Unha cadea humana con centos de persoas e unha lonxitude de cinco quilómetros "contra o desmantelamento da sanidade pública". Esa foi a protesta celebrada este sábado e Ribeira convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza.
A falta de persoal e medios e as elevadas listas de espera foron os motivos aos que aludían convocantes e veciñanza nunha cadea humana na que tamén participou o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral.
A necesidade dunha resposta "contundente" e dunha mobilización constante foi respondida de novo con éxito dunha marcha para "defender o dereito a unha atención sanitaria pública e de calidade". No manifesto final, a plataforma convocante lembrou que o actual sistema sanitario público sofre unha xestión centrada "nos recortes, en desprestixialo, en deterioralo e desmantelalo infradotándoo de persoal e recursos, con financiamento deficitario".
A cadea humana defendeu "o dereito unha atención sanitaria pública e de calidade" e denunciou a falta de persoal médico e as elevadas listas de espera
"A política de recursos humanos baseada na precariedade contractual, nos salarios indignos e na sobrecarga laboral leva a que moitos profesionais se vexan obrigados a marchar ao estranxeiro onde son máis respectados e valorados”, expresaron tras repasar os recortes e eivas que na sanidade pública sofren diferentes concellos da comarca, de onde chegaron veciños e veciñas para participar na cadea.
Con esta protesta, a plataforma tamén insistiu nas demandas que levan tempo facendo ante a Xunta, como a "cobertura inmediata e permanente das prazas de profesionais sanitarios nos centros de Atención Primaria da comarca", así como "transparencia e publicidade dos tempos reais de agarda para todas as segundas ou sucesivas consultas co especialista ou probas diagnósticas derivadas das mesmas".
A cadea humana, que nun dos extremos partiu do hospital e o outro do centro de saúde para acabar confluíndo na rotonda do Xarás, serviu tamén para demandar "un plan de choque para reducir os tempos de espera das segundas consultas co especialista e as probas diagnósticas".

A veciñanza convocada tamén reclamou á Consellería de Sanidade unha atención de calidade "humanizada, segura, accesible, domiciliaria, próxima e equitativa" e incidiron nas dificultades evidentes polas que están a pasar os diferentes centros de saúde da comarca.