O 7,4% da poboación galega, unhas 175 mil persoas, buscou "activamente" vivenda durante o pasado ano sen chegar a cambiar de residencia. O principal motivo (o 71%) foi o seu elevado prezo
Os elevados prezos da vivenda -para a súa compra ou alugueiro- convertéronse nos últimos anos nun dos principais problemas para a cidadanía. O encarecenento dos inmobles está a dificultar o acceso a unha vivenda digna para moitas persoas e impide cambiar de casa ás persoas que desexan facelo. O Instituto Nacional de Estatística publicou este luns os datos dun módulo especial da Enquisa de Condicións de Vida centrado nas dificultades de acceso á vivenda.
A enquisa revela que o 7,4% da poboación galega, unhas 175 mil persoas, buscou "activamente" vivenda durante o pasado ano sen chegar a cambiar de residencia. O principal motivo (o 71%) foi o seu elevado prezo, de xeito que unhas 125 mil persoas que querían mudarse finalmente non o fixeron por esta razón.
Os restantes motivos foron determinantes en moitas menos ocasións: ao redor do 4% das persoas que buscaban vivenda non se mudaron porque os inmobles que atoparon non cumprían cos requisitos mínimos e unha porcentaxe semellante de persoas non o fixo por atopar que elas mesmas non cumprían coas condicións esixidas. Outro 21% alegou outras razóns para non cambiar de casa.
Galicia é a segunda autonomía na que o prezo elevado foi máis determinante á hora de impedir estes cambios de residencia, só por detrás de Baleares (76%) e por diante de Madrid (70%) e por riba da media (67%)
Nos datos publicados polo INE chama a atención que Galicia é a segunda comunidade na que o prezo elevado foi máis determinante á hora de impedir estes cambios de residencia, só por detrás de Baleares (76%) e por diante de Madrid (70%) e por riba da media española (67%).
Galicia non é un dos territorios cunha vivenda máis cara, pero nesta estatística o indicador do prezo gaña peso ao ser menos importantes outros motivos relacionados coa características dos inmobles ou coa falta de "condicións necesarias" nas persoas interesadas neles.
As persoas entre 30 e 44 anos son as que máis buscan vivenda (o 14,9% tentou mudarse durante o pasado ano)
A maior parte dos datos publicados polo INE non están segmentados por territorios, polo que non é posible ofrecer información sobre Galicia. Porén, os indicadores xerais amosan que son as persoas entre 30 e 44 anos as que máis buscan vivenda (o 14,9% tentou mudarse durante o pasado ano), por diante das máis mozas de 16 a 29 anos (9,6%) e das que teñen entre 45 e 64 anos (6%). Os e as maiores de 65 practicamente non buscan vivenda (só o 1% fíxoo o pasado ano).
O 67% dos mozos e mozas entre 18 e 34 anos viven aínda na casa familiar: o 93% entre os 18 e os 25 e o 44% entre os 26 e os 34. Entre os 26 e os 34 anos o principal motivo (35%) é o prezo
A dificultade no acceso á vivenda é máis importante entre a mocidade, que en moitos caso non ten posibilidade de emanciparse e marchar da casa dos seus pais e nais. A enquisa revela que no conxunto do Estado o 67% dos mozos e mozas entre 18 e 34 anos viven aínda na casa familiar: o 93% entre os 18 e os 25 e o 44% entre os 26 e os 34. Máis os varóns que as mulleres.
Entre os 26 e os 34 anos o principal motivo (35%) é o prezo, pois as persoas destas idades non se poiden permitir alugar ou mercar unha vivenda de seu.