Este 2022 é o ano do décimo aniversario da fin, a todos os efectos, da efémera e quebrada aventura da fusión das que foran grandes caixas de aforro galegas, Caixanova e Caixa Galicia. En febreiro daquel ano, o daquela ministro de Economía, Luis de Guindos, ratificaba que o Goberno do PP de Mariano Rajoy tiña a intención de vender "o antes posible" as entidades rescatadas, caso da naquela altura denominada Novagalicia Banco.
Este 2022 é o ano do décimo aniversario da fin definitiva de Novagalicia Banco, a entidade resultante do rescate de Novacaixagalicia nunha operación tras a que foron dados por perdidos 9.000 millóns de euros públicos
"Punto e final", declararon daquela dende o banco que meses atrás fora rescatado definitivamente cunha inxección de case 2.500 millóns de euros do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB). Novagalicia Banco (marca comercial de NCG Banco S.A.) fora a entidade creada para asumir o negocio bancario de Novacaixagalicia. A caixa fusionada durara como tal apenas medio ano malia recibir o visto e prace do Banco de España para a súa creación e aínda que a Xunta apadriñara a operación como "solvente" esgrimindo un informe encargado por 1 millón de euros á consultora KPMG que presentou como "auditoría" que "avalaba" a fusión, malia non ser tal.
Será tamén neste 2012 cando se fagan dez anos da inxección definitiva de cartos públicos á operación, máis de máis de 5.000 millóns procedentes do rescate bancario. En total, unha factura de case dez mil millóns de euros da que, segundo acreditou o Banco de España, uns 9.000 poden ser dados por perdidos. Os mil restantes, en contas redondas, foron os que achegou o venezolano Banesco para quedar coa entidade a finais de 2013 e transformala na actual Abanca, que en 2019 xa lograra sumar beneficios equivalentes ao triplo do que lle custra mercar NCG.
Hai xa máis dun ano que a comisión de investigación que segue tendo encomendado no Parlamento pescudar na fusión fracasada non move un só papel. BNG e PSdeG dan por feito que o desinterese do PP impedirá avanzar ao respecto
Todos estes aniversarios produciranse despois doutro: o pasado 14 de decembro de 2021 cumpriuse un ano dende que a comisión de investigación que segue tendo -formalmente- no Parlamento a encomenda de culminar as pescudas sobre aquela fracasada fusión realizou o seu último trámite. É a comisión que o PP accedeu a abrir por terceira vez tras as eleccións galegas de 2020, cando xa pasaran sete anos dende que fora creada por primeira vez. Cinco deles estivo completamente paralizada.
O pasado verán de 2021, cando xa transcorrera un curso parlamentario completo sen que a comisión movese un só papel, os grupos da oposición xa amosaban escasa sorpresa por unha parálise que en ningún caso pode virar en movemento se a maioría absoluta do PP non o permite. Noa Presas, deputada do BNG na comisión, subliñaba que alén da "cosmética", os populares seguen sen "vontade de ir máis alá" porque "Núñez Feijóo foi directamente responsable do que acontece, avalando persoalmente a fusión". O Bloque, resaltaba, continuaba coa "clara vontade de chegar ata o final, caia quen caia". [A Xunta despachou en cinco páxinas o aval á fusión das caixas que agora envía ao Parlamento por orde xudicial]
Para Pablo Arangüena, do PSdeG, a enésima paralización evidenciaba a "falla de interese do PP en que se saiba o que pasou". Pero tamén "forma parte dunha estratexia de paralización e entorpecemento das funcións do Parlamento", consideraba, "moi na liña da Xunta: facer que se fai, pero sen facer nada".
Con este pano de fondo, o Parlamento disponse a retomar a vindeira semana a súa actividade coas primeiras xuntanzas da comisión que analizará a futura reforma do financiamento autonómico. Non hai perspectiva ningunha de retomar a comisión sobre unha fusión que, de cando en vez, rexorde en autos xudiciais ou en documentos que apenas logran eco. Caso pechado.