A Xunta segue co seu plan contra as baixas: reduce trámites das mutuas e crea dúas novas unidades sanitarias

Alfonso Rueda intervén despois da reunión do Consello da Xunta CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O plan contra as baixas continúa e a Xunta pon en marcha varias das medidas coas que pretende reducir as incapacidades temporais no traballo, logo de encetar outras paralelamente e no mesmo sentido nos últimos meses. Neste mes de novembro aplicaranse dúas delas, segundo anunciou o presidente da Xunta na súa comparecencia —sen preguntas en campaña electoral— tras a reunión semanal do Consello. 

A Xunta crea neste mes dúas novas unidades sanitarias de patoloxías músculoesqueléticas e de psiquiatría porque di que representan o 60% das baixas

A primeira é a posta en marcha en cada unha das áreas sanitarias dunha unidade de patoloxías musculo-esqueléticas e outra de psiquiatría menor, os dous grupos de doenzas "que representan o 60% das baixas laborais en Galicia". A segunda, outra medida xa anunciada hai meses que se inclúe dentro da intención de dar máis poder ás mutuas privadas, que agora só terán que rexistrar unha solicitude para todas as probas que queiran que se lle realicen a un traballador, en lugar de presentar unha por cada proba, como acontecía ata agora. Dúas iniciativas máis dentro dunha estratexia impulsada polas patronais e que agora pretende imitar Núñez Feijóo se chega á Moncloa. 

Alfonso Rueda preside a reunión do Consello da Xunta CC-BY-SA Xunta

Todo comezou o pasado mes de abril no debate de política xeral no Parlamento, cando Rueda fixo o seu anuncio estrela poñendo no albo o persoal de baixa laboral anunciando un novo plan para vixiar máis as incapacidades temporais. O Goberno galego, en medio dunha gran polémica e críticas sindicais, da oposición e de asociacións médicas, foi detallando algunhas medidas e aplicando outras, como reunións da Inspección de Servizos Sanitarios con persoal médico de familia para controlar caso por caso e promover a fin de procesos de baixa. 

Máis tarde, o Consello da Xunta aprobou o "reforzo inmediato" dos equipos de Inspección coa incorporación de 18 novos profesionais e, ao tempo, os obxectivos de xestión do Sergas desvelaron o recorte do soldo de médicos de familia con pacientes coas baixas laborais máis longas. 

En agosto, a Xunta pactaba coa patronal e cun único sindicato —a UGT— o Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, e semanas despois creaba a figura dos "coordinadores de reincorporación". Todo entre duras críticas dos dous outros dous grandes sindicatos do país, CIG e CCOO, que sinalan a Xunta por "criminalizar" as baixas, perseguir a clase traballadora e reforzar o poder das mutuas. 

O Goberno galego reducirá desde este mes os trámites para as mutuas: abondará unha única solicitude para todas as probas que queira facer a un traballador

Antes, a Xunta anunciaba e facía efectiva a modificación do protocolo para a xestión e seguimento das baixas co obxectivo de acadar un proceso "máis áxil e resolutivo". Un xeito de darlle máis poder ás mutuas, como a medida que Rueda vén de anunciar como efectiva desde este mes: a unificación nunha mesma solicitude de todas as actividades relativas ao proceso de baixa por parte da mutua.

José Manuel Vieites, José González e Cristóbal Medeiros, tras asinar o plan contra as baixas CC-BY-SA Xunta

"A proposta simplifica a tramitación cunha solicitude máis sinxela que se resolve de forma conxunta, e incorpórase a unha única declaración responsable sobre os centros nos que se realizarán as probas", explica a Xunta. Un xeito de axilizar os trámites das mutuas privadas. 

"Mellorar a atención ao persoal de baixa"

Por outra banda, a creación das novas unidades sanitarias xustifícase, segundo Rueda, en que "hai arredor de 22.000 incapacidades temporais" que se corresponden con esas patoloxías músuculo-esqueléticas, como lumbalxias, contracturas cervicais ou síndromes do túnel carpiano; e "arredor de 15.000 casos con trastornos de psiquiatría menor, como depresión ou ansiedade". 

O obxectivo, segundo o presidente da Xunta, é "mellorar a atención aos traballadores de baixa para favorecer que a súa recuperación sexa óptima e reducir a posibilidade de que aparezan complicacións ou secuelas da enfermidade". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.