A Audiencia Nacional culpa a Caixa Galicia da quebra das caixas e sinala a Xunta por impulsar a fusión "obrigada"

Mención á fallida fusión de Caixanova e Caixa Galicia no auto da Audiencia Nacional CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza Pública

A Audiencia Nacional incide con contundencia no fracaso da fusión das caixas galegas e sinala responsables. Nun auto do pasado 1 de outubro, culpa a Caixa Galicia da quebra e o posterior rescate das entidades e advirte da responsabilidade da Xunta por impulsar malia todo unha fusión que precisou máis de 9.000 millóns de euros públicos, dos que se perderon practicamente todos. 

"A única razón pola que o FROB interveu foi pola situación económico-financeira na que se atopa en 2010 Caixa Galicia", di a Audiencia Nacional

"A única razón pola que o FROB interveu foi pola situación económico-financeira na que se atopa en 2010 Caixa Galicia antes de que se producise a fusión", din os tres xuíces da sección 2 da Sala do Penal nun auto que adianta Faro de Vigo e ao que tivo acceso tamén Praza.gal no que a Audiencia Nacional se declara incompetente para xulgar ex-dirixentes de Caixanova polo suposto prexuízo.

© Xunta

Nunha opinión inédita da Audiencia Nacional, o tribunal carga con dureza contra o proceso e as decisións e propostas dos supervisores do Banco de España e da Xunta de Galicia, que impulsaron unha fusión que supuxo unha xigante perda para os contribuíntes ou milleiros de aforradores afectados polas preferentes. 

O tribunal advirte de que a quebra de Caixa Galicia provocou o rescate das caixas e que Caixanova non tería sido intervida "se non fose obrigada a fusionarse"

O auto supón a constatación de algo tan sabido xa como obviado por moitos dos seus protagonistas: o rescate das caixas foi provocado pola quebra da entidade do norte e a fusión acabou sendo imposta a Caixanova, que "nunca tería sido intervida se non fose obrigada a fusionarse con Caixa Galicia, dando lugar a Novacaixagalicia". 

Segundo conta tamén El País, hai documentos do Banco de España que deitan luz sobre a situación das entidades. Un de apenas un ano antes de confirmarse a fusión advirte de que Caixanova "podería vivir por si sola aídna que con dificultades e esforzo". Outro advirte de do "risco moi alto" na solvencia de Caixa Galicia, da que se dubida da "súa viabilidade como entidade independente" pola "desafortundada expansión da caixa desde 2005, cunha agresiva política de créditos sen reforzar os controis de riscos e financiándose nos mercados maioristas". 

A principios de 2010, e malia as recomendacións evidentes en contra, a Xunta irrompe co xa famoso informa solicitado a KPMG. Logo de defender a "solvencia" e "galeguidade" da futura entidade, o Goberno galego esgrimiu este documento que presentara como unha "auditoría externa" que "avala a solvencia da fusión". 

En realidade, como transcendería posteriormente e como a propia KMPG reiteraría en público nos anos seguintes, a consultora nunca realizou unha auditoría nin "avalou" a fusión. Tratábase dun informe que "en ningún caso era unha auditoría" e que "non recomendaba a fusión" que acabou celebrándose, tal e como advertiu no Parlamento e no Congreso dos Deputados un dos executivos que o elaborou. Si incluía unha "recomendación", pero non era fusión paritaria, senón "a absorción de Caixa Galicia por parte de Caixanova".

Tras o nacemento de Novacaixagalicia, a mediados de 2011, e logo da inxección de varios miles de millóns de euros polas novas esixencias da lexislación estatal, a entidade viuse empurrada a transferir o seu negocio bancario a unha entidade de nova creación, Novagalicia Banco, a mesma que será definitivamente rescatada polo Estado a finais de ano con outros 2.465 millóns. 

O grupo venezolano Banesco comprou os restos das caixas por uns 1.000 millólns de euros e creou Abanca

O novo banco pasaba a ser público pero non por moito tempo. Un ano despois, o Estado culminou a súa venda por uns 1.000 millóns de euros ao grupo venezolano Banesco. Cos restos das caixas, Banesco creou Abanca, entidade que a comezos deste ano xa sumara en beneficios máis do triplo do que lle custara mercar Novagalicia Banco.  

Polo camiño quedaron máis de 9.000 millóns de euros públicos -segundo cálculos efectuados polo Banco de España en 2019.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.