Sanidade xa enviou a Inspección a 110 médicos para promover o remate de baixas laborais

Alfonso Rueda, tras o Consello da Xunta deste 18 de maio de 2026, sobre unha imaxe de arquivo dunha consulta nun centro de saúde do Sergas CC-BY-SA Fotos: David Cabezón / Ana Varela - Xunta | Montaxe: Praza.gal

A Xunta atribúe a revisión de máis de 3.000 baixas e a orde de máis de 700 altas ao que denomina "traballo especial de apoio" da Inspección de Servizos Sanitarios ao persoal médico mediante visitas presenciais que "continúan actualmente"

Foi o anuncio estrela do presidente no último debate de política xeral. Alfonso Rueda deu en poñer no albo o persoal de baixa laboral co anuncio dun novo plan para vixialas máis. Ao longo das seguintes semanas o Goberno galego foi introducindo matices e novidades nun plan que, revelaba a pasada semana La Voz de Galicia, xa estaba a incluír reunións da Inspección de Servizos Sanitarios, dependente da Consellería de Sanidade, con persoal médico de familia para controlar caso por caso e promover a fin de procesos de baixa. Iso sucedeu, cando menos, en 110 casos nun só mes.

Esas visitas ratificounas este luns o propio Goberno galego ao anunciar a aprobación no Consello da Xunta do "reforzo inmediato dos equipos de Inspección de Servizos Sanitarios coa incorporación de 18 novos profesionais", nove de inspección e outros tantos de subinspección. Cun custo estimado dun millón de euros anual para o vindeiro trienio, a súa encomenda será estar "dedicados especificamente a dar resposta ás medidas de mellora das xestión das baixas laborais", resume o presidente, Alfonso Rueda.

A Xunta anuncia esas incorporacións ao tempo que aproba "modificar as instrucións" que marcan "o protocolo para a xestión clínica e o seguimento das baixas laborais" para, di Rueda, conseguir "que o proceso sexa máis resolutivo". E nesa vontade encadra que, "ao longo do mes de marzo", a inspección sanitaria se "entrevistase con 110 facultativos". 

O Consello aproba incorporar 18 persoas máis á inspección para controlar baixas cun custo de 3 millóns e novas instrucións para as altas ditadas polas mutuas

Segundo o Goberno, eses encontros serviron para "trasladar novidades lexislativa na materia, conceptos normativos específicos do absentismo", "apoiar médicos de novo incorporación co uso da aplicación informática específica das baixas" ou "informar sobre as novidades na xestión das incapacidades temporais". Así e todo, a propia Xunta vén evidenciar que o que denomina "traballo especial de apoio" foi alén do meramente informativo, xa que asegura que "concluíu coa revisión de 3.521 procesos de baixa que implicaron 730 altas, o 20,73% dos casos analizados".

Avanza a Xunta que "este traballo de apoio especial", as visitas da inspección ao persoal médico para procurar o remate de baixas, "continúa actualmente". Nese contexto, especifica, "o reforzo das actuacións realizadas pola Inspección de Servizos Sanitarios, ata finais do mes de abril", implicou "revisar 132.412 procesos de baixa", citar 38.615 pacientes "par valoración presencial" e "a alta de 31.889 casos".

Estes son, segundo o Executivo galego, "resultados positivos sobre os que cómpre avanzar". E por iso anuncia mudanzas como que "as mutuas xa non teñan que solicitar unha autorización" ao Sergas "para cada proba", senón que "bastará unha única solicitude por traballador" para "habilitar todas as probas e procedementos terapéuticos necesarios". Ademais, agrega Rueda, a nova instrución dita normas para as altas que ordenen as mutuas e "se a inspección sanitaria entendese que a alta que dá a mutua non está acreditada, chamará ao paciente para unha nova consulta presencial".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.