"Xa están en marcha as 4.000 vivendas públicas comprometidas nesta lexislatura e este ano entregaranse as primeiras en Santiago de Compostela e Pontevedra". A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, expresábase deste xeito hai poucos días nunha comparecencia ante a prensa para detallar as modificacións que vai aplicar o seu departamento en materia de vivenda protexida: subir os límites de renda a 4 veces o IPREM para poder acceder a unha delas e reservar o 30% das que saian á venda para familias de entre 36 e 45 anos con crianzas ao cargo.
Vivenda asegura ter xa "en marcha as 4.000 vivendas públicas comprometidas nesta lexislatura", un cambio de tendencia tras década e media de parálise que bate cunha demanda disparada
Con "en marcha" refírese a conselleira a que a Xunta ten en diferentes puntos de tramitación -dende trámites de contratos para traballos previos ás obras propiamente ditas- esa cifra redonda de 4.000 pisos (en realidade son algo máis de 3.900, indicara en datas previas). Se chegase a cumprir o obxectivo, mesmo atendendo só á vivenda de promoción pública a actual sería a lexislatura con máis vivenda protexida dende hai década e media, isto é, dende a lexislatura en que o PP retornou ao Goberno con Alberto Núñez Feijóo e lle correspondeu rematar ou entregar os últimos proxectos herdados do Executivo de PSdeG e BNG, que á súa vez tiveran que facer o propio con algúns dos tempos de Manuel Fraga.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, que compara o total de vivendas protexidas rematadas en Galicia en cada lexislatura dende que hai datos comparables (a segunda de Fraga, a saída das eleccións de 1993), 4.000 vivendas públicas están moi por riba das cifras residuais do total de vivenda protexida atribuíble integramente á era Feijóo, isto é, dende o seu segundo mandato (2012-16) ata a súa dimisión en 2022. Pero precisamente esa parálise, inicialmente moi ligada á gran recesión e despois con máis explicacións políticas, implica un lastre que limita o impacto da viraxe do Goberno galego na materia por mor dunha demanda que está disparada.
Entre 2024 e 2025 principiou a construción de 654 vivendas protexidas en Galicia, 224 delas de promoción pública
Isto sucederá mesmo tendo en conta a vivenda protexida que poida chegar nun futuro máis ou menos próximo pola vía da promoción privada. Atendendo aos datos oficiais máis recentes do Ministerio de Vivenda, tamén procesados polo IGE, entre 2024 e 2025 comezou en Galicia a construción de 654 vivendas protexidas. Entre elas están 224 de promoción pública, promovidas directamente pola Xunta: 3 en 2024 e 221 en 2025. As restantes 430 son vivendas protexidas de promoción privada.
Mesmo sumando esas cifras de vivendas de protección pública e promoción privada ás totalmente públicas proxectadas pola Xunta para toda a lexislatura, un virtual total dunhas 5.000 vivendas protexidas novas en catr anos suporía situarse en niveis máis ou menos próximos ao primeiro mandato de Feijóo -o da herdanza do bipartito-. Pero moi lonxe non só das máis de 12.000 vivendas rematadas durante o mandato do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, tamén das máis de 10.000 de cada lexislatura de Fraga dende que hai datos comparables.
A intención do Goberno galego, matiza Vivenda, é seguir tapando este oco pola vía do desenvolvemento de solo residencial "para 25.000 vivendas, das cales 20.000 serán protexidas" -de promoción privada- en diferentes concellos do país. Ese desenvolvemento está a realizalo a través das figuras dos denominados proxectos de interese autonómico (PIA), que concretan unha aposta política semellante ao do Plan Sectorial Galego de Solo Residencial, que aprobara en 2007 o Executivo de socialistas e nacionalistas (2005-2009) co obxectivo de sumar 37.000 novas vivendas protexidas. Fora cancelado en 2010 polo gabinete de Feijóo, con Rueda como número dous, tras anunciar unha reformulación que nunca chegou.
Esta semana, tras aprobar un destes PIA para desenvolver solo que acolla ata 3.609 vivendas no barrio compostelán de Mallou, o 80% protexidas de promoción privada, a Xunta lembraba que ten en tramitación estas figuras tamén noutros concellos. Son Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Arteixo, A Coruña e Vilagarcía e, en fases previas, traballa nos de Marín, O Porriño e Ribadeo, indica Vivenda.
Apenas o 13% dunha demanda récord
Mentres se desenvolven eses solos residenciais para vivenda protexida de promoción privada en diferentes localidades, os novos pisos que semellan máis tanxibles no curto prazo, os arredor de 4.000 que a Xunta di ter xa "en marcha" para esta lexislatura, cobren apenas o 13% da demanda rexistrada. Isto é, das máis de 30.000 solicitudes anotadas no Rexistro de Demandantes da Consellería de Vivenda, requisito imprescindible para poder optar a algunha destas vivendas.
Admite a propia Xunta que os seus sucesivos anuncios, de cuxo cumprimento nesta lexislatura recean tanto BNG como PSdeG, están a estimular as inscricións nun rexistro que este 21 de abril -as estatísticas actualízanse continuamente e non existe unha base histórica onde repasar a súa evolución- contaba con 31.256 solicitantes.
As máis de 31.000 inscricións no rexistro de demandantes de vivenda protexida supoñen un crecemento de case o 90% dende o inicio da lexislatura
Mesmo tendo en conta os requisitos de caducidade das solicitudes -as peticións desactívanse aos tres anos se non se renovan nos tres meses previos-, o forte aumento en apenas dous anos é boa mostra non só da forte demanda de vivenda protexida, senón da crise de vivenda en xeral. E tamén de como os plans do Goberno galego en marcha teñen un impacto limitado, precisamente, pola parálise anterior.
Así, as actuais máis de 31.000 peticións supoñen, atendendo aos datos que puido recuperar Praza.gal, supoñen un 55% máis que hai apenas un ano. Con relación aos primeiros meses da actual lexislatura, iniciada en febreiro de 2024, disparáronse case un 90%.