Ocorreu hai dez anos. O 18 de decembro de 2013, Galicia consumaba a morte do seu sistema financeiro. Banesco quedaba cos restos das caixas galegas, adxudicados polo FROB (Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria) por pouco máis de 1.000 millóns de euros ao grupo bancario venezolano.
A oferta do grupo de Juan Carlos Escotet, daquela xa propietario do Banco Etcheverría, superaba ás do Santander, Caixabank, BBVA e ás de dous fondos de investimento para facerse co que quedaba das antigas caixas. Banesco mercaba Novagalicia, banco no que fora convertida antes da súa venda Novacaixagalicia, a entidade resultante da fracasada fusión entre Caixa Galicia e Caixanova.
O rescate dos restos das caixas galegas, mercados por 1.000 millóns, supuxo a perda de 9.000 millóns de euros públicos
A entidade que tivo que ser rescatada por unhas arcas públicas que asumiron unha elevada factura e a perda de 9.000 millóns de euros, tal e como certificaría anos despois o Banco de España. Daqueles miles de millóns públicos, máis de 5.000 —o principal montante do rescate— chegaron logo de que Novagalicia asumise a redución de persoal e estrutura ou que os preferentistas perdesen parte dos seus cartos. O Estado asumiu o ladrillo tóxico herdado das caixas e ratificou que os investidores que foran chamados a salvar Novacaixagalicia perderían todo.
Aquela caixa fusionada durara como tal apenas medio ano malia recibir o visto e prace do Banco de España para a súa creación e aínda que a Xunta apadriñara a operación como "solvente" esgrimindo un informe encargado por 1 millón de euros á consultora KPMG que presentou como "auditoría" que "avalaba" a fusión, malia non ser tal. O lema de "solvencia e galeguidade" co que o Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo patrocinara a fusión quedou soterrado en pouco tempo. Novagalicia asumiu o negocio bancario de Novacaixagalicia e só uns meses despois foi adxudicado a Banesco, hai agora dez anos, antes do Nadal de 2013.
Foi axiña, en outubro de 2014, cando nacía Abanca, que case unha década despois vai camiño de pechar 2023 con resultados históricos tras rematar os nove primeiros meses do ano cunhas ganancias netas de case 430 millóns de euros, tres veces máis que no mesmo período de 2022. Conta cuns 6.300 traballadores, máis de 670 oficinas e durante estes anos levou acabo ata oito operacións de integración e fusión desde a do Banco Etcheverría ata as últimas para absorber Eurobic e Targobank.
A investigación das caixas no Parlamento acumula anos de parálise tras ser creada hai máis dunha década
Unha década de continuo crecemento de Abanca, a entidade que naceu dos cascallos das caixas e dunha controvertida e fracasada fusión que se empezou a investigar no Parlamento de Galicia mesmo antes de que Escotet ofertase por Novagalicia.
Foi no verán daquel 2013, cando a Cámara galega acolleu as comparecencias dos principais dirixentes das antigas caixas de aforros galegas e cargos políticos implicados na súa xestión e supervisión. Foran citados para responder as preguntas da comisión de investigación aberta para pescudar as responsabilidades sobre a desaparición desas entidades, unha comisión que máis de dez anos despois nunca chegou a emitir as súas conclusións polo desinterese do PPdeG, cuxa maioría é clave para o impulso ou parálise dos seus traballos.
Nesta altura, a comisión non só acumula máis de tres anos de parálise tras a súa última reapertura en outubro de 2020, ao comezo desta lexislatura, senón que quedou orfa coa marcha do Parlamento de dous deputados do grupo popular fundamentais para o seu impulso: o seu último presidente, José Manuel Rey Varela, e, sobre todo, a persoa chamada a validar —mesmo a redactar da súa man— as conclusións, o ata agora portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, home de confianza de Feijóo que marchou con el ao Congreso dos Deputados.