O Goberno galego elixiu o banco, ao que pagará 7.100 euros por caixeiro e ano, fronte a outra oferta que lle formulou Caja Rural
A Consellería de Facenda fixo pública este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que subvencionará con ata 1,2 millóns de euros nos próximos catro anos a Abanca Corporación Bancaria SA para que instale e manteña caixeiros automáticos nos 38 concellos que ata o momento se adheriron ao seu proxecto para manter servizos financeiros no rural. O Goberno galego optou por convocar unha liña de subvencións por concorrencia competitiva na que a oferta de Abanca de 7.100 euros por caixeiro e ano, fronte aos 14.200 euros que estaba disposta a pagar a Xunta, se impuxo a outra formulada por “Caja Rural”, segundo se publica no DOG, que non se detalla.
As condicións da Xunta mesmo lle permiten subvencionar caixeiros alí onde Abanca decida pechar oficinas nos próximos anos
Como vén contando Praza.gal desde antes mesmo de que a Xunta convocase a subvención, o Goberno galego apostou por subvencionar á banca a instalación e mantemento de caixeiros e un máximo de dúas horas á semana dun servizo de asistencia e formación á cidadanía para que opere con eles. O Goberno galego estaba disposto a gastar ata 2,8 millóns de euros en catro anos e ata 14.200 euros por caixeiro e ano, e a oferta agora gañadora de Abanca rebáixao á metade.
As condicións fixadas pola Xunta mesmo permiten que se subvencione caixeiros alí onde a entidade gañadora decida pechar oficinas nos próximos anos, o que só suporá unha rebaixa na porcentaxe de subvención dun 25%, segundo se fixou na convocatoria. Ademais, entre os 38 concellos que ata o momento se adheriron ao programa da Xunta hai varios nos que a propia Abanca pechou oficinas nos últimos anos.
Os concellos deben poñer os locais e asumir o custo dos subministros de servizos
Agora, unha vez resolta a convocatoria da subvención, os concellos interesados deberán facilitar á entidade os locais nos que instalar os caixeiros e ofrecer a asistencia e formación á cidadanía. Os concellos tamén deberán asumir o consumo eléctrico, de telefonía e a limpeza. Unha vez instalados e en funcionamento, a Xunta pagará á entidade a finais de cada ano.
A Xunta asegurou que “son cartos moi ben investidos” e Abanca argumentou que a subvención non lle é rendible senón que “é compromiso social”
A resolución da convocatoria de subvención faise pública agora, pero Abanca xa deu por feito que a gañaría a comezos de setembro e pouco despois a Xunta confirmouno. Segundo as datas que agora se revelan, tras convocarse o proceso en xuño cun prazo dun mes para que as entidades financeiras interesadas formulasen as súas propostas, o 23 de xullo a Xunta constatou a recepción de ofertas por parte de Abanca e Caja Rural, o 28 de xullo formulou a súa proposta de resolución provisional e o 10 de setembro notificoulle a resolución definitiva.
Ante as críticas que chegaron de diversos ámbitos á decisión de subvencionar á banca a instalación de caixeiros en concellos nos que se seguen a pechar oficinas, a Xunta asegurou que “son cartos moi ben investidos” e Abanca argumentou que a subvención non lle é rendible senón que “é compromiso social”.