"A solución é facer actuacións para promover que haxa novas vivendas e poñelas en alugueiro social", di Rueda tras unha década con esas políticas en niveis mínimos
A Xunta non vai limitar os prezos dos alugueiros de vivendas co mecanismo previsto na lei estatal para establecer zonas tensionadas. Así o ratificou este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen desbota "aplicar de oficio" a norma e a deixa en mans dos concellos, de xeito que sexan estes os que pidan ao Goberno galego esa declaración de zonas tensionadas. Pero tamén nese caso Rueda o pon difícil: "Teñen que argumentar moi ben cales son as razóns, cal é a situación e cales son os beneficios", di, insistindo en que "sería responsabilidade do concello que o solicita".
O pasado decembro a vicepresidenta segunda e conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez, revelou que a Xunta podería, en aplicación da lei estatal de vivenda, limitar os alugueiros a través da figura da zona tensionada no 30% dos concellos, pero que non o faría pola "inconcreción" desa norma. Este martes o Ministerio de Vivenda fixo público o índice de prezos de alugueiro, referencia que concreta os límites para os novos alugueiros nas zonas que se declaren tensionadas. E este xoves o propio Rueda volveu frear as expectativas ao respecto.
Segundo Rueda, a Xunta cumprirá a lei, pero "non a imos aplicar de oficio". O Goberno galego limitarase a recibir e tramitar as peticións que lle poidan transmitir os concellos interesados en declarar zonas tensionadas nos seus termos municipais. "Se algún concello o pide e o xustifica, por suposto que a lei será aplicada", di Rueda, xa que "a nosa obriga é valoralo".
Pero o presidente incide en que "teñen que argumentar moi ben cales son as razóns, cal é a situación e cales son os beneficios". Só "se está ben valorado", salienta Rueda, a Xunta declararía unha zona tensionada que "en todo caso sería responsabilidade do concello que o solicita". Unhas declaracións que se producen despois de que varios concellos xa amosasen o seu malestar polas dificultades que a Xunta pode poñer nesa tramitación.
Fronte á posibilidade limitar os alugueiros contemplada pola lei estatal, Rueda defendeu as políticas da Xunta. "Non cremos que esta sexa a solución, a solución é facer actuacións para promover que haxa novas vivendas e poñelas en alugueiro social", asegurou, tras máis dunha década con esas políticas en niveis mínimos.