O Goberno galego argumenta o “estado de opinión” para lanzar a lei coa que quere xestionar a ocupación privada da costa e confrontar co Goberno de España
Non será só unha posibilidade en mans da iniciativa privada senón que a propia Xunta obrígase a impulsalos. Recuperar edificios sen uso no litoral para instalar neles hoteis será máis que unha opción para particulares e empresas e pasará a ser unha obriga legal para o propio Goberno galego, que o considera algo “esencial para o desenvolvemento sustentable”.
Así se establece na anunciada e agora presentada lei do litoral de Galicia. Unha norma que a Xunta impulsa para asumir a xestión das concesións públicas para a ocupación privada da costa co argumento de que conta coa “complicidade dun estado de opinión” fronte á negativa do Goberno de España, co que confrontará e que ten na súa man paralizar a norma no mesmo momento da súa aprobación cun recurso ante o Tribunal Constitucional.
O anteproxecto de lei do litoral de Galicia que este luns vén de ser exposto ao público chega despois de sucesivas derrotas do Goberno galego na súa xa longa campaña en defensa das ocupacións privadas de terreos públicos do litoral. Ante as progresivas restricións aos usos do litoral derivadas da evidencia do cambio climático, a Xunta quere asumir agora ela a xestión das concesións neses espazos, competencia ata agora estatal e que o propio Pedro Sánchez rexeitou cederlle o pasado xullo cun non “categórico”, en palabras do propio Alfonso Rueda.
A lei que agora impulsa, polo tanto, está abocada á confrontación co Goberno de España. Pero xustifícase, na súa propia exposición de motivos, pola “complicidade dun estado de opinión que dificilmente ten volta atrás: o convencemento de que Galicia pode e debe asumir o protagonismo que lle corresponde na realización dunha das súas competencias exclusivas máis significativas e identitarias, a ordenación do litoral”.
Os prazos e condicións para outorgar concesións no litoral seguirán rexidos pola lexislación estatal, pero a Xunta quere ser quen a interprete e aplique, algo que Sánchez xa rexeitou o pasado xullo de xeito "categórico", segundo Rueda
A norma admite que os prazos e condicións para outorgar concesións no litoral seguirán estando rexidos pola lexislación estatal, pero será a Xunta quen a interprete e aplique. O texto tamén establece unha zonificación do litoral en función dos seus valores (áreas de protección ambiental, de mellora ambiental e paisaxística, e de reordenación) similar á que implantou hai máis dunha década o Plan de Ordenación do Litoral impulsado polo anterior goberno de coalición de PSdeG e BNG. E incorpora o concepto de “actuacións estratéxicas” no litoral que “resultan esenciais para o seu desenvolvemento sustentable”.
Entre esas actuacións estratéxicas está o marisqueo, a acuicultura e “os establecementos da cadea mar-industria alimentaria”, como conserveiras ou cocedeiros. Pero tamén “a creación dunha rede de sendas litorais” e “a creación dunha rede de establecementos turísticos do litoral”.
A esa actuación estratéxica dedica a lei todo un artigo, o 56, que di que a Xunta, “a través da Axencia Turismo de Galicia, impulsará a creación dunha rede de establecementos turísticos ao servizo dun turismo de calidade, diversificado e desestacionalizado que favoreza o desenvolvemento sustentable do litoral”. Isto é, non é unha posibilidade de usos establecida nos artigos que regulan o autorizable ou non no litoral aos particulares interesados senón que será unha obriga que o Goberno galego impulse e favoreza esa rede de establecementos.
A nova norma mesmo contempla a posiblidade de hoteis en áreas de protección ambiental se así o permiten "as normas reguladoras dos espazos naturais afectados"
Serán establecementos que “proporcionarán servizo de aloxamento de forma temporal ás persoas usuarias do litoral”, isto é, serán hoteis. E crearanse “a partir da recuperación ou rehabilitación de edificacións preexistentes, de especial valor arquitectónico, histórico ou cultural, situadas na área de mellora ambiental e paisaxística do litoral”. Pero tamén contempla a posibilidade de que se instalen en área de protección ambiental, a máis restritiva, se así o permiten “as normas reguladoras dos espazos naturais afectados”.
A nova norma estará agora a exposición pública durante un mes e despois deberá ser corrixida e incorporada a elas diversos informes sectoriais antes de que o Goberno galego a envíe ao Parlamento para o seu debate e aprobación definitiva, o que non ocorrerá ata ben entrado o próximo ano.