A Audiencia Nacional autorizou este luns a excarceración do ex-presidente de Caixanova e Novacaixagalicia (NCG) Julio Fernández Gayoso, sete meses despois da súa entrada na cadea, logo de cumprir coa cuarta parte da condena imposta de dous anos, tras ter devolto o cobrado e tendo en conta a súa avanzada idade (85 anos) e o seu delicado estado de saúde.
O xuíz ten en conta que devolveu o cobrado, o seu estado de saúde e a súa avanzada idade
Así o acordou o xuíz central de Institucións Penitenciarias, José Luis Castro, co criterio favorable da Fiscalía da Audiencia Nacional. Gayoso foi ingresado en prisión por orde da Audiencia Nacional xunto cos ex-directivos de Novacaixagalicia condenados polas prexubilacións millonarias que se concederan pouco antes da quebra da entidade: José Luis Pego, Gregorio Gorriarán, Óscar Rodríguez Estrada e Ricardo Pradas.
Gayoso, que sairá da prisión da Lama nas vindeiras horas, non se asignara indemnización ningunha pero o tribunal considerouno responsable do acontecido. Malia que todos os directivos foran condenados a dous anos de prisión -unha pena que é suspendida en case todos os casos ao non superarse os 24 meses-, a Sección Terceira da Audiencia Nacional rexeitara esta posibilidade e considerara que a gravidade da súa actuación, no medio dun proceso que acabou coa desaparición das caixas e o rescate do que quedaba delas por máis de 9.000 millóns de cartos públicos, empurraba a que a condena se cumprise de maneira efectiva.
Gayoso terá que colaborar coa asociación Érguete para, "en certa medida, resarcir á sociedade do dano causado"
Agora, Gayoso poderá durmir a diario fóra da cadea e pasar as fins de semana na casa, pero terá que "colaborar de forma altruísta e sen contraprestación económica coa Fundación Asociación Érguete Integración para que axude a persoas en situación de exclusión social", tal e como indica o auto do maxistrado, que aclara que foi o propio banqueiro "quen se ofreceu voluntariamente" a facelo. "Así, poderá, en certa medida, resarcir á sociedade do dano causado coa súa acción delictiva [...] e devolverlle a confianza rota por ese dano causado".
O xuíz tamén tivo en conta que os 10,4 millóns de responsabilidade civil á que foi condenado de forma solidaria xunto co resto de ex-directivos estea xa pagada. "Non puxo obstáculo ningún en cubrir a devandita responsabilidade, máis ben ao contrario, a súa conduta en todo momento e especialmente durante a executorio foi dirixida a facilitar que se fixera efectivo o pagamento", di Castro.
Estimado parcialmente o recurso presentado por Gayoso, a Audiencia non resolveu aínda os que tamén presentaron os outros catro ex-directivos das antigas caixas, rexeitando a Fiscalía constantemente a súa posta en liberdade. Todos eles foran protagonistas da primeira pena de prisión a directivos bancarios nos numerosos escándalos financeiros no Estado. A súa entarada na cadea chegara catro meses despois de que o Supremo ratificase a condena da Audiencia Nacional pero a declarase "exigua" e "desproporcionada", pero non polo seu exceso senón por mínima. Aquel ditame tamén foi considerado para logo ordenar a detención dos ex-directivos.