A Xunta suprime a xestión presencial para o obrigatorio depósito de fianzas de alugueiros

Vivendas en Vigo CC-BY-SA Praza.gal

As oficinas nas sete cidades do Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS) deixan de tramitar o depósito ou devolución de fianzas e a cidadanía deberá presentar o formulario por internet ou nun rexistro sen persoal que asesore

Desde 2011 as persoas propietarias de vivendas ou locais urbanos están obrigadas a depositar ante a Xunta, no Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS), a fianza que lles entregan as persoas arrendatarias. Uns cartos que lles son devoltos cando se extingue o contrato de alugueiro. Para os dous trámites, depósito e devolución, hai que presentar un impreso de autoliquidación, pero a partir deste vindeiro 15 de agosto esa xestión xa non se poderá facer nas oficinas de atención ao público que o IGVS ten nas sete cidades galegas, onde ata agora o propio persoal do instituto axudaba á cidadanía coa documentación.

Haberá que facelo ou a través de internet ou noutros rexistros administrativos nos que non hai persoal do IGVS que poida asesorar directamente sobre o trámite. A medida, que restrinxe a atención á cidadanía, chega malia as protestas contra decisións similares en todo tipo de eidos, desde a exclusión financeira ata a esixencia de cita previa nas administracións ou a atención médica telefónica.

Web do IGVS na que informa dos novos procedementos de tramitación das fianzas de alugueiros a partir do 15 de agosto de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

Ata agora calquera persoa que acudise presencialmente a algunha das sete oficinas do IGVS nas sete cidades galegas podía tramitar o depósito ou a devolución da fianza directamente ante o persoal do instituto. O persoal público mesmo cubría os formularios directamente no ordenador preguntando os datos necesarios ao cidadán interesado, resolvendo así calquera dúbida deste. Despois o cidadán só tiña que acudir a unha oficina bancaria a facer o ingreso ou agardar a recibir na súa conta bancaria a devolución da fianza.

Pero agora esa posibilidade desaparecerá, segundo está a comunicar xa o IGVS no seu sitio web. O instituto manterá a atención presencial para outras xestións ou consultas, pero sinala que "a partir do día 15/08/2023 a xestión de fianzas de alugueiro realizarase exclusivamente" na páxina web do IGVS, na sede electrónica da Xunta ou en rexistros administrativos. 

Sobre esta última posibilidade indícase que a persoa interesada pode descargar a solicitude na sede electrónica da Xunta, "cumprimentala e, coa documentación que se indica en cada solicitude, presentala en calquera Rexistro Administrativo ou nas oficinas de Correos". Porén, neses lugares non contará como ata agora co asesoramento do persoal do IGVS directamente coñecedor da normativa.

A conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director xeral do IGVS, Heriberto García Porto CC-BY-SA Xunta de Galicia

Nun teléfono de información do IGVS indícase que se alguén ten dúbidas co novo sistema e acode en persoa a unha oficina do instituto atenderano "ata certo punto"

Fontes internas do IGVS e unha chamada ao teléfono de información sobre fianzas dunha oficina do instituto preguntando polo novo procedemento achegan un pouco máis de luz sobre como será. Quen non dea feito a xestión a través da sede electrónica da Xunta ou da web do IGVS deberá descargar e imprimir o formulario e presentalo nun rexistro da administración, pero xa non nunha oficina do IGVS. O persoal consultado si admite que nesas oficinas seguirán tendo atención ao público -restrinxida como en moitos outros eidos coa pandemia- para outras consultas, así que "ata certo punto" poderán seguir dando asesoramento sobre os trámites das fianzas de alugueiro. 

"Tamén podemos darche mesmo o impreso", din no teléfono de información. Pero non cubrirán o formulario polo cidadán e non llo recollerán alí, senón que o solicitante deberá facelo por si mesmo e desprazarse despois a un rexistro. E se hai dúbidas, dar voltas ou tentar que chas resolvan por teléfono.

Persoal do IGVS advirte de que o novo sistema abre a porta a que a cidadanía acabe en xestorías ou inmobiliarias que cobren polos seus servizos

O IGVS tamén ofrece a posibilidade de crear unha conta persoal de acceso á súa propia web para facer esta xestión. Pero para obter esa conta, segundo se informa por teléfono, hai que ter certificado electrónico, o que xa permitiría facer o trámite na sede electrónica da Xunta, ou acudir en persoa a unha oficina do IGVS para que faciliten un contrasinal.

O novo sistema de tramitación, advirte persoal do IGVS, non só dificultará as xestións para as persoas que non son quen de facer trámites electrónicos por si mesmas senón que abre a porta a que acaben en xestorías ou inmobiliarias que cobren polos seus servizos.

A conselleira e o director do IGVS CC-BY-SA Xoán Crespo / Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.