O Goberno galego xustifica a “axuda de Estado” á banca para que preste servizos financeiros onde os retirou previamente en que é unha “compensación por servizo público”
A Xunta vén de abrir, coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia deste martes, o proceso para elixir unha entidade financeira á que subvencionará con ata 16.000 euros ao ano por cada caixeiro automático que poña en concellos nos que xa non queden oficinas bancarias, medida coa que o Goberno galego prevé gastar 2,8 millóns de euros nos próximos catro anos. A entidade gañadora recibirá subvencións mesmo por caixeiros que coloque en concellos nos que ela mesma peche oficinas nos próximos catro anos. Unha “axuda de Estado” á banca, como a cualifica a propia Xunta, que xustifica como “compensación por servizo público”.
A subvención para os caixeiros onde a entidade seleccionada peche oficinas a partir de agora só se reducirá nun 25%, pasando de 14.200 a 10.650 euros por aparello e ano
A orde da Consellería de Facenda que establece as bases das subvencións regula o seu pagamento en módulos, de xeito que por instalación e funcionamento de cada caixeiro a Xunta pagará ata 14.200 euros ao ano, mentres que polo servizo de asistencia e formación financeira prestado por persoal da entidade pagará ata 1.820 euros por un máximo de 104 horas anuais por caixeiro (17,5 euros a hora, dúas horas á semana). Pero hai tamén outro módulo máis, para caixeiros “naqueles concellos en que, como consecuencia do peche dalgunha ou varias oficinas bancarias da entidade beneficiaria con posterioridade á resolución de concesión, non teñan ningunha oficina bancaria no seu territorio”. Nese caso a subvención será do 75% do módulo ordinario, isto é, de ata 10.650 euros.
Segundo as bases agora publicadas no DOG, no mes de xuño de cada ano o Goberno galego comunicará á entidade que resulte beneficiaria das subvencións que concellos se sumaron á medida asinando o respectivo convenio coa Xunta -actualmente 34 dos 45 que carecen de oficinas bancarias no seu termo municipal, nos que a banca pechou 18 oficinas desde 2003-. A entidade financeira terá a partir dese momento un máximo de 90 días para instalar un caixeiro nos locais que lle faciliten os concellos.
O Goberno galego esixe a "colocación do logotipo da imaxe institucional da Xunta" nos caixeiros
A Consellería de Facenda admite que “esta medida constitúe unha axuda de Estado”, pero considera que é “compatible co mercado interior” e enmárcaa nunha decisión da UE que permite a “compensación por servizo público a algunhas empresas encargadas da xestión de servizos de interese económico xeral”.
Ademais das condicións avanzadas ata agora por Praza.gal tanto para as entidades bancarias como para os concellos interesados, a orde agora publicada no DOG introduce tamén outras novidades como a esixencia de Facenda á entidade que resulte gañadora da “colocación do logotipo da imaxe institucional da Xunta de Galicia na parte frontal do caixeiro e na pantalla de acceso ao menú principal”.