A factura pública de Massó medra: 1,7 millóns reclamados a Cangas tras os 45 perdidos en Caixanova

Antiga conserveira de Massó en Cangas CC-BY-SA Dende

Tras quedar impune o frustrado pelotazo urbanístico apoiado pola antiga caixa hai dúas décadas, a promotora dona dos terreos, agora controlada por Abanca, reclama ao Concello pola paralización daquel proxecto mentres impulsa un novo

A comezos deste ano a Audiencia Nacional fixo pública unha sentenza que deixou impune, por prescrición, a perda de 45 millóns de euros de Caixanova no frustrado pelotazo urbanístico que impulsou hai dúas décadas na antiga conserveira de Massó, en Cangas. A urbanización de luxo con porto deportivo non chegou a facerse pola oposición veciñal e as perdas de Caixanova foron asumidas polo Estado co seu posterior rescate, pero a empresa promotora dona dos terreos quedou en mans de Abanca cando se privatizaron os restos das caixas. 

Agora esa promotora vén de reclamar ao Concello de Cangas polo non desenvolvemento daquela urbanización 1,7 millóns de euros que adiantou hai dúas décadas. Ao tempo, agarda que o Concello acepte un novo proxecto urbanístico rebaixado, xa sen porto deportivo.

O proxecto para Massó de hai dúas décadas foi impulsado a través de dúas sociedades creadas a medias entre Caixanova e o empresario Ubaldino Rodríguez e a súa muller, Residencial Marina Atlántica SA e Complejo Residencial Marina Atlántica SL, unha para o porto deportivo e outra para a urbanización en terra. As protestas cidadás lograron parar os traballos, as crises das caixas e urbanística aparcaron despois o proxecto e o Tribunal Supremo acabou anulando en 2013 por ilegal a concesión da Autoridade Portuaria de Vigo para o porto deportivo.

Hai un ano a Fiscalía, que chegaba a xuízo pedindo cadea para Julio Fernández Gayoso e outros directivos da caixa, pasou a considerar prescritos os delitos e a Audiencia Nacional emitiu unha sentenza absolutoria sen chegar a analizar o sucedido

Segundo mantivo a Fiscalía no proceso xudicial que hai un ano acabou impune por prescrición dos feitos, Caixanova perdeu no proxecto 45 millóns de euros que inxectou nel por decisión do seu máximo responsable, Julio Fernández Gayoso. Unhas perdas polas que a Fiscalía considerou que o prexudicado final fora o Estado, xa que foi o seu rescate das antigas caixas galegas a través do FROB o que "ao inxectar 10.000 millóns de euros que foron necesarios para poder afrontar a angustiosa situación económica da entidade asumiu, entre outras, as perdas derivadas desta operación" en Cangas. 

Conclusións da Fiscalía sobre o sucedido en Massó antes de retirar hai un ano súa acusación por considerar prescritos os delitos de administración desleal e apropiación indebida CC-BY-SA Praza Pública

Pero a sociedade promotora impulsada pola caixa e propietaria dos terreos, Marina Atlántica, quedou en mans de Abanca como compradora do NCG Banco no que se fusionaran as caixas xusto antes do rescate. Unha promotora que hai uns meses presentou ao Concello de Cangas un novo proxecto de urbanización rebaixado e xa sen porto deportivo. 

Agora a alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, do BNG, rexeita pagar o que reclama a promotora por non facerse a urbanización e di que esperará "a que haxa unha sentenza xudicial, se a empresa quere explorar esa vía"

Ante a falta de acordo municipal sobre o que se debe permitir construír nos terreos da antiga conserveira, a promotora reclama agora 1,7 millóns de euros que adiantou ao Concello hai dúas décadas para facer a urbanización finalmente frustrada. Unha reclamación que a alcaldesa, Araceli Gestido, do BNG, rexeita pagar e deixa en mans da xustiza. "Esperaremos a que haxa unha sentenza xudicial, se a empresa quere explorar esta vía", di, facendo ver implicitamente que a promotora estaría máis interesada en non chegar aos xulgados por un asunto de hai dúas décadas senón en poder desenvolver agora urbanísticamente os seus terreos para así rendibilizalos.

Protesta de mariñeiros en embarcacións en 2009 contra o porto deportivo de Massó © Foro Social de Cangas

Un novo proxecto que coincide no tempo coa aposta da Xunta por dar novos usos a edificios históricos abandonados no litoral, para o que vén de presentar un catálogo de bens de valor cultural que inclúe varios elementos da antiga conserveira de Massó.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.