No ano 2005, Caixa Galicia pechou o seu balance con 182 millóns de euros de beneficio. Aquel ano, segundo a súa conta de resultados oficiais, os fondos colocados en hipotecas medraran un 76% interanual e o seu financiamento ao sector da construción roldaba os 10.400 millóns de euros tras aumentar case un 50% nun ano. Naqueles doce meses emitira tamén 250 millóns en participacións preferentes, termo aínda practicamente descoñecido para a opinión pública.
Caixa Galicia concedeu en 2005 un préstamo de 108 millóns de euros á promotora do edificio Intempo. Naquel ano o seu financiamento ao sector inmobiliario superaba os 10.000 millóns
A daquela gran caixa do norte de Galicia, na altura encabezada por José Luis Méndez, continuara naquel ano a súa expansión territorial. Abrira 32 oficinas novas, só dúas en territorio galego (unha en Vigo e outra, na Coruña) e as restantes, noutros puntos do Estado. Todo, mentres a Xunta, que viña de mudar de cor política (PSdeG e BNG chegaran en agosto ao Goberno tras década e media de fraguismo), seguía sen ocupar os postos nos órganos de control da caixa aos que tiña dereito por lei.

Un dos negocios inmobiliarios de Caixa Galicia en 2005 fora conceder un préstamo de 108 millóns de euros a Olga Inmobiliaria, compañía promotora do chamado edificio Intempo. A caixa galega pasaba a financiar a construción dun rañaceos de 47 andares e 198 metros de altura na costa de Benidorm (Alacant). Estaba chamado a ser, promocionaban, o edificio residencial máis alto de Europa e proxectaban telo rematado en 2010. As obras do complexo non remataron ata este xullo de 2021 e a actual promotora vende nel vivendas que chegan a superar o millón de euros.
Tras a fusión con Caixanova e posterior rescate de Novagalicia Banco, o 'banco malo' quedou coa débeda do Intempo e colocoulla en 2017 a un fondo de investimento americano. As obras veñen de rematar e a promotora encargada está a vender os pisos por prezos que van dos 260.000 euros a máis dun millón
Como tantos outros, aquel faraónico proxecto ficou atrancado co picazo da burbulla inmobiliaria e tamén por diversos problemas técnicos. En 2010, ano no que o Intempo tiña que estar rematado, culminou a fusión de Caixa Galicia con Caixanova, dando lugar a Novacaixagalicia. En 2012, a entidade fusionada fora forzada a converterse nun banco (Novagalicia Banco) que acabou rescatado e, como parte daquel rescate, a Sareb (o coñecido como banco malo) quedou con 5.000 millóns en activos inmobiliarios tóxicos das antigas grandes caixas galegas. Entre eles, o préstamo de Caixa Galicia para construír o edificio Intempo.
Cinco anos despois, en 2017, as obras do Intempo levaban un trienio paralizadas e o seu eco xa virara internacional cando, por exemplo, o xornal británico The Guardian o reflectiu como o "testamento" da "tolemia española da construción". Foi daquela cando a Sareb logrou colocar o préstamos a un fondo de investimento internacional, o americano SVP Global, que quedou con el por uns 60 millóns de euros -segundo publicara Cinco días-, correspondéndolle comandar o remate das obras e a comercialización dos 256 pisos da xigantesca torre.
A promotora á que SVP Global encomendou o remate e comercialización do Intempo, Uniq Residential, publicita neste xullo de 2021 a finalización das obras e que tamén ten xa vendidos o 40% dos apartamentos, que vende como un "investimento seguro" e de luxo. Os apartamentos que a promotora presenta como "máis asequibles", custan de 257.000 a 341.000 eurose os máis caros, situados entre os andares 38 e 45, superan o millón de euros, segundo reflectiron publicacións especializadas e reflicte a propia compñía no seu sitio web.
A forte exposición ao financiamento do sector inmobiliario e a expansión fóra do seu ámbito territorial, Galicia, foron sinalada nestes anos como algunhas das principais causas para a quebra e rescate de Novacaixagalicia, operación impulsada pola Xunta e avalada polo Banco de España que implicou a inxección de 9.000 millóns de euros públicos, dos cales foron recuperados apenas 1.000. No ámbito político, a comisión de investigación sobre a fusión das caixas volveu abrir por terceira vez o comezo desta lexislatura, pero dende a súa reapertura non realizou trámite ningún.
