A metade dos concellos con caixeiros subvencionados pola Xunta rexeitaron a atención presencial á veciñanza

Caixeiro de Abanca subvencionado pola Xunta en Lousame CC-BY-SA Praza Pública

Lousame, Toques, O Páramo, Chandrexa de Queixa e A Arnoia foron os cinco primeiros concellos nos que se instalaron os caixeiros subvencionados pola Xunta. Abanca prevé rematar no vindeiro mes de maio a colocación en todos os municipios adheridos á iniciativa do Goberno galego, algúns deles nos que a propia entidade bancaria pechou oficinas nos últimos anos. 

Como vén contando Praza.gal desde antes mesmo de que a Xunta convocase a subvención, a Xunta apostou por subvencionar á banca a instalación e mantemento de caixeiros en concellos que carezan de servizos bancarios e un máximo de dúas horas á semana dun servizo de asistencia e formación á cidadanía para ensinarlle a que opere con eles. O Goberno galego estaba disposto a gastar ata 2,8 millóns de euros en catro anos e ata 14.200 euros por caixeiro e ano, e a oferta gañadora de Abanca rebaixou esa contía á metade, a 7.100 euros ao ano.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, observa como un usuario opera no caixeiro de Chandrexa de Queixa CC-BY-SA Xunta de Galicia

Dos 38 concellos que solicitaran adherirse ao convenio entre Xunta e Fegamp, dous desistiron finalmente

Nun principio, eran 38 os concellos que solicitaron a adhesión a este convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a Fegamp pero dous deles caeron da lista, segundo confirma a Praza.gal a Consellería de Facenda. "Dous finalmente non se van prover por desestimento ou outras causas", explica, sen dar máis detalle nin aclarar en que municipios se rexeitou finalmente adherirse ao programa. 

Xa o pasado marzo, e fronte á cifra de 38 concellos que a Xunta indicara, Abanca falaba de 36, que identificaba: Aranga, Coirós, Dodro, Lousame, Paderne, Santiso, Toques, Vilasantar, Vilarmaior, Dumbría, Monfero, O Páramo, Ribeira de Piquín, Samos, A Arnoia, Baltar, Os Blancos, Carballeda de Avia, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Larouco, Lobeira, Melón, Oímbra, Petín, Piñor, Pontedeva, Porqueira, Rairiz de Veiga, Taboadela, A Teixeira, A Peroxa, Vilar de Santos e San Xoán de Río.

Os municipios que decidiron a última hora saír do convenio foron Cabanas e O Vicedo. Fontes municipais do Concello eumés aclaran que o goberno local optou finalmente por renunciar ante a obriga de "asumir todos os gastos derivados" que implicaba acoller un dos caixeiros subvencionados. 

A metade dos concellos cos caixeiros subvencionados desbotaron a asistencia financeira e formación que ofrecía o convenio

Ademais, e tal e como aclara Facenda, o convenio "actívase a solicitude dos propios concellos" que non só "deciden a súa adhesión a esta iniciativa, senón que tamén elixen entre as dúas modalidades posibles: caixeiro automático ou caixeiro automático e asistencia e formación financeiras". De todos os municipios que reclamaron ser incluídos nesta rede de caixeiros subvencionados, a metade optaron por desbotar a asistencia presencial á veciñanza e a formación, segundo aclara o departamento que dirixe Miguel Corgos. 

Hai só un mes, a Xunta salientara que ademais da dispoñibilidade do caixeiro a veciñanza tería “un servizo de asistencia financeira co que poder solucionar calquera dúbida e contratar produtos coma nunha oficina bancaria convencional, e dun servizo de formación financeira e banca electrónica para que poidan empregar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías”. Porén, as bases da subvención contemplan que o Executivo galego só subvenciona un máximo de dúas horas á semana dese servizo de formación e asistencia.

O convenio asinado explicita que os concellos que se adhiren á iniciativa deben ceder o espazo para instalar o caixeiro, asumir os custos de electricidade ou telecomunicacións pero tamén facilitar un local no que realizar as actividades formativas e o asesoramento, de habelas, así como facerse cargo dos gastos derivados nestes locais, que deben ser "habilitados e con capacidade suficiente” e autorizados para "a súa utilización sen custo" para a entidade, "sendo aconsellable que este local estea próximo á localización establecida para a instalación do caixeiro”.

Para acceder á asistencia e formación os concellos tiñan que ceder un local "sen custo" para Abanca

De entre a metade dos concellos que si optaron pola asistencia financeira está Lousame, onde unha ducia de persoas, a maioría mulleres, asistiron á xornada de formación de hora e media ofrecida por Abanca, nunha xornada recollida por Praza.gal nunha reportaxe

Por outra banda, aclara tamén a Consellería que custo anual do servizo roldará finalmente os 300.000 euros, ata os 1,2 millóns por catro anos coa que a Xunta subvenciona a Abanca

Segundo Abanca, participar na iniciativa do Goberno galego suporalle unha perda de 2.000 euros anuais por caixeiro aínda recibindo os 7.100 euros ao ano da Xunta, e que o fai por "compromiso social". O Goberno galego estaba disposto a achegar ata 14.200 euros ao ano por aparello, o que consideraba “cartos moi ben investidos” para loitar contra a exclusión financeira malia que o deseño das axudas permite que a entidade bancaria poida recibir subvencións por caixeiros que instale no futuro en lugares onde ela mesma peche a partir de agora oficinas. Abanca asegura que non o fará, que non pechará máis oficinas en ningún dos 134 concellos nos que é a única entidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.