A investigación das caixas conclúe o segundo curso da nova lexislatura sen mover un só papel tras abrir por terceira vez

A Xunta impulsou a fusión das caixas hai unha década -na imaxe, Feijóo con Gayoso e Méndez a finais de 2009- CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza Pública

A primeira vez que o PP accedeu a que o Parlamento abrise unha comisión de investigación sobre a fracasada fusión de Caixa Galicia e Caixanova e o posterior rescate público da entidade fusionada, transcorreran uns poucos meses dende que os populares revalidaran a maioría absoluta para Alberto Núñez Feijóo nas eleccións de outubro de 2012. Daquela, Novacaixagalicia xa era un banco rescatado cuns 9.000 millóns de euros. Novagalicia Banco agardaba por unha venda que o Goberno de España de Mariano Rajoy desexaba que fose rápida e que concluíu, a finais daquel 2013, coa poxa gañada polo venezolano Banesco por apenas mil millóns de euros.

O PP accedeu por primeira vez a abrir a comisión de investigación sobre a fusión das caixas hai 8 anos, pero mantívoa paralizada durante máis de media década

Tras uns primeiros meses con reveladoras comparecencias como as de José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso ou revelacións a respecto do esgrimido pola Xunta como unha "auditoría" da consultora KPMG que "avalaba" a fusión -en realidade, nin era unha auditoría nin apoiaba a unión de ambas entidades-, o PP decidiu paralizar a comisión en vésperas das eleccións europeas de 2014 (para "arrefriar o debate", argumentaran posteriormente). A comisión xa non volvería ata xaneiro de 2017, na lexislatura seguinte, e non tardou en ser freada de novo.

Celebración da fusión en Monte Pío (maio de 2010) e comunicado de Novacaixagalicia no seu primeiro día de actividade, o 1 de decembro do mesmo ano CC-BY-SA Foto: Xoán Crespo / Xunta | Montaxe: Praza Pública

Así foi como rematou unha lexislatura máis e no outono do pasado 2020, sete anos despois da primeira apertura e tras cinco deles coa comisión parada, os populares accederon a retomar a investigación outra volta. Contra finais de ano, cando se cumpría o décimo aniversario da fracasada fusión, a investigación volvía dar uns sinais de parálise que se confirmaron posteriormente. O segundo curso parlamentario da nova lexislatura vén de rematar e a comisión de investigación apenas moveu documento ningún alén dos relativos á súa propia reconstitución.

Noa Presas (BNG) coida que a reapertura da comisión foi "un xesto cosmético" do PP "sen vontade de ir máis alá, porque Feijóo é directamente responsable do que aconteceu"

Para Noa Presas, unha das deputadas que representan o BNG na comisión, non resulta "sorpresivo" que finalice outro período de sesións do Parlamento "coa comisión das caixas metida no conxelador". Nestes máis de 8 anos transcorridos dende a súa primeira apertura, resalta para Praza.gal, "vimos que o PP só reacciona se hai presión mediática e social". Iso, coida, "foi o que aconteceu" cando, no inicio da actual lexislatura, accedeu a reabrir a investigación, porque "cando o BNG rexistrou a petición de reactivala, coincidiu no tempo co último auto da Audiencia Nacional" ao respecto.

"Foi a rebufo e tivo que dar o brazo a torcer" pero "como avanzamos no seu día, foi un xesto cosmético e sen vontade de ir máis alá" porque "Núñez Feijóo é directamente responsable do que aconteceu, avalando persoalmente a fusión" aínda que "agora tente botar balóns fóra". "A nosa vontade é clara, o Parlamento ten que investigar e chegar ata o final, caia quen caia", conclúe Presas, quen non obstante lembra que a maioría absoluta do PP fai que os traballos da comisión dependan, en última instancia, do propio grupo conservador.

Noa Presas, deputada do BNG, nun pleno do Parlamento o pasado maio © Parlamento de Galicia

Pablo Arangüena, deputado do PSdeG na comisión de investigación e tamén avogado que, a finais de 2011, levou á Xustiza as controvertidas prexubilacións millonarias de ex-directivos das caixas, coida que a nova paralización da comisión se "inscribe nunha clave de falla de transparencia e de falla de interese" por parte do PP "en que se saiba o que pasou coas caixas". Mais tamén, afirma en declaracións a este xornal, "forma parte dunha estratexia de paralización e entorpecemento das funcións do Parlamento".

Pablo Arangüena (PSdeG) ve a paralización "moi na liña da Xunta: facer que se fai" e "sepultar" o fracaso da fusión "baixo a aparencia dunha investigación"

O parlamentario socialista considera "evidente", tras máis de 8 anos dende que a comisión abriu por primeira vez, que o PP accedeu a creala coa pretensión de "crear unha apariencia de que se fai algo", pero sen vontade de "finalizala" nin de que as pescudas tiren luz sobre o acontecido. "Vai moi na liña da Xunta: facer que se fai sen facer nada" e "sepultar" o fracaso da fusión "baixo a aparencia dunha investigación" que en realidade queda "baleira", defende.

Pablo Arangüena, deputado do PSdeG, nun pleno do Parlamento o pasado abril © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.