No último debate de política xeral, Alfonso Rueda fixo o seu anuncio estrela e puxo no albo o persoal de baixa laboral co anuncio dun novo plan para vixiar máis as incapacidades temporais. Ao longo das seguintes semanas o Goberno galego foi detallando e aclarando as medidas dun plan que xa incluíra reunións da Inspección de Servizos Sanitarios con persoal médico de familia para controlar caso por caso e promover a fin de procesos de baixa. Iso sucedeu, cando menos, en 110 casos nun só mes.
A Xunta publica o novo protocolo para a xestión e seguimento das baixas para facer o proceso "máis áxil e resolutivo"
Logo, o Consello da Xunta aprobou o "reforzo inmediato" dos equipos de Inspección coa incorporación de 18 novos profesionais e, ao tempo, os obxectivos de xestión do Sergas desvelaron o recorte do soldo de médicos de familia con pacientes coas baixas laborais máis longas. Ao tempo, o Goberno galego anunciaba a súa intención de modificar o protocolo para a xestión e seguimento destas baixas, un cambio que é oficial desde hoxe xoves e que pretende un proceso "máis áxil e resolutivo".
O novo paso no plan da Xunta para reducir as baixas laborais saíu este pasado mércores no DOG, onde foi publicado este novo protocolo para a xestión clínica e o seguimento das incapacidades temporais. Con esta nova instrución, a Consellería de Sanidade modifica a do 1 de abril de 2019 co obxectivo de conseguir un proceso "máis resolutivo", reforzando o papel da Inspección e dando máis poder ás mutuas.
Tal e como explica o departamento que dirixe Antonio Gómez Caamaño, o cambio supón a mudanza de dúas das instrucións do protocolo vixente desde hai sete anos: a que ten que ver coas propostas de alta emitidas polas mutuas, para que sexan confirmadas o antes posible pola Inspección, e a que regula a autorización de probas diagnósticas solicitadas polas mutuas.
Se a proposta de alta da mutua está "debidamente motivada", a Inspección acordará a reincorporación sen que o silencio médico poida interpretarse como a continuidade da baixa
Que muda? Na instrución décimo terceira, Sanidade explica que "a partir de agora", as propostas de alta médica que as mutuas envían a Inspección deberán acordarse "sempre que estean debidamente motivadas e completas". En cambio, se fose insuficiente, o persoal inspector deberá convocar "a persoa interesada a un recoñecemento médico presencial antes de ditar unha resolución motivada sobre se procede ou non a alta".
Porque a redacción desta nova instrución é idéntica á de 2019 agás por dous novos parágrafos claves que se engaden. Establecen o protocolo a seguir pola Inspección e as dúas opcións que hai "no caso de que o facultativo controlador non emitise un pronunciamento no prazo sinalado".
Así, se a proposta da mutua está "debidamente motivada", con toda proba e documentación que acredite a recuperación do traballador, a Inspección "acordará a alta médica efectiva e inmediata sen que o silencio do facultativo ou do servizo médico poida interpretarse como confirmación da situación de incapacidade temporal".
Se a documentación da mutua é insuficiente, Inspección fará un recoñecemento médico á persoa de baixa para decidir
A mudanza sinala a conxuntura que se produce cando unha mutua traslada a súa aposta por que unha persoa de baixa deixe de estalo a través da Inspección, que á súa vez o comunica ao persoal médico para que traslade a súa opinión ao respecto. Moitas destas propostas son obviadas, algo que intenta paliar a Xunta, tamén a través dos obxectivos que marca ao persoal médico para non perder o 10% do complemento de produtividade: responder, como mínimo, ao 80% destas propostas de alta. Un xeito de evitar un recorte de soldo.
Ademais, e no caso de que a documentación achegada polas mutuas fose insuficiente, Inspección ten agora outra opción: "Convocará a persoa interesada" para un recoñecemento médico e decidir "sobre a procedencia da alta ou a continuación do proceso de incapacidade temporal".
Segundo a nova instrución, a "incomparecencia inxustificada" do traballador ou da traballadora a este recoñecemento "habilitará a Inspección para resolver cos elementos de xuízo dispoñibles, incluída a proposta de alta formulada pola mutua".
A Xunta explica que en xaneiro só o 40% das propostas de alta das mutuas acabaron sendo efectivas: apenas 81 de 1.137 foron resultado da confirmación directa da Inspección
A Consellería de Sanidade explica que en 2025 as unidades de Inspección e Control da Saúde Laboral tramitaron case 38.500 propostas de alta formuladas polas mutuas. Ademais, na resolución do DOG advírtese da "baixa eficacia" nestas propostas en relación coa súa resolución definitiva, asegurando que no pasado mes de xaneiro, apenas o 40% derivaron nunha alta efectiva, "unha porcentaxe inferior á media do resto de comunidades autónomas".
"Dos 1.137 procesos finalizados tras unha proposta de mutua, unicamente 81 foron resultado da confirmación directa por parte das unidades de Inspección", engade o texto, asinado por Natalia Lobato, secretaria xeral técnica da Consellería. "Ante esta situación, resulta imprescindible modificar a Instrución", dise.
Unha autorización única de probas
No caso da instrución décimo cuarta, a Xunta xustifica a súa modificación no intento de "reducir a burocracia", establecendo "sistema de autorización única para que as mutuas non teñan que tramitar unha solicitude individual por cada actuación". "Unha soa autorización habilitará todas as probas e procedementos terapéuticos necesarios, co que se gañará en axilidade para a recuperación do traballado", explica a Consellería.
Así, e ante a posibilidade das mutuas de solicita a autorización para "realizar probas diagnósticas e/ou procedementos terapéuticos, co fin de non prolongar innecesariamente os procesos de incapacidade temporal debido á demora nas listas de espera", a Inspección "emitirá unha única autorización de todas as probas diagnósticas e procedementos terapéuticos e rehabilitadores que gardan relación directa co proceso de incapacidade temporal e que figuren concreta e individualmente relacionados na solicitude presentada pola mutua colaboradora".
A nova instrución deseña unha "autorización única" da Inspección para as probas ou tratamentos que realicen as mutuas co obxectivo de evitar demoras
Nesta inclúense aquelas prescritas polo médico do Sergas "e non fosen realizadas xa logo de comprobar que o centro sanitario en que se van realizar conta coa autorización sanitaria correspondente".
Por outra banda, a Xunta lembra no comunicado o reforzo inmediato que pretende realizar dos equipos de Inspección de Servizos Sanitarios coa incorporación de 18 novos profesionais, nove de inspección e outros tantos de subinspección. Cun custo estimado de un millón de euros anual para o vindeiro trienio, será un "investimento extra" para "levar a cabo as medidas que buscan unha maior eficiencia na xestión dos procesos de baixa", segundo a Consellería de Sanidade.