A escaseza de oferta de vivenda protexida nas súas diversas modalidades vén sendo unha constante en Galicia nas últimas lexislaturas. Nomeadamente, dende que, no seu primeiro mandato, o Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo entregou diversas promocións impulsadas polo Executivo de PSdeG e BNG. De case 3.000 novas vivendas protexidas nun só ano (2010) ata varios exercicios sen ningunha, caso de 2015, 2016, 2017, 2019 e 2021.
As inscricións no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida caeron dende case 18.200 a finais de xaneiro a algo menos de 16.600 no comezo de marzo
A mudanza na política de vivenda pública co retorno dos populares ao poder en 2009 non só implicou desbotar plans en marcha -como o que contemplaba construír ata 37.000 novas-. Tamén modificar instrumentos como o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida, no que cómpre inscribirse para poder acceder a un destes pisos cando sexa ofertado. En apenas un mes, as inscricións no Rexistro caeron dende case 18.200 a algo menos de 16.600. En total, 1.530 menos pero non porque o Instituto Galego da Vivenda e Solo adxudicase tal cantidade de pisos, senón por caducidade.
Tal e como avanzaba este pasado martes Faro de Vigo, este fenómeno é especialmente significativo na cidade viguesa, que aglutina o 40% do total de solicitudes de vivenda protexida en Galicia. A razón desta caducidade hai que buscala no artigo 15 do decreto que regula o rexistro dende 2010. Esa disposición estipula que "a inscrición no rexistro terá unha vixencia de tres anos" e, se as persoas interesadas queren continuar figurando como demandantes de vivenda protexida, teñen que tramitar a renovación nos "tres meses anteriores" á caducidade. Se non o fan, danos de baixa.
As solicitudes no Rexistro caducan aos tres anos e a renovación debe ser solicitada tres meses antes da caducidade. Na versión orixinal, a do Goberno PSdeG-BNG, duraban catro anos e a renovación era máis flexible
Na versión orixinal do Rexistro, a impulsada polo Goberno de coalición PSdeG-BNG en 2008, a inscrición duraba catro anos. Ademais, non había prazo máximo para a renovación, polo que abondaba con que as persoas solicitantes a tramitasen mesmo na véspera da caducidade, sen a actual marxe de tres meses. Todo, nun contexto no que a oferta de vivenda pública era maior que a actual e, polo tanto, eran maiores as posibilidades de obter un piso público ao inscribirse no rexistro.
Este é o contexto no que se encadra a devandita diminución de solicitudes dende as 18.119 de finais de xaneiro -concretamente, do día 23 dese mes- ata as 16.589 este 5 de marzo. Como se pode observar no gráfico que acompaña esta información, as cifras actuais son semellantes ás de hai un ano e están por riba das de exercicios previos nunha estatística que se actualiza continuamente pero da que non existe unha serie histórica pública. Por este motivo, o coñecemento da súa evolución depende de que persoas, entidades ou medios de comunicación dean en almacenar a información a título particular, así como de ferramentas como Web Archive.
Catro de cada dez peticións, en Vigo
A actual foto fixa do rexistro permite coñecer que, malia ás baixas, Vigo segue concentrando catro de cada dez solicitudes de vivenda protexida en Galicia, con máis de 6.800. A continuación sitúase a cidade da Coruña, con mías de 2.400, e Pontevedra, con algo máis de 1.100. Santiago e Lugo roldan as mil e Ourense e mais Ferrol, medio milleiro. Na banda contraria sitúanse os 98 concellos sen ningunha solicitude de vivenda protexida, con datos deste 5 de marzo.
Plans e promesas para a nova lexislatura tras anos de escaseza
Durante o pasado ano e tamén en vésperas das eleccións do pasado febreiro, o actual Goberno do PP asegurou que os vindeiros anos remontará as cativas cifras de vivenda protexida coa aposta de "incrementar nun 50% o actual parque público residencial de Galicia. A intención, aseguran é "alcanzar as 5.600 vivendas no ano 2026".
A finais do pasado decembro, non obstante, o departamento de Vivenda da Xunta indicaba que pechaba o 2023 tendo "en licitación ou construción un total de 375 vivendas públicas nas cidades de Vigo, Pontevedra, A Coruña e Santiago". Ademais, avanzaba, "outras 395" estaban en fase de redacción de proxecto".
Nesta lixeira remonta inflúe, entre outros aspectos, a chegada de fondos europeos. Eses fondos entran en xogo, por exemplo, nos 780 pisos de alugueiro proxectados en oito concellos ao abeiro de dous convenios asinados pola Xunta co Estado en novembro de 2022 e xullo de 2023. Máis da metade desas vivendas están previstas en Vigo (206) e Lugo (204).