Unha morte no traballo cada semana: a sinistralidade mantense en pleno debate sobre as baixas

Evolución das mortes anuais en accidente laboral en Galicia, sobre unha imaxe dun traballador da construción © Montaxe: Praza.gal

O pasado ano houbo 45 mortes en accidente laboral en Galicia, unha cifra "inadmisible" para CCOO que alerta de que "detrás de cada morte hai unha neglixencia ou unha falta de medios de prevención por parte das empresas"

Cada semana un traballador ou traballadoras morre en Galicia durante a súa xornada laboral e exercendo a súa actividade. As sinistralidade laboral é un problema enquistado no país, que malia unha lenta mellora nas últimas décadas, aínda rexistra medio cento de falecementos cada ano no espazo de traballo. O ano pasado foron 45, a cifra máis baixa dende o ano 2013, pero que aínda supón un nivel "inaceptable" e moi elevado para os sindicatos, especialmente en sectores como a construción ou o mar, e mesmo para a patronal, que recentemente cualificou a situación de "moi preocupante".

A este medio cento de mortes do pasado ano hai que engadir outras cifras que achegan a completa dimensión do problema. En 2025 os accidentes laborais deixaron ademais case 400 traballadores con feridas graves e máis de 27.000 con feridas leves.

Este venres o secretario de Saúde Laboral de CCOO de Galicia, Armando Iglesias, fixo balance dos datos do pasado ano, publicados polo Ministerio de Traballo, e cualificou como "inadmisibles" as 45 mortes, ás que hai que sumarlle outras dez en sinistros in itinere. Iglesias sinalou que "detrás de cada morte hai unha neglixencia ou unha falta de medios de prevención por parte das empresas".

Os datos de 2025 coinciden, ademais, nun contexto no que PP e asociacións de empresarios lanzaron o debate sobre o exceso de baixas laborais. CCOO critica a patronal e Xunta por "acusaren a parte máis feble no canto de poñer os medios para mellorar a saúde laboral das persoas traballadoras"

Os datos de 2025 coinciden, ademais, nun contexto no que o Partido Popular e asociacións de empresarios lanzaron o debate sobre o exceso de baixas laborais, que veñen incrementando o seu número nos últimos anos. No último debate de política xeral, o presidente Alfonso Rueda anunciou que a Xunta vai controlar máis "as baixas por doenzas musculoesqueléticas ou de psiquiatría menor, que son as máis frecuentes" e vai "reforzar o papel das mutuas" para que poidan dar máis altas.

En realidade, Galicia é a segunda comunidade autónoma cun menor número de baixas laborais en relación á cifra total de traballadores, pero é igualmente o segundo territorio no que estas baixas teñen unha maior duración media, unha circunstancia ligada en parte á maior idade media da poboación. En resposta ao anuncio de Rueda, a líder do BNG Ana Pontón pediu non "criminalizar" as baixas e o mesmo fixo este venres Armando Iglesias alertou da "prolongada e agresiva campaña da patronal e da Xunta para criminalizar a clase traballadora a conta do mal chamado absentismo".

A taxa anual de mortes en accidentes laborais en Galicia sitúase moi por riba da media do Estado. Dende o ano 1988 morreron máis de tres mil persoas en accidente laboral en Galicia, cun máximo no ano 1991 (183 falecementos) e un mínimo no 2013 (43)

Neste contexto, CCOO de Galicia celebrará o próximo martes, 28 de abril, coincidindo co Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, unha asemblea de persoas delegadas en Ourense para abordar a "persecución que está a sufrir a clase traballadora polo suposto exceso de baixas laborais", afirmou. Ao remate da asembles levarase a cabo unha manifestación que rematará na sede da Confederación Empresarial de Ourense.

Armando Iglesias criticou a patronal e Xunta por "acusaren a parte máis feble no canto de poñer os medios para mellorar a saúde laboral das persoas traballadoras". O responsable sindical destacou que os factores que explican os datos de baixas laborais por incapacidades temporais son a falta de prevención, o "colapso sanitario", o avellentamento da poboación laboral, ou a sobrecarga e elevados ritmos de traballo. "As persoas non queren enfermar, pola súa saúde e polo seu peto tamén. As solucións teñen que vir das empresas, da Xunta e da Inspección de Traballo", concluíu Iglesias.

Algúns sectores sofren especialmente esta problemática, como a construción, con máis dunha decena de mortes cada ano, ou o mar, con cifras semellantes aínda que máis irregulares, variables en función dos naufraxios que se producen. Tamén a industria e o transporte rexistran números moi elevados

As cifras galegas de sinistralidade laboral son moi elevadas se as comparamos coas que se rexistran noutras comunidades autónomas. Ano tras ano, a taxa anual de mortes en accidentes laborais en Galicia sitúase moi por riba da media do Estado, como se ve neste gráfico (en 2025, 4,23 por cada 100.000 traballadores fronte a 2,81). O pasado ano tan só Asturias, Castela-A Mancha e Murcia empeoraron os datos galegos. 

Dende o ano 1988 morreron máis de tres mil persoas en accidente laboral en Galicia, cun máximo no ano 1991 (183 falecementos) e un mínimo no 2013 (43). Estas cifras amosan que algúns sectores sofren especialmente esta problemática, como a construción, con máis dunha decena de mortes cada ano, ou o mar, con cifras semellantes aínda que máis irregulares, variables en función dos naufraxios que se producen. Tamén a industria e o transporte rexistran números moi elevados, cunha decena de mortes anuais en cada caso.

"Os empresarios ven os investimentos en protección da saúde das persoas traballadoras como un custo que non están dispostos a asumir", critica CCOO

Durante a presentación do informe de sinistralidade laboral de 2025, Armando Iglesias incidiu en que as empresas deben poñer todos o recursos para evitar estes falecementos e criticou que "os empresarios ven os investimentos en protección da saúde das persoas traballadoras como un custo que non están dispostos a asumir".

O secretario de Saúde Laboral de CCOO de Galicia subliñou que os infartos e outras patoloxías non traumáticas causaron 21 das mortes o pasado ano. un 46,5% do total. Detrás desta porcentaxe, afirmou, están as enfermidades mentais, "as grandes esquecidas no mundo laboral". Iglesias engadiu que entre 35.000 e 40.000 persoas están en incapacidade temporal cada ano por doenzas como depresión ou ansiedade.

O sindicato pide "adecuar a falida prevención actual ás novas realidades do mundo do traballo" e lembra que as enfermidades mentais, "as grandes esquecidas no mundo laboral"

O Ministerio de Traballo e Economía social anunciou que 2026 será o ano da Seguridade e a Saúde no Traballo e vai iniciar a tramitación parlamentaria dunha actualización da Lei de prevención de riscos laborais. Para CCOO, "trátase dun compromiso imprescindible para adecuar a falida prevención actual ás novas realidades do mundo do traballo".

O sindicato destaca, a este respecto, a existencia de varias patoloxías que neste momento sofren un "subrexistro", por exemplo o cancro provocado pola exposición a axentes canceríxenos no marco da actividade laboral. Segundo o Ministerio de Sanidade, estímase que falecen anualmente 8.700 homes e 850 mulleres por cancros debidos a exposicións laborais no conxunto do Estado. Porén, en 2025 só se comunicaron 119 partes de enfermidade profesional por exposición a axentes canceríxenos. 

De igual xeito, en 2024 rexistráronse en España un total de 671.618 situacións de incapacidade temporal por trastornos mentais e do comportamento; aumentaron un 136% con respecto ás rexistradas en 2016. Porén, o pasado ano só 203 destas enfermidades foron rexistradas como continxencia profesional. 

"Estas desordes mentais non se notifican como accidentes de traballo porque non fan parte do cadro de enfermidades profesionais en vigor no noso país. Esta listaxe debe actualizarse para incluír as enfermidades mentais ocasionadas polo traballo", sinala CC.OO.

O secretario de Saúde Laboral de CCOO de Galicia, Armando Iglesias © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.