O movemento veciñal tamén se ergue contra o peche de sucursais: "Alguén debe frear o abuso dos bancos"

Mobilización contra o peche dunha sucursal bancaria en Mesón do Vento CC-BY-NC-SA CIG

A Confederación Galega de Asociacións Veciñais denuncia o "abuso que están a exercer os bancos sobre a cidadanía" e pide que cesen os peches de oficinas

A última vaga de peches de sucursais, especialmente no rural, ergueron as protestas de veciñanza e gobernos locais contra a exclusión financeira que sofren moitas localidades galegas e da que xa alertara o Banco de España. As dificultades da poboación máis envellecida para operar no mundo dixital, a dispersión xeográfica, a distancia e difícil acceso ao efectivo ou o golpe económico que o peche dun banco supón en concellos xa carentes de moitos servizos fixo agromar as mobilizacións en pequenas vilas e municipios que axiña se trasladaron a barrios de cidades afectados tamén pola falta de sucursais

Agora é o asociacionismo veciñal o que se ergue contra o "abuso" que consideran que "están a exercer as entidades bancarias sobre a cidadanía". E non só polo peche de oficinas, senón tamén pola redución de horarios e de atención personalizada, sobre todo coa xente maior. 

Mobilización contra o peche da oficina do Santander en Guísamo (Bergondo) CC-BY-NC-SA CIG

Así, a Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (Cogave), que reúne as principais federacións e uns 500 colectivos en Galicia, iniciará en novembro na Coruña unha vaga de mobilizacións que chegarán a todas as provincias. "É hora de que alguén poña freo aos bancos; non se pode pechar oficinas, reducir horarios e cobrar comisións por todo sen que ninguén faga nada", explica Fernando Rois, presidente de Cogave. 

"É hora de que alguén poña freo aos bancos; non se pode pechar oficinas, reducir horarios e cobrar comisións por todo sen que ninguén faga nada"

A Confederación alerta de que a supresión de oficinas bancarias en Galicia provoca, "unida á redución de persoal", un "caos organizativo para as persoas usuarias", moitas delas maiores, que adoitan soportar "longas rigleiras á intemperie" ante as sucursais pola cada vez menor cobertura das entidades en moitas zonas. 

Para a Confederación, que esta vaga de peches se cebe sobre todo no rural, con maioría de persoas maiores "e sen dominio suficiente das novas tecnoloxías", agudiza o problema por afectar, sobre todo, xente "que carece dos recursos técnicos para ser redirixida á banca electrónica ou ao manexo dun caixeiro automático sen axuda". 

Ademais, denuncia as limitacións dos horarios de caixa impostos agora na maioría de entidades, de 8:30 a 11 da mañá, que afecta, especialmente, a persoas maiores e con dificultades de mobilidade. "Hai casos nos que xente que se ve obrigada a tirar dun taxi para acudir á oficina logo non é atendida pouco despois das 11 malia levar tempo esperando". "É inaceptable, unha falta de respecto e un menoscabo dos seus dereitos como clientes", explica. 

"É inconcibible que un banco che cobre unha comisión por quitar cartos da túa propia conta, pero faise e aquí non pasa nada"

"Cóbranche cada vez por máis servizos ao tempo que os van reducindo; é inconcibible que un banco che cobre unha comisión por quitar cartos da túa propia conta, pero faise e aquí non pasa nada", di Rois, en referencia a decisións de entidades como o BBVA de impor unha comisión de 2 euros por retirar diñeiro da conta nos mostradores. "E se quero pagar un recibo teño que ir antes das 11, aínda que teña que ir desde outro concello porque no meu xa non hai oficina...", explica quen insiste en que as administracións "deben facer algo para deter unha sangría" que, advirte, "está acabando especialmente con rural". 

"Como non vai marchar a xente se lle quitan todos os servizos", insiste o presidente de Cogave, que entende que debería esixirse que "polo menos haxa unha oficina bancaria por concello" no rural galego e que se pregunta "que máis se lle pode pedir a unha poboación coas pensións máis baixas do Estado e cunha importante dispersión xeográfica que, aínda por riba de ter que desprazarse quilómetros para chegar a unha sucursal ten que sufrir logo estes abusos dos bancos". 

"Non pode ser; ten que haber unha solución, máis cando quen está a levar a cabo estas decisións son bancos rescatados con diñeiro público e que agora nos sangran", insiste o presidente de Cogave, confederación que pide a "restitución urxente" das oficinas bancarias eliminadas nos últimos meses, así como o "incremento de persoal e recursos técnicos e  humanos para a atención personalizada" nos bancos. Pero ademais, apostan por unha "banca pública que faga fronte aos abusos das entidades privadas" e a "devolución do rescate que os bancos percibiron".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.