Beneficios de Abanca, pescudas inacabadas, Monbus, Massó: o que resta das caixas aos 15 anos da fusión

Acto de sinatura da fusión de Caixa Galicia e Caixanova o 29 de novembro de 2010 no CGAC, en Santiago, e beneficios anuais de Abanca CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O 29 de novembro de 2010 Feijóo apadriñaba a fusión de Caixa Galicia e Caixanova, rescatada con 9.000 millóns públicos e vendida por mil a Banesco, que xa suma 5.600 de beneficios mentres tenta rendibilizar polémicos activos herdados 

"Fusión das caixas galegas. Santiago, 29/11/2010". Esa é a inscrición da pluma Mont Blanc coa que quedou Feijóo hai 15 anos logo de que fose empregada polos máximos responsables de Caixa Galicia e Caixanova para asinar o que o presidente da Xunta avalaba como "unha entidade galega e solvente". Só tres anos despois o Estado xa gastara 9.000 millóns de euros en rescatar o resto daquela fusión e vendíao por mil millóns ao venezolano Banesco, que lle puña como nome Abanca.

15 anos despois daquela sinatura, Abanca sumou neste tempo máis de 5.600 millóns de beneficios mentres segue tentando rendibilizar polémicos activos herdados tras desfacerse xa doutros. Pola súa banda, as pescudas do sucedido remataron na vía penal con condenas "exiguas" -como as cualificou o Supremo- para algúns ex-directivos das caixas ou mesmo prescricións, e na vía política cunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia que nunca chegou a concluír.

Imaxes corporativas de Caixanova, Caixa Galicia e das entidades resultantes da fusión, rescatadas polo estado e mercadas por Banesco para crear Abanca CC-BY-NC-SA Praza Pública

A sinatura o 29 de novembro de 2010 no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) da fusión das caixas entre os seus presidentes, Mauro Varela por Caixa Galicia e Julio Fernández Gayoso por Caixanova, foi o resultado perseguido durante o ano previo polo daquela recentemente elixido presidente Feijóo. Alí chegouse tras encargar a Xunta á consultora KPMG un estudo que non puido establecer a desexada "solvencia" da nova entidade, como publicitaba o Goberno galego, porque realmente non era unha auditoría da situación das caixas. 

Un ano despois da fusión presentada por Feijóo como "solvente" a caixa resultante convertíase en banco e outro ano despois o Estado rescatábao con 9.000 millóns

Así que dez días antes da sinatura da fusión a Xunta autorizouna limitándose a constatar os pasos que as dúas entidades foran dando cara ao obxectivo preestablecido e as vantaxes que aseguraban que se acadarían.

Non foi así e a Novacaixagalicia resultante da fusión acabou en 2011 convertida en NCG Banco, rescatado pouco despois polo Estado con máis de 9.000 millóns de euros públicos. 

As investigacións

A Audiencia Nacional investigou con varios procedementos como se chegara a esa situación, pero só cinco dos antigos responsables das caixas acabaron condenados por administración desleal e apropiación indebida por indemnizarse a si mesmos: Julio Fernández Gayoso como presidente de NCG Banco, José Luis Pego como director xeral e outros tres directivos. Gayoso pasaría só sete meses na cadea tras cumprir unha condena que o Tribunal Supremo avalou pero considerou "desproporcionada" por baixa, "pola súa exigüidade desde a perspectiva da gravidade das condutas".

Só cinco dos antigos responsables das caixas acabaron condenados, con penas que Supremo considerou "exiguas", e varios dos seus pelotazos urbanísticos quedaron impunes, como tampouco hai aínda conclusións da investigación política paralizada polo PP no Parlamento

Os directivos tamén foron investigados por operacións inmobiliarias ruinosas que engadiron perdas ás contas das caixas, pero foron absoltos por falta de probas, como sucedeu cun proxecto de Caixanova en Rivas-Vaciamadrid, ou por prescrición dos feitos, como sucedeu con outras promocións de Caixa Galicia en Roquetas de Mar ou de Caixanova en Cangas. 

Neste último caso a Fiscalía atribuíu a Gayoso a decisión última de que Caixanova se implicase nunha urbanización con porto deportivo na antiga conserveira de Massó que as protestas cidadás lograron parar e na que a caixa perdeu 45 millóns de euros que acabou asumindo o Estado. Pero cando o caso chegou a xuízo aínda a finais do pasado ano considerouse que os feitos prescribiran. 

Protesta contra Caixanova nas obras da urbanización de luxo con porto deportivo de Massó, en Cangas © Foro Social de Cangas

Ademais das investigacións penais, tamén as houbo políticas. Os principais dirixentes das caixas compareceron no Parlamento de Galicia no verán de 2013, pero máis dunha década despois aquela comisión de investigación política, paralizada e reaberta varias veces, segue sen ter conclusións. Unha falta de responsabilidades políticas directamente atribuíble ao desinterese do PPdeG, cuxa maioría na Cámara galega é clave para o impulsou ou parálise desa comisión parlamentaria.

5.600 millóns de beneficios de Abanca

Saneadas as contas do NCG Banco en que acabaran convertidas as caixas, o Estado vendeuno a finais de 2013 ao venezolano Banesco, controlado por Juan Carlos Escotet, logrando recuperar só uns mil millóns, unha novena parte do que custou o rescate.

A finais de 2014 o banco era renomeado como Abanca e nese primeiro exercicio de nova xestión a entidade que segue aglutinando boa parte do aforro da cidadanía galega lograba xa uns beneficios de 1.157 millóns, máis do que pagaran por ela os seus novos propietarios. Desde aquela, nos 11 exercicios que pasaron, Abanca suma uns beneficios superiores aos 5.600 millóns de euros, segundo as súas propias comunicacións.

Parte dos beneficios de Abanca chegaron da venta de participacións das antigas caixas, como agora tenta facer con Monbus, pero o banco optou por quedar con outros, como a promotora que segue tentando impulsar a urbanización de Massó en Cangas

Neste tempo parte deses beneficios foron froito de ventas de participacións que tiñan as caixas en diversas empresas tanto galegas como foráneas. Así, nada máis crearse Abanca desfíxose de participacións en 17 firmas, entre elas Adolfo Domínguez. En 2018 vendeu o 23,8% que tiña de Itinere, matriz de Audasa, a concesionaria da AP-9. E en 2021 fixo o mesmo co 4,5% de Euskaltel, que tiña como parte da súa participación previa na galega R, adquirida uns anos antes pola compañía vasca.

Agora Abanca, segundo veñen de publicar varios medios, volve intentar vender o 34% da participación que tamén herdou das caixas en Transmonbus, a matriz do grupo Monbus, da que xa tentou desfacerse sen éxito en 2016.

Pola contra, Abanca quedou coa herdanza que recibiu de Caixanova no Porto e Gaia, onde controla a empresa Sogevinus, con diversos intereses en adegas e outros negocios ligados ao mundo do viño que mesmo está a potenciar. Tamén quedou con participacións en empresas nacidas ou con forte implantación en Galicia como a navieira Elcano ou o Grupo Copo de automoción.

E igual que quedou con Marina Atlántica, a promotora que segue tentando impulsar unha urbanización na contorna da antiga conserveira Massó, en Cangas. O proxecto orixinal supúxolle a Caixanova a perda de 45 millóns de euros que acabou asumindo o Estado, pero agora a promotora vén de pedir ao Concello de Cangas que lle devolva 1,7 millóns de euros adiantados hai dúas décadas para a execución daquela urbanización frustrada. Unha petición que fai ao tempo que teima en promover unha nova actuación máis reducida. É outra das herdanzas aínda vivas das antigas caixas fusionadas hai agora 15 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.