En 3 anos con caixeiros subvencionados en 41 concellos impartíronse 28 actividades formativas á poboación e prestáronse 383 servizos de asistencia financeira personalizada
En 2022 a Xunta comezou a subvencionar a Abanca a instalación de caixeiros automáticos en concellos que carecían de servizos financeiros, nalgúns casos tras pechar oficinas a propia Abanca. Tres anos despois o Goberno galego vén de facer o primeiro balance da súa iniciativa, que supuxo a instalación de caixeiros en 41 concellos cun gasto para as arcas públicas de 7.100 euros ao ano por terminal. Segundo os datos agora divulgados pola Xunta, en cada caixeiro estaría realizándose unha media dunhas 14 operacións ao día.
A Xunta lanzou a súa convocatoria de subvencións para caixeiros en localidades sen servizos financeiros amosándose disposta a pagar ata 14.200 euros ao ano por terminal. O proceso foi gañado por Abanca cunha oferta que reduciu á metade o custo para a administración, de 7.100 euros ao ano, e coa entidade bancaria asegurando que perdería 2.000 euros por caixeiro ao ano coa súa decisión, que presentaba como exemplo do seu "compromiso de atender a zona onde non haxa o servizo e manter a proximidade cos nosos clientes".
Tres anos despois de poñerse en marcha a iniciativa a Xunta di que neste tempo os caixeiros subvencionados rexistraron "máis de 480.000" operacións cunha tendencia á alza "ata acadar en 2024 as máis de 17.300 operacións mensuais de media, é dicir, máis de 500 operacións diarias". Isto é, segundo estas cifras cada un dos 41 caixeiros subvencionados rexistrou unha media de 11 operacións diarias desde hai tres anos ou de 14 no último ano.
O Goberno galego tamén indica que "a retirada de efectivo é, con moita diferencia, a operación máis recorrente. Pola contra, outras das posibilidades contempladas inicialmente pola Xunta están a ter menos demanda.
A retirada de efectivo é a operación máis frecuente nuns caixeiros para os que os concellos tiveron que facilitar espazos e pagar os seus consumos
Existía a opción de que Abanca impartise actividades formativas ligadas ao uso dos caixeiros en concellos que así o demandasen e habilitasen espazos para facelo, pero nestes tres anos só houbo finalmente 28 desas actuacións. Ademais, establecíase a posibilidade de que os usuarios reclamasen servizos de asistencia financeira persoal, cifrados pola Xunta en 383 en todo este tempo. Unhas cifras que hai que contextualizar co feito de que a metade dos concellos rexeitaron as actividades formativas e os servizos persoais, para o que debían facilitar espazos maiores.
Porque as subvencións da Xunta para os caixeiros implicaron tamén aos concellos interesados, que tiveron que facilitar o lugar de emprazamento dos terminais e pagar consumos como o eléctrico ou de telefonía e a limpeza.