A vaga de protestas contra Abanca polo peche de sucursais --a última o venres en Portas-- continúa ao cumprise dez anos da bancarización dos restos das caixas
A última foi en Portas. Toda a corporación municipal convocou á protesta que xuntou centos de veciños este venres fronte á sucursal de Abanca, que pechará as súas portas o vindeiro 22 de setembro, xornada declarada de loito oficial. Os portavoces de todos os grupos --PP, os independentes de VUP, BNG e PSdeG-- encabezaron a concentración, á que tamén acudiron os alcaldes populares de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade. Todos contra a decisión de clausurar a única oficina bancaria do municipio, a da entidade herdeira das caixas de aforro galegas e da extinta Novacaixagalicia, cuxo proceso de bancarización vén de cumprir dez anos.
A corporación en pleno de Portas xa decidira antes colocar pancartas contra Abanca por toda a vila, enviar unha carta a cada casa advertindo da "difícil situación creada pola decisión unilateral do banco", instar á entrega masiva de follas de reclamacións na sucursal, demandar solucións ás administracións ou recriminar ao presidente da entidade financeira, Juan Carlos Escotet (tamén a través dunha misiva) a súa "deslealdade" coa Galicia rural.
Neste Concello, como en moitos outros, advirten das graves consecuencias do peche do banco, especialmente nas persoas maiores, "que son vítimas da fenda tecnolóxica e non se defenden nin co caixeiro intelixente nin coa banca electrónica". E veciñanza e gobernos locais fan derivar as súas protestas nunha alerta da continua perda de servizos no rural.
Abanca pechou 92 sucursais nos seus primeiros seis anos e medio de vida e prevé outra vaga de clausuras para o último semestre de 2021
Campo Lameiro, Zas, Vimianzo, A Baña, Cerdido, Cerdedo-Cotobade, Poio, Padrenda, Quintela de Leirado, Fene, Forcarei, Moaña, Vilagarcía ou Valdoviño son algúns dos concellos afectados pola última vaga de peches de sucursais por parte de Abanca, que se une ás levadas a cabo por outras entidades nos últimos anos e que aumentan a exclusión financeira en municipios ou localidades do rural, moitas delas xa sen oficina ningunha.
Ao pechar o seu primeiro exercicio, Abanca tiña 548 oficinas en Galicia, derivadas da estrutura das antigas caixas. Seis anos e medio despois, en xuño de 2021, reducíranse a 456. 92 sucursais menos e máis dunha vintena pechadas no primeiro semestre deste ano. No segundo, a previsión é tamén de máis dunha ducia a clausurar.
Como medida para paliar a situación, a Xunta acordou establecer unha subvención para a colocación de caixeiros --ademais de formación financeira-- naqueles concellos que quedaran sen sucursal. Abanca resultou a gañadora do proceso, tal e como confirmou a Xunta este venres, logo de que o banco xa anunciara en agosto ao seu persoal que sería a beneficiaria da axuda, como adiantou Praza.gal. Está dotada con ata 2,8 millóns de euros, 16.000 euros por máquina instalada, para os vindeiros catro anos.
A Xunta confirmou que Abanca gañou a súa subvención para instalar caixeiros nos municipios onde non haxa sucursais
Precisamente, nesta primavera e ata o final do verán, Abanca ten previsto completar máis de vinte peches que manteñen as protestas, non só da veciñanza, senón de gobernos locais de todas as cores, principalmente do PP. Xusto cando veñen de cumprirse dez anos da bancarización dos restos das caixas galegas logo da fracasada fusión impulsada pola Xunta gobernada por Núñez Feijóo.
A efémera Novacaixagalicia iniciaba, seis meses despois da súa creación, o seu proceso de bancarización, que culminaría en xullo de 2011: a actividade financeira pasaba a un banco de nova creación, NCG Banco, comercialmente Novagalicia Banco e inicialmente propiedade ao 100% de Novacaixagalicia.
En decembro de 2013, o grupo venezolano Banesco facíase con eses restos das caixas galegas por 1.000 millóns de euros logo dun rescate público de 9.000 millóns que o Banco de España deu e dá por perdidos. A entidade que fora presentada como "solvente", "galega" e garantía de servizos financeiros en todo o país foi, tras a intervención estatal, vendida pola vía rápida.
Abanca fíxose cos restos das caixas por 1.000 millóns tras o rescate público de 9.000. No seu primeiro exercicio, en 2014, obtivo uns beneficos de 1.157
Abanca, o banco herdeiro de todo aquel proceso iniciado hai unha década, logrou no primeiro semestre deste 2021 un beneficio atribuído de 157 millóns, un 18% máis que no mesmo período do ano anterior. En todo o 2020 o beneficio fora de 160 millóns, mentres que en 2019 alcanzara os 405.
Xa no seu primeiro exercicio, en 2014, as ganancias de Abanca alcanzaran os 1.157 millóns, superando o prezo de compra. En total, supera os 3.000 millóns en beneficios nos seus máis de sete anos de vida, durante os que mercou a rede de Deutshce Bank en Portugal, a do Banco Caixa Geral e a de Novo Banco en España, ademais de facerse con Bankoa.
Unha fusión inzada de puntos escuros
Xa só no recordo, Caixa Galicia e Caixanova, dúas entidades que, durante décadas, foran produto das achegas de milleiros de pequenos aforradores de Galicia e que quedaron polo camiño dun proceso traumático para o sistema financeiro galego. Algúns dos seus ex-directivos pasaron fugazmente polo cárcere por mor do caso das indemnizacións millonarias mentres os feitos que arrodearon aquela fusión seguen inzados de puntos escuros.
Mostra disto, a condena do TSXG á Xunta por non entregar documentos sobre as súas decisións na fusión ao Parlamento, onde a comisión de investigación sobre as caixas aberta por primeira vez en 2013 volve estar conxelada. Ou a sentenza da Audiencia Naciona, que culpou a Caixa Galicia da quebra das caixas e sinalou a Xunta por impulsar a fusión "obrigada".
Máis de once anos despois daquel 28 de xuño de 2010, cando os consellos de Caixa Galicia e Caixanova aprobaron definitivamente o seu "plan de integración", impulsado pola Xunta a través dun aval de cinco páxinas e un informe (non auditoría) de KPMG de 1 millón de euros sufragado polo Executivo. Todo como vía para garantir a "solvencia" e a "galeguidade" do que despois sería Novacaixagalicia. O que logo virou, rescate público e venda por medio, en Abanca. A entidade que agora é a diana das protestas en moitos concellos, a maioría do rural, que vían no banco a herdanza daquelas caixas de aforro, das que xa non queda nin a sucursal de toda a vida.
“Os novos directivos de Abanca parecen querer esquecer o tradicional compromiso social que historicamente supuxeron as caixas de aforros na construción de Galicia. Agora, transformadas en bancos, as súas lexítimas aspiracións de facer negocio non poden supoñer a perda de servizos básicos e fundamentais para a poboación como a atención bancaria”, rezaba o manifesto da última protesta en Portas.