Unha vintena de vilas galegas iguala o ritmo de suba dos alugueiros das cidades

Evolución dos prezos medios de alugueiro de vivendas nos concellos de máis de 10.000 habitantes entre 2022 e 2024 sobre a imaxe fun edificio de nova construción © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Xunta

No ano 2024 os novos contratos de alugueiro asinados en Galicia encarecerónse un 9% en relación ao ano anterior. Dende o 2015 a suba acumulada rolda o 35%. En cambio, os contratos previamente existentes encarecéronse o 16%

O prezo dos alugueiros leva máis dunha década de escalada constante, certificada por todo tipo de indicadores, dende os que periodicamente publican empresas (como Fotocasa, Idealista ou Pisos.com) ata os elaborados por institucións públicas coma o Observatorio da Vivenda de Galicia ou o Ministerio de Vivenda. Hai uns días o INE publicou unha estatística que emprega os datos das declaracións de renda presentadas polos propietarios dos inmobles alugados.

Esta estatística, que ofrece datos anuais entre o 2015 e 2024, dá conta do encarecemento dos prezos e da súa variación anual na última década, con información detallada de todos os concellos de máis de 10.000 habitantes, o que permite monitorizar tamén a evolución dos prezos en moitas vilas medias, fóra das cidades.

A información publicada polo INE diferenza ademais -cando menos nos datos a nivel autonómico- entre a evolución dos prezos dos contratos xa existentes e a evolución dos prezos nos novos contratos asinados cada ano. 

Trátase dunha diferenza importante á hora de ler a situación do mercado e os distintos indicadores que se van publicando sobre a cuestión. Algunhas estatísticas ofrecen adoito unha información xeral sobre o conxunto das vivendas alugadas, que en moitos casos apenas varían o seu prezo ou nas que o encarecemento se produce de vagar, seguindo máis ou menos a evolución do IPC. 

Concellos como Ames, Poio, Arteixo, Cambre, A Laracha, Foz ou Lalín presentan subas semellantes ás da Coruña, Pontevedra, Santiago ou Vigo

Outras, en cambio, dan conta da evolución dos novos contratos asinados cada ano, que representan ao redor do 15% dos contratos totais, segundo a estarística publicada polo INE. Esta información non é polo tanto representativa do conxunto de alugueiros, pero si é máis fiable á hora de monitorizar a evolución do prezo real que atopan as persoas que buscan unha vivenda de alugueiro no mercado.

Así, por exemplo, os datos publicados polo INE informan de que no ano 2024 os novos contratos de alugueiro asinados en Galicia encarecerónse un 9% en relación ao ano anterior, o valor máis elevado dende o 2021, que sempre se movera entre o 4,2% e o 5,6%. En cambio, os contratos xa existentes manteñen un ritmo de suba máis estable, entre o 1,4% e o 2,6%, semellante ao aumento da inflación.

Os datos do INE proceden dos datos das declaracións de renda presentadas polos propietarios dos inmobles alugados

As diferenzas tamén se aprezan na variacións dos prezos acumulada dende o ano 2015. Neste tempo o prezo medio dos novos contratos de alugueiro asinados no conxunto de Galicia aumentou en case un 35%. En cambio, os contratos previamente existentes encarecéronse algo menos do 16%.

A fenda entre os dous indicadores abriuse especialmente nos tres últimos anos estudados. No ano 2021 os novos contratos acumulaban unha suba do 12,2% e os xa existentes do 8,8%.

O INE dá conta, por exemplo, de incrementos acumulados do 20% en Pontevedra, A Coruña e Compostela dende o 2015, do 19% en Vigo e do 18% en Lugo. Valores que mesmo son superiores en Poio, Ames, Boiro, Culleredo, Foz, Tui ou O Porriño, entre o 20% e o 23%

Para os diferentes concellos o INE ofrece unicamente a información xeral, referida á totalidade dos contratos, o que serve para ter unha información do conxunto das vivendas alugadas nesa localidade, pero non tanto para seguir a evolución do mercado e dos prezos reais que as persoas que buscan un inmoble están a atopar. 

En todo caso, a estatística amosa que o encaremento dos alugueiros, que é evidente nas grandes cidades, presenta valores moi semellantes en moitas vilas, sobre todo nos últimos anos. O INE dá conta, por exemplo, de incrementos acumulados do 20% en Pontevedra, A Coruña e Compostela dende o 2015, do 19% en Vigo e do 18% en Lugo. Valores que mesmo son superiores en Poio, Ames, Boiro, Culleredo, Foz, Tui ou O Porriño, entre o 20% e o 23%.

Emtre 2022 e 2024 Ames, Santiago e Poio presentan incrementos superiores ao 10% en só tres anos. Arteixo, Cambre, A Laracha, Lugo, Foz ou Lalín superan o 9% e Carballo, Culleredo, Teo, Betanzos, Boiro, Noia, Oleiros, Ordes, Sarria, Cambados, Cangas, Gondomar, O Grove, Nigrán, Pontevedra, O Porriño e Vigo sitúanse entre o 8% e o 9%

Observando unicamente as subas acumuladas nos últimos tres anos estudados -2022, 2023 e 2024-, nos que o encarecemento dos alugueiros se acelerou, a listaxe está encabezada por Ames, Santiago e Poio, nos tres casos con incrementos superiores ao 10% en só tres anos e, ademais, referidos ao conxunto dos contratos, polo que os aumentos nos novos alugueiros foi moi superior.

Arteixo, Cambre, A Laracha, Lugo, Foz ou Lalín superan o 9% de suba acumulada neses tres anos e Carballo, Culleredo, Teo, Betanzos, Boiro, Noia, Oleiros, Ordes, Sarria, Cambados, Cangas, Gondomar, O Grove, Nigrán, Pontevedra, O Porriño e Vigo sitúanse entre o 8% e o 9%. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.