O Consello de Contas critica que o Sergas veña orzamentando de xeito reiterado menos fondos dos que precisa cada ano para medicamentos
O Consello de Contas fixo público este mércores un informe de fiscalización do gasto farmacéutico do Sergas no que constata que Galicia é a comunidade na que maior porcentaxe supoñen os medicamentos sobre o total do gasto sanitario, con 1.474 millóns de euros, un 27,5% dos 5.365 millóns de euros de gasto sanitario total rexistrado en 2023, o ano da auditoría. Contas tamén reflicte que o Sergas vén orzamentando reiteradamente menos fondos dos necesarios para asumir eses gastos. Igualmente, reclama uns mellores sistemas de control sobre a facturación das oficinas de farmacia.
O informe de Contas comeza constatando o elevado peso do gasto farmacéutico en Galicia, co 27,5% do gasto sanitario total e cun importe anual de "aproximadamente, 560 euros por persoa". "A progresiva introdución de medicamentos de alto impacto económico e o envellecemento da poboación, xunto co incremento da polimedicación, son factores que explican o maior crecemento do gasto farmacéutico e do consumo por persoa", explica o ente fiscalizador.
Máis da metade do gasto farmacéutico hospitalario prodúcese en pacientes ambulatorios, o 54,9%, fronte a só un 17,9% en pacientes ingresados
Contas tamén sinala que os orzamentos da Xunta veñen cubrindo arredor do 95% do gasto realizado no exercicio precedente, o que vén obrigando a desprazamentos de gasto entre exercicios e obrigan ao Sergas a mellorar a súa planificación orzamentaria. No eido hospitalario, o informe reflicte unha progresiva mellora no control dos inventarios e na redución das perdas provocadas pola caducidade ou o desperdicio de medicamentos. Tamén permite comprobar que máis da metade do gasto farmacéutico hospitalario prodúcese en pacientes ambulatorios, co 54,9%, fronte a só un 17,9% do gasto nos pacientes ingresados.
Porén, no eido do gasto farmacéutico fóra dos hospitais o informe considera que hai "limitacións no ámbito do control interno e do seguimento da facturación farmacéutica" xa que os colexios oficiais de farmacia actúan como intermediarios entre o Sergas e as oficinas de farmacia, o que "reduce a capacidade de comprobación directa e limita o alcance dalgúns mecanismos de control".
O informe de Contas revela que os colexios oficiais de farmacia como intermediarios entre o Sergas e as oficinas de farmacia supoñen unha limitación ao control e seguimento da facturación farmacéutica
Contas conclúe que o gasto farmacéutico do Sergas ofrece unha cobertura adecuada á poboación pero ve "marxes de mellora asociadas principalmente a debilidades na planificación orzamentaria, a diferenzas nos prezos de adquisición entre áreas sanitarias, a limitacións no control interno e á persistencia, aínda que limitada, de patróns de prescrición e consumo pouco eficientes". Por iso, reclama "reforzar a planificación, o control e as políticas de uso racional do medicamento".
O informe conta cun voto particular formulado polo conselleiro Simón Rego Vilar que lamenta que a fiscalización do gasto farmacéutico de 2023 que se prevía realizar en oito meses acabase tardando trinta meses. Tamén lamenta que non se afondase na análise das contratacións de medicamentos con procedementos sen concorrencia ou concurso público e que non analizasen mellor os conflitos de interese detectados no papel dos colexios oficiais de farmacia como intermediarios entre o Sergas e as oficinas de farmacia. "Estase a diagnosticar un evidente conflito de interese, pero non se están a analizar os casos producidos, nin as medidas adoptadas para mitigar os ditos conflitos", lamenta.