Portos teima nun recheo con párking en Corcubión malia admitir que impacta en costa, paisaxe e marisqueo

Recreación do porto deportivo con recheo para aparcamentos que Portos de Galicia impulsa en Corcubión CC-BY-SA Portos de Galicia

Tras advertir Medio Ambiente de "previsibles efectos adversos", o ente público elabora novos estudos para xustificar 170 amarres deportivos e 24 pesqueiros gañando ao mar 6.000 metros cadrados

Portos de Galicia leva tempo querendo construír un porto deportivo en Corcubión de 170 prazas que permitiría tamén recolocar 24 embarcacións pesqueiras. O seu proxecto inclúe un recheo de 6.000 metros cadrados no que se habilitarían 64 prazas de aparcamento en terreos gañados ao mar e un dique de 283 metros de lonxitude.

Hai ano e medio a Consellería de Medio Ambiente determinou que o proxecto tería "previsibles efectos adversos", segundo apreciaron tamén varios departamentos sectoriais da Xunta e o Estado, polo que esixiu unha avaliación ambiental máis completa. Iso é o que vén de someter a alegacións desde este mércores Portos de Galicia, novos estudos para xustificar a súa iniciativa malia admitir que terá impacto cando menos pola súa alteración da costa e por afeccións sobre a paisaxe e bancos marisqueiros.

Actual porto de Corcubión e plano do proxecto de ampliación que impulsa Portos de Galicia CC-BY-NC-SA Imaxe: Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia | Montaxe: Praza Pública

En Corcubión, segundo a documentación oficial da Xunta, hai rexistradas 23 embarcacións pesqueiras de artes menores que non dispoñen de instalacións portuarias suficientes para atracar, cun pantalán para 20 embarcacións que obriga a moitas a quedar fondeadas nas inmediacións do actual peirao. Pero o proxecto de ampliación portuaria que impulsa Portos de Galicia non se limita a mellorar as instalacións pesqueiras senón que vai moito máis alá. 

O proxecto de Portos inclúe, ademais de 24 amarres pesqueiros, 170 amarres deportivos, un dique de 283 metros de lonxitude e 8 metros de altura sobre a baixamar e un recheo sobre o mar duns 6.000 metros cadrados no que se emprazará un varadoiro e distintos servizos, entre eles 64 prazas de aparcamento (24 para as persoas usuarias das embarcacións pesqueiras e 40 para as deportivas).

Tras as obxeccións postas hai ano e medio por diversos departamentos de Xunta e Estado, Portos vén de facer público este martes un estudo de impacto ambiental que di que os diversos efectos negativos do seu proxecto serán compatibles ou moderados e en todo caso xustificables polos dous únicos efectos positivos que terá, sobre a economía local e sobre a operatividade do porto

Avaliación de impactos do proxecto de Portos para Corcubión CC-BY-SA Portos de Galicia

Máis alá dos efectos negativos que ten calquera obra durante a súa execución, a nova documentación sinala que durante a fase de funcionamento do novo porto manterase un efecto "negativo moderado" sobre a xeomorfoloxía costeira, que se verá alterada permanentemente. Tamén terá un efecto "negativo moderado" a perda permanente do marisqueo na zona que será ocupada polos novos recheos e dique. E igualmente "negativo moderado" será o efecto permanente sobre a paisaxe

A nova documentación de Portos sinala ao mesmo tempo un impacto paisaxístico "negativo moderado" e que "apenas existirá afección visual". Tamén admite que o aparcamento "invade a área de respecto" do casco histórico 

Porén, ao tempo que nunha parte da nova documentación se cualifica o efecto paisaxístico como "negativo moderado", noutra parte tamén se asegura que "apenas existirá afección visual". Unhas apreciacións que Portos admite que poden ser "subxectivas" e que chegan despois de que o Instituto de Estudos do Territorio advertise hai ano e medio de que o proxecto realizaríase nunha "paisaxe litoral de alta calidade".

Noutros aspectos a nova documentación de Portos é máis benévola co seu propio proxecto. Así, conclúe que o impacto sobre o patrimonio cultural da vila será "negativo compatible" pero ao tempo admite que "a zona prevista para aparcamento e a súa vía asociada invaden a área de respecto" da contorna do casco histórico, considerado Ben de Interese Cultural (BIC). Por iso, precisará de autorización previa e vinculante de Patrimonio. 

Situación e actual e recreación do novo porto deportivo de Corcubión CC-BY-SA Portos de Galicia

Portos de Galicia fixo coincidir o inicio da exposición pública da nova documentación ambiental cunha comparecencia este martes do seu presidente, José Antonio Álvarez Vidal, no Parlamento de Galicia, para responder a unha pregunta do BNG sobre a cuestión. "Levamos moitos anos reclamando un porto mixto", dixo o deputado nacionalista Óscar Insua, que defendeu o proxecto e criticou a lentitude con que o está a impulsar a Xunta. 

Pola súa banda, o presidente de Portos xustificou os tempos pola "tramitación rigorosa" malia o seu "interese en que se tiña que ir todo o rápido que puidera ser". Álvarez Vidal tamén volveu admitir os "posibles efectos adversos sobre o medio ambiente".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.