cuarta vez que acontece esta situación no que vai de ano. Dominio Público PAC Vigo

“Por causas alleas aos traballadores deste centro hoxe falta un médico e non será substituído. Lamentamos e pedimos desculpas polos inconvenientes e esperas que este feito lles poida ocasionar”. Un folio pegado na parede con esta mensaxe trataba de desculpar unha situación caótica na sanidade que ten o seu maior exponente na área de Vigo

O sábado rexistrouse o cuarto colapso no que vai de ano do Punto de Atención Continuada (PAC) de Vigo, situado no antigo Hospital Xeral, motivado polo desprazamento dun facultativo para cubrir unha baixa noutro centro da área sanitaria. Andrés Carballo, un dos médicos de familia que a pasada fin de semana fixo garda no PAC, explica que nos días laborables sempre estamos catro, pero logo hai un reforzo para o venres, sábado e domingo. “O que está ocorrendo é que cando hai un descuberto nalgún outro PAC da área a solución é desprazar a un dos médicos que estamos en Vigo. “Ti vas traballar ao teu posto de traballo e non sabes onde vas terminar. É unha situación bastante estresante, co que iso supón para a atención aos pacientes”, indica. “O sábado quedamos catro profesionais traballando, cando tiñamos que ser cinco e chegou a haber un momento que había catro horas de demora na sala de espera”, lamenta Andrés Carballo. 

"É unha situación moi estresante, estamos sobrecargados. Antes era algo puntual e cada vez é máis frecuente”, indica o doutor Andrés Carballo, quen explica que ten garda o próximo domingo e xa está pensando que pasará, “onde me poden mandar”

A quenda do sábado comeza ás 15.00 h e é no momento en que chegan os médicos para traballar cando a dirección lles comunica que o único médico do PAC de Moaña ten unha indisposición polo que hai un descuberto total e hai que desprazar a un de Vigo. O problema é que o 061 tamén despraza aos facultativos para atención a domicilios, cando as ambulancias medicalizadas están ocupadas, de xeito que durante varias horas estiveron só dous médicos cunha demanda asistencial moi alta. “É unha sobrecarga do profesional, sobre o que recae a responsabilidade de aumentar o ritmo de traballo para non ter tanta demora de tempo. É unha situación moi estresante, estamos sobrecargados. Antes era algo puntual e cada vez é máis frecuente”, indica Carballo, quen explica que ten garda o próximo domingo e xa está pensando que pasará, “onde me poden mandar”.

Manifestación pola sanidade pública en Vigo CC-BY-SA CIG

Déficit de médicos

A situación actual foise fraguando pouco a pouco nos últimos anos ata chegar a un preocupante déficit de médicos. “Na área de Vigo e na comunidade falta persoal. O Sergas escúdase en que non hai xente nas listas, pero non hai xente porque nos últimos anos a Xunta adicouse a botala fóra cunhas condicións de traballo para os eventuais totalmente inaceptables, e a xente que ía terminando a residencia e incorporándose ao mercado laboral como médico de familia que podía estar nunhas listas de contratación marchou a outros sitios”, explica Elisa Ausín, médica titular do PAC de Vigo. Moitos profesionais cualificados marcharon entón a outras áreas de Galicia, ao resto de España ou simplemente traballan agora na privada.

O Sergas escúdase en que non hai xente nas listas, pero non hai xente porque nos últimos anos a Xunta adicousa a botala fóra cunhas condicións de traballo para os eventuais totalmente inaceptables, lamenta Elisa Ausín, medica titular do PAC de Vigo

Pero a solución no pode ser o novo contrato que aprobou o Sergas. “Galicia copiou o modelo de médico de área do País Vasco, pero en precario, con soldos máis pequenos. Puxo encima da mesa o contrato dos 61.500 euros brutos ao ano, a cambio de traballar 190 horas ao mes sen coñecer o 40% da xornada, o que na práctica quere dicir que hai que estar localizado 365 días ao ano 24 horas ao día”, indica Ausín.

Coa aplicación deste novo contrato, o que pasou este sábado en Vigo quedaría cuberto porque habería unha morea de traballadores precarios esperando a que o teléfono soase pero con este contrato “vas firmar que non vas estar máis de 15 días no mesmo sitio, polo que un dos piares básicos da medicina de familia, que é a continuidade no trato do paciente non vai ser posible, porque cada 15 días habería un médico distinto”, lamenta a doutora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.