O Goberno galego di que o central quere “eliminar toda ocupación” da costa en 2045 baseándose “na opinión de dous funcionarios” malia que o plan aínda non rematado aposta por manter xunto ao mar “bens e servizos estratéxicos”
Na súa estratexia de confrontar co Goberno de España por todo tipo de políticas públicas, tamén coas relacionadas co cambio climático e a transición ecolóxica, que para o Goberno galego deberan ir máis lentas, a Xunta lanzou en xuño unha campaña en contra dunha futura estratexia estatal para a protección da costa fronte aos efectos do cambio climático. Unha campaña á súa vez enmarcada na campaña máis xeral de defensa da ocupación privada de terreos do litoral que a Constitución Española di que son públicos, que ten a factoría de ENCE na ría de Pontevedra como gran símbolo.
O documento criticado pola Xunta aínda está en elaboración e non será sometido a información pública xeral ata dentro de varios meses. Pero aproveitando que o Ministerio para a Transición Ecolóxica avanzou parte do seu contido ás comunidades autónomas, a Xunta ofreceuse aos concellos interesados para que a través dela puidesen formular alegacións contra o que di que é un plan para “eliminar toda ocupación” da costa. Este xoves o propio Goberno galego admitiu que dos 82 concellos galegos con litoral nos que segundo ela mesma se reparten 4.000 edificacións afectadas polo plan estatal só 20 se sumaron á súa campaña e lle trasladaron alegacións.
A Xunta insiste en que o documento quere “eliminar toda ocupación” da costa en 2045 baseándose “na opinión de dous funcionarios”, algo que sustenta en que entre as enquisas de recolección de datos realizadas para a elaboración do documento só dous dos seis funcionarios do departamento estatal de Costas consultados pola situación en Galicia responderon que hai problemas graves. Porén, o documento reflicte como en diversos eidos a situación en Galicia é considerada pola maioría dos consultados como "moderada" e en moi poucos casos o nivel é leve ou nulo.
Por outra banda, o plan estatal non é froito do traballo deses "dous funcionarios" senón que vén sendo elaborado desde hai dous anos por expertos da organización internacional EUC Coastal & Marine e das universidades de Cantabria e Las Palmas, di ter como única misión "guiar" a futura toma de decisións sobre o litoral ata 2045. Isto é, serán despois outras políticas as que apliquen os obxectivos que se marquen neste plan.
A estratexia para a protección da costa fronte ao cambio climático céntrase na erosión e a inundación, cun apartado sobre a ocupación do litoral aínda non definido máis alá de apostar por un “programa de revisión” das concesións
Canto á retirada de “toda ocupación” dos terreos costeiros, que segundo a Constitución Española son públicos e só poden ser ocupados por concesións temporais, a Xunta tamén asegurou que o Goberno de España quere unha "retirada paulatina dos seres humanos da costa". Porén, o documento que o ministerio facilitou á Xunta e esta aos concellos di apostar por "defender" a presenza no dominio público marítimo-terrestre de "bens e servizos estratéxicos".
A estratexia para a protección da costa fronte ao cambio climático céntrase na erosión e a inundación, cun apartado sobre a ocupación do litoral aínda non definido máis alá de apostar por un “programa de revisión” das concesións .
Pola contra, non só a constitución senón tamén a Comisión Europea vén lembrando que as concesións no litoral non son limitadas.