A Xunta recortou durante seis anos os fondos para equipar centros de saúde que agora di que vai triplicar

Consulta nun centro de saúde de Galicia Dominio Público Xunta

O pasado martes, a Consellería de Sanidade emitía un comunicado no que aseguraba que o conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña, anunciara "que a Atención Primaria triplicará o seu orzamento e contará cunha partida diferenciada". Referíase, malia ese enunciado, aos cartos que cada ano se dedican nas contas da Xunta ao plan de necesidades, o que cobre as necesidades de equipamento, mobiliario e dotacións informáticas, así como as pequenas reformas dos centros de saúde. 

Segundo trasladou Almuíña nunha reunión aos médicos que participaron nos grupos de traballo para a reforma do modelo de Atención Primaria, o orzamento deste plan de necesidades cífrase en 17,3 millóns de euros en dous anos (2019 e 2020)

A Xunta anuncia que triplicará o orzamento para equipar ambulatorios logo de que o recortase durante anos; o bipartito investiu máis nesta partida en catro anos que o Goberno do PP en dez

Xa este mércores, tras reunirse co seu homólogo no País Vasco, Jon Darpón, advertiu de que esa cantidade era "bastante" ao "triplicar" as contías dos "últimos anos". Ademais, insistiu en que se trata dun plan "único e exclusivo" para a Atención Primaria. 

"A idea é que en dous anos nos poñamos ao mesmo nivel nos distintos centros de saúde", dixo, ao destacar que nos 17,3 millóns de euros "non se inclúe o investimento en novos centros de saúde" que xa están en execución. "A cantidade, polo tanto, é maior do que estamos a falar", engadiu. 

O anuncio do Sergas chega logo de que a Xunta recortase durante anos os fondos destinados a este plan de necesidades, ata deixalos en mínimos de 100.000 euros tanto nos Orzamentos de 2016 como nos de 2017. En total, e desde que Feijóo chegou á presidencia, o Goberno galego dedicou un total de 7,21 millóns de euros a esta partida entre 2010 e 2019, case 800.000 euros menos dos que o bipartito dedicou en catro anos, entre 2006 e 2009. Uns 720.000 euros de media cada exercicio fronte aos case 2 millóns do Executivo de PSdeG e BNG. 

Un repaso ás cifras que saen aprobadas nos Orzamentos --e que logo poden ser modificadas ao longo de cada ano-- deita claridade sobre o recorte que os fondos destinado a dotar de equipamentos e medios aos centros de saúde sufriron desde a volta do PP á Xunta, especialmente entre 2011 e 2017. 

O plan de necesidade sufriu un recorte de case o 100% entre 2011 e 2017 e un lixeiro aumento só elevou a partida ata os 800.000 euros neste 2019

Entre eses anos, o descenso foi progresivo ata pasar dos máis de 2,2 millóns destinados en 2011 aos 100.000 de 2016 e 2017, unha baixada de case o 100%. A partir de aí, un lixeiro aumento levou a partida ata os 800.000 euros destinados nas contas deste 2019, o que supón que para que o Sergas cumpra co anunciado polo conselleiro tería que dedicar máis de 16 millóns de euros á mesma partida nos Orzamentos do ano que vén ou levar a cabo unha importante modificación orzamentaria no exercicio vixente. 

Fondos para atención primaria e, dentro deles, para o plan de necesidades nos Orzamentos do Sergas para 2019 CC-BY-SA Praza Pública

Ademais, no seu anuncio, Vázquez Almuíña aclarou tamén que os xefes de servizo de Primaria de cada ambulatorio terán "un poder importante non só nas decisións asistenciais do día a día" do centro, senón tamén un poder "decisorio" para solicitar as melloras necesarias, que serán trasladadas á Xerencia da área sanitaria. 

Respecto ás actuacións que se van a levar a cabo neste plan, o conselleiro destacou que se cambiarán o 100% das impresoras e se substituirán o 25% dos equipos informáticos. Tamén se adaptará a historia clínica electrónica (IANUS) a un novo proceso de funcionamento que irá coordinado coa teleasistencia e que será implantado en todos os postos asistencias. Tamén, dixo, mellorarase a historia social, única para atención primaria, xa que segundo afirmou, "o traballo social é fundamental neste novo modelo". Asemade subliñou que se mellorará o IANUS en canto a pediatría, fisioloxía e outras especialidades que forman parte do equipo de Primaria.

“Con este plan imos poñer ao día as necesidades de equipamento, mobiliario, dotación informática e pequenas reformas”, rematou o conselleiro.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.