Remata a subvención de 1,2 millóns a caixeiros de Abanca e a Xunta reserva 400.000 euros para "outras iniciativas"

Un dos caixeiros de Abanca subvencionado ata agora pola Xunta e concellos nos que están instalados CC-BY-SA Praza Pública

A entidade xa podería retirar os 41 caixeiros que instalou en concellos rurais pero de momento o Goberno galego di que "están funcionando con total normalidade"

En 2022 a Xunta comezou a subvencionar a Abanca a instalación e mantemento durante catro anos de caixeiros automáticos en concellos que carecían de servizos financeiros, nalgúns casos tras pechar oficinas a propia Abanca. Esa subvención por catro anos vén de rematar tras dedicar a ela a Xunta uns 1,2 millóns de euros, uns 300.000 euros ao ano. 

Agora Abanca pode retirar cando queira os caixeiros, pero de momento a Xunta salienta que "están funcionando con total normalidade". Un Goberno galego que segue contemplando nos seus Orzamentos para este 2026 a mesma partida dedicada á subvención, agora con 400.000 euros, da que non aclara o destino máis alá de que está a estudar "outras iniciativas en relación coa inclusión financeira".

A Xunta lanzou a súa convocatoria de subvencións para caixeiros en localidades sen servizos financeiros amosándose disposta a pagar ata 14.200 euros ao ano por terminal, para o que durante catro anos dispuxo unha partida orzamentaria de 720.000 euros. Ademais, os concellos interesados debían facilitar os locais e asumir o consumo eléctrico, de telefonía ou limpeza.

O proceso foi gañado por Abanca fronte a Caja Rural cunha oferta que reduciu á metade o custo para a administración, de 7.100 euros ao ano. Unha axuda coa que a entidade bancaria asegurou que perdería 2.000 euros por caixeiro ao ano, co que presentaba a súa decisión como exemplo do seu "compromiso de atender a zona onde non haxa o servizo e manter a proximidade cos nosos clientes".

En 2024 cada caixeiro subvencionado rexistrou unhas 14 operacións diarias

Tres anos despois de poñer en marcha a subvención, a Xunta fixo balance dos 41 caixeiros finalmente operativos, nos que se realizaran unha media de 11 operacións diarias por caixeiro durante os primeiros anos e unhas 14 diarias en 2024.

Agora a Consellería de Facenda confirma que o seu incentivo rematou superado o "prazo de vixencia de 4 anos" pero que "os caixeiros están funcionando con total normalidade". 

Caixeiro de Abanca subvencionado pola Xunta en Lousame CC-BY-SA Praza Pública

A partida orzamentaria da que saíron as subvencións a caixeiros e que nos últimos catro anos contemplou 720.000 euros ao ano, malia que dela finalmente só se requiriron uns 300.000 ao ano pola rebaixa proposta por Abanca, segue contemplando 400.000 euros para este 2026. Ante a pregunta a Facenda de a que van ir destinados eses 400.000 euros e se prevé convocar unha nova subvención, a resposta oficial é que "estanse a analizar outras iniciativas en relación coa inclusión financeira", sen descartar que convoque unha nova subvención.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.