A entidade presenta uns beneficios de 323 millóns en 2021 e anuncia que este mes comezará a instalación en 39 concellos que quedaron sen servizos bancarios dos aparellos aos que Goberno galego destinará 1,2 millóns en catro anos
Abanca presentou este mércores os seus resultados do pasado 2021, cando gañou 323 millóns de euros tras un volume de negocio de 108.000 millóns, do que di que rexistrou un crecemento interanual do 18,8%. Neste contexto, e ante unha nova vaga de protestas polo aumento da exclusión financeira, sexa no rural ou sexa das persoas de máis idade, os responsables da entidade foron preguntados polos prazos para a implantación dos caixeiros que a Xunta lle subvencionará con 1,2 millóns de euros durante catro anos en concellos que carecen de servizos bancarios, nalgúns dos cales foi a propia Abanca a última entidade en pechar as súas oficinas.
O conselleiro delegado da entidade, Francisco Botas, anunciou que “este mes” comezará a instalación dos primeiros caixeiros, cuxo custo salientou que é soportado nun 50% por Abanca e “vai orixinar unha serie de perdas”. E a continuación foi o propio presidente e máximo accionista da entidade, Juan Carlos Escotet, quen interveu para cifrar en “máis de 2.000 euros de perda por cada caixeiro ao ano”. “Cremos que está aliñado co noso compromiso de atender a zona onde non haxa o servizo e manter a proximidade cos nosos clientes”, argumentou Escotet.
Como vén contando Praza.gal desde antes mesmo de que a Xunta convocase a subvención, o Goberno galego apostou por subvencionar á banca a instalación e mantemento de caixeiros en concellos que carezan de servizos bancarios e un máximo de dúas horas á semana dun servizo de asistencia e formación á cidadanía para ensinarlle a que opere con eles. O Goberno galego estaba disposto a gastar ata 2,8 millóns de euros en catro anos e ata 14.200 euros por caixeiro e ano, e a oferta gañadora de Abanca rebaixou esa contía á metade, a 7.100 euros ao ano.
A entidade bancaria xa asegurara que participar neste programa da Xunta suporíalle perdas, pero é agora cando as cuantifica por primeira vez en 2.000 euros por caixeiro ao ano. Eses 2.000 euros de perdas que asumiría Abanca sumados aos 7.100 euros que achegará a Xunta suporían que o custo dos caixeiros será duns 9.000 euros ao ano, uns 5.000 euros menos que os 14.200 que estaba disposto a poñer o Goberno galego.
As condicións da Xunta mesmo lle permiten subvencionar caixeiros alí onde Abanca decida pechar oficinas nos próximos anos
Por outra banda, as condicións fixadas pola Xunta mesmo permiten que se subvencionen caixeiros alí onde a entidade gañadora decida pechar oficinas nos próximos anos, o que só suporá unha rebaixa na porcentaxe de subvención que recibirá dun 25%, segundo se fixou na convocatoria. Ademais, entre os concellos que ata o momento se adheriron ao programa da Xunta hai varios nos que a propia Abanca pechou oficinas nos últimos anos.
Os concellos deben poñer os locais e asumir o custo dos subministros de servizos
Este mércores Botas cifrou en 39 os caixeiros a instalar, aínda que el mesmo admitiu que podía trabucarse coa cifra que ofrecía de memoria. Hai dous meses había 38 concellos adheridos ao programa, pero esa cifra pode incrementarse con máis municipios, que deberán facilitar á entidade os locais nos que instalar os caixeiros e ofrecer a asistencia e formación á cidadanía. Os concellos tamén deberán asumir o consumo eléctrico, de telefonía e a limpeza. Unha vez instalados e en funcionamento, a Xunta pagará a Abanca a finais de cada ano.