'Perroflautas' e sardiñas contra tiburóns en Massó: "A nosa loita gañámola, agora será o que queiran as novas xeracións"

Sinal de prohibido circular, xa case esvaecido, que a cidadanía defendeu cos seus corpos para bloquear o acceso da maquinaria que ía construír o porto deportivo de Massó CC-BY-NC-SA Berto Baamonde / Praza.gal

A xustiza vén de deixar impune a perda de 45 millóns de Caixanova no pelotazo que quería facer da antiga conserveira de Cangas unha urbanización de luxo e porto deportivo, paralizado por unha loita social que repasamos cun protagonista e cun cronista dela

"É o que ten mete-lo hábitat dun pobo ou dun país nunha burbulla e tratar de naturalizalo. Pululan tiburóns arredor, e seica pensas que se pode convivir con eles, que mesmo podes participar das súas aventuras e festíns, esquecendo a propia condición de sardiña. En Cangas negáronlle-lo trato ós tiburóns e presentáronlles batalla [...] Un feixe de activistas que poderían corresponder ó que logo se denominou 'perroflautas' chamou ó combate e afrontou a parte máis ardua da resistencia, polo ben común. Logo, os mariñeiros sumáronse á mobilización e arrastraron o groso do pobo, porque mariñeiros eran o seu sangue e a súa historia. Non eran sardiñas, eran cidadáns que se miran e recoñecen no mar. Pararon a acometida dos tiburóns".

Así resume o xornalista Primitivo Carbajo na introdución do seu libro Salgheirón (Morgante, 2021) o que despois relata ao longo de toda a obra, a loita social contra a urbanización de luxo con porto deportivo que se quería desenvolver nos terreos da antiga conserveira Massó, en Cangas, no lugar denominado do Salgueirón, transformando preto dun quilómetro de litoral entre a propia factoría e punta Balea. Un pelotazo urbanístico sen cabida legal nin para o porto deportivo nin para a urbanización en terra no que Caixanova perdeu 45 millóns de euros que acabou asumindo o Estado dentro do seu rescate das caixas galegas e que vén de quedar impune ao considerar a xustiza que os feitos prescribiron.

Antiga conserveira de Massó no lugar do Salgueirón, en Cangas, e libro de Primitivo Carbajo CC-BY-NC-SA Imaxe: Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia | Montaxe: Praza Pública

O de construír no Salgueirón foi un plan concibido, segundo o relato da Fiscalía, por Julio Fernández Gayoso, que tras as múltiples causas abertas pola súa xestión en Caixanova e a posterior fusión con Caixa Galicia só pasou na cadea sete meses polas prexubilacións millonarias que se outorgaron a si mesmos os directivos da entidade pouco antes da súa quebra. En Massó o Consello de Administración da caixa, con Gayoso á fronte, asumía en 2005, ao pouco de botar a andar o proxecto, que este "ten que lograr o apoio cidadán nunha zona historicamente difícil como é Cangas e na que algúns colectivos xa se posicionaron en contra".

Tiago Pérez, enxeñeiro naval, un dos líderes daqueles colectivos, cando menos o que Carbajo considera o máis documentado, non dá o perfil de perroflauta, pero el acepta identificarse co símil que o xornalista fai no seu libro en contraposición cos tiburóns. Detido tres veces e identificado pola Garda Civil nas protestas moitas máis, Pérez sitúa a comezos de 2005 a súa decisión de implicarse na causa, co impulso do Foro Social de Cangas e "cun custo persoal enorme"

Foi naquel momento, algo antes de que estourase o caso Massó, cando comezou a mobilización contra o plan de urbanismo que estaba a tramitarse para Cangas e que dúas décadas despois segue sen aprobarse. "Era moi salvaxe e a xente viuno, decatouse de que as áreas de reparto quedaban en mans de quen tiña o 50% delas e podía facer o que quixese". 

Protesta de mariñeiros en embarcacións en 2009 contra o porto deportivo de Massó © Foro Social de Cangas

Con ese malestar social polo plan de urbanismo, ao longo de 2005 comeza a coñecerse o proxecto de vivendas de luxo e porto deportivo para Massó, impulsado a medias por Caixanova e polo promotor Ubaldino Rodríguez no que mesmo embarcarían o recoñecido arquitecto Norman Foster. Un proxecto no que os cartos, segundo a Fiscalía, saían de Caixanova porque así o decidira Gayoso e que se non logrou concretarse foi polas protestas sociais que o paralizaron durante varios anos ata que estourou a burbulla inmobiliaria e levou con ela as caixas galegas. 

En terra a urbanización dependía dunha recualificación para uso residencial dos terreos industriais da antiga conserveira que quedou pendente do plan de urbanismo que sucesivos gobernos municipais de todas as cores non foron quen de aprobar polo rexeitamento social. E no caso do porto deportivo, a Autoridade Portuaria de Vigo outorgou en 2005, sendo o seu presidente o popular Julio Pedrosa, unha concesión que o seu sucesor ese mesmo ano, o socialista Abel Caballero, considerou correcta e ratificou. As obras iniciáronse varias veces, en 2005 e 2009, pero nunca avanzaron moito grazas á mobilización social e en 2013 o Tribunal Supremo acabou anulando a concesión porque fora ilegal.

Aquelas protestas, relata o libro de Carbajo, contaron co apoio non só de boa parte da cidadanía de Cangas senón de colectivos sociais e ecoloxistas de todo o país. Ata o Rainbow Warrior de Greenpeace chegou a Cangas. "Tiñamos que xuntarnos coa xente de fora", lembra Tiago Pérez, "para que o conflito se coñecese noutros sitios". "Faro de Vigo contaba un pouco na edición do Morrazo, que se estaban a parar as máquinas, que había protestas, pero en Vigo a xente non se enteraba, así que traballamos en rede con outra xente que por toda Galicia estaba a enfrontarse a proxectos similares", explica o enxeñeiro naval. "A nosa foi unha vitoria, a máis clara, pero agridoce sempre porque outros non o conseguiron, por exemplo no porto deportivo da Lagoa, en Vigo, que xa estaba feito".

Un simple sinal de prohibido circular que impediu o paso da maquinaria a punta Balea e que os activistas defenderon cos seus corpos converteuse en símbolo de como as sardiñas podían parar os tiburóns

Na vitoria de Cangas tanto o libro de Carbajo como Tiago Pérez non deixan moi ben parados a políticos de ningún partido, pero o activista quédase con que "sempre hai cousas positivas". Desde a participación nas mobilizacións a título persoal de cargos de varias formacións ata decisións tan simples como a de Mariano Abalo, histórico líder da Fronte Popular Galega (FPG) e despois concelleiro de Urbanismo con Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), de instalar en 2009 un sinal de prohibido circular no camiño de acceso a punta Balea que empregaba a maquinaria para a construción do porto deportivo. Porque a obra sería competencia da Autoridade Portuaria de Vigo, pero a circulación en terra era cousa do Concello. E o que dicía unha pintada, hoxe case esvaecida, a carón do sinal é que "a terra non se vende".

"E aquilo impedía a execución dun proxecto de Foster?, un sinal de tráfico custodiado por un perroflauta?", pregúntase Carbajo no libro, para responderse que "o sinal tiña efectos prácticos e, pola súa vez, transcendía como símbolo ó conxunto da operación urbanística".

Tiago Pérez discrepa doutros movementos de Abalo e admite que non confiaba en que un sinal fose impedir nada. "Pero funcionou, aínda que houbo que defender o sinal, por suposto, mesmo aguantalo mentres axentes da Garda Civil tiraban do outro lado", lembra. Noutros momentos, moitos ao longo de cinco anos, os seus propios corpos diante dos camións eran o sinal máis efectivo de prohibido pasar.

Obras para o porto deportivo iniciadas en 2005 e novamente en 2009 que apenas lograron avanzar grazas ás mobilizacións sociais © Foro Social de Cangas

"Ubaldino e Gayoso querían arrasar con todo e con nós non puideron, así que se levaron 45 millóns, que fagan o que queiran, que estoupen con eles", di Tiago Pérez, un dos principais impulsores do Foro Social de Cangas

E como senta que tras a vitoria daquel momento, coa paralización das obras, agora quede impune a perda de 45 millóns de euros que acaban asumindo as arcas públicas? "Un pouco indiferente", admite Tiago Pérez. "A nosa vitoria témola clara, Ubaldino e Gayoso querían arrasar con todo e con nós non puideron, así que se levaron 45 millóns, que fagan o que queiran, que estoupen con eles". 

Pero ao tempo Pérez reclama que, se as arcas públicas perderon eses cartos a través do rescate das caixas, os terreos "sexan públicos, que sexa un parque". Unha posibilidade que está lonxe de ser unha realidade porque os terreos, tras a quebra da promotora creada a medias por Caixanova e Ubaldino Rodríguez, quedaron en poder da caixa a cambio das súas perdas millonarias. E cando á súa vez a caixa quebrou pasaron, tras o rescate estatal que asumiu as perdas, a mans de Abanca, actual propietaria das parcelas de Massó no Salgueirón. Unha entidade bancaria que segue tentando atopar un xeito de construír na zona, pero sen darlle moita publicidade, como conta Carbajo no seu libro, para o que non logrou que o atenderan: "En Caixanova gardaban algunhas formas na escapada, aínda que non era maior a súa transparencia. A caixa navegaba no mesmo réxime de opacidade que o banco aplica agora sen miramentos".

Protesta contra Caixanova nas obras do porto deportivo de Massó © Foro Social de Cangas

"Abanca quere ceder a nave, que custaría moito rehabilitar, e que lles deixen construír ao lado, fan o de sempre, son vampiros", di Pérez, que no eido das posibilidades legais debátese entre o optimismo e o pesimismo. 

"O Plan de Ordenación do Litoral da Xunta [aprobado en 2011, en plena crise e coas obras xa paralizadas] prohibe facer nada neses terreos, non se pode facer un uso residencial", lembra, pero ao tempo teme a asunción por parte do Goberno galego das competencias sobre o litoral que ata agora tiña o Estado. De feito, na lei coa que asume esas competencias que vén de ser avalada polo Tribunal Constitucional, a Xunta incluíu entre outras medidas a creación dunha rede de hoteis privados apoiados con fondos públicos en edificios xa existentes no litoral como antigas conserveiras. Como Massó. 

Para Primitivo Carbajo, autor do libro 'Salgheirón', a situación actual de Massó "é un silencio que grita, escoitarase máis adiante, cos ventos recios que han volver"

Pero as futuras ameazas sobre Massó serán cousa doutros, di Pérez. Agora mesmo ve que "a xente cada vez está máis desunida", aínda que "tampouco hai as armas que había antes, agora coa Lei Mordaza arrasan con nós no primeiro día". "Xogamos con todo o que se podía xogar, e xogamos ben", di, para concluír que "nós a nosa loita gañámola, agora Massó e o Salgueirón serán o que queiran as novas xeracións". Porque Massó segue sen proxecto de futuro, en "calma chicha", como di Carbajo: "É un silencio que grita, escoitarase máis adiante, cos ventos recios que han volver".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.