A Xunta di que podería limitar os alugueiros no 30% dos concellos pero rexéitao e culpa á "inconcreción" da lei estatal

Vivendas en Vigo CC-BY-SA Praza Pública

A conselleira de Vivenda esgrime un estudo encargado por ela para avalar a súa postura contraria á figura das zonas 'tensionadas' para controlar o mercado e salienta que "desde o principio" tiña claro que non ía apostar "de oficio" por ela

A lei estatal de Vivenda aprobada este ano permite ás comunidades autónomas limitar os prezos dos alugueiros en zonas que se consideren "tensionadas" segundo a aplicación de diversos criterios establecidos na propia norma. A Xunta e o PP critican esa lei por considerala intervencionista e para defender os seus argumentos este mércores o Goberno galego divulgou unha nota de prensa na que asegura que a norma "permitiría declarar como tensionado entre un 20 e un 30% dos concellos galegos", o que atribúe non a problemas reais de acceso á vivenda neses municipios senón á "inconcreción da nova lei".

A vicepresidenta e conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez, na reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia CC-BY-SA Conchi Paz - Xunta de Galicia

A lei establece que unha zona pode ser considerada tensionada se os pagamentos realizados para o alugueiro da vivenda ou o pagamento da hipoteca máis os gastos de subministros básicos superan o 30% da renda media dos fogares nesa zona, ou se os prezos da vivenda subiron máis de 3 puntos do riba da variación do IPC nos cinco anos anteriores.

Ante esa lei a Xunta esgrime un informe encargado por ela mesma e presentado ante o Observatorio da Vivenda de Galicia -no que están presentes promotores, axentes inmobiliarios, arquitectos ou concellos- que conclúe que "en aplicación dos diferentes indicadores que propón a lei estatal polo dereito á vivenda, Galicia podería chegar a ter entre un 20% e un 30% de concellos tensionados". Así, tendo en conta o indicador de accesibilidade de vivenda (IAV) do Estado, "Galicia tería case un 30% dos concellos tensionados", un total de 92, mentres que no caso de aplicar os datos das fianzas de alugueiro depositadas de xeito obrigatorio ante o Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS) a cifra baixaría aos 68 concellos, o 20%.

A propia Xunta admite que declarar as zonas tensionadas, algo que rexeita, permitiría "limitacións nos prezos de alugueiro"

Segundo a vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, o estudo pretendía "clarificar a incidencia que podería ter a declaración de zonas tensionadas no conxunto de Galicia". Unha declaración que a propia Xunta salienta que permite "a adopción de limitacións nos prezos de alugueiro" e outras medidas. 

Porén, a conselleira esgrime a suposta "falta de concreción" da norma para defender que a Xunta tiña claro "desde o principio" que non ía apostar "de oficio" por unha figura que ao seu ver demostrou "a súa ineficacia noutros países", que non concreta.

Para defender a suposta falta de rigor da lei estatal e a súa postura contraria a controlar os alugueiros Vázquez mesmo cita casos que considera "curiosos". Así, segundo di, concellos rurais e pequenos como Coirós, Rodeiro ou Amoeiro, "con menos de 2.500 habitantes e unha media inferior a 100 vivendas construídas en 5 anos, reunirían as condicións para ser declarados concellos tensionados". Iso ao seu ver "demostra e reforza a postura da Xunta respecto á eficacia deste tipo de instrumentos".

A Xunta está a tramitar a regulación e aplicación en Galicia da lei estatal a través dun procedemento con menos debate e deixando a iniciativa en mans dos concellos 

Por outra banda, ao tempo que divulga este estudo contrario á norma estatal, a Xunta está a tramitar a regulación e aplicación en Galicia da declaración de zonas tensionadas. Faino deixando a iniciativa en mans dos concellos, aos que fixa diversas condicións e trámites. Pero limitando a capacidade de debate desa regulación ao introducila na lei de acompañamento dos Orzamentos para o próximo ano a través de emendas presentadas polo PP que xa non poden ser á súa vez emendadas polo resto de partidos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.