Verán cada vez máis adiantado: as temperaturas máximas, preto do récord nun mes de maio

Temperaturas máximas previstas para o mércores 27 de maio © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Lynn Greyling

Este mércores espérase que os termómetros acaden os 37 graos en Ourense e que superen os 30 graos nas outras seis cidades do país

Dende hai días o Reino Unido, Francia, Alemaña, Bélxica ou Irlanda están a bater récords históricos de temperaturas máximas nun mes de maio. Os 35 graos acadados en Londres, os 37 do sur de Francia ou os máis de 30 previstos en Alemaña supoñen un feito insólito en territorios, ademais, non adaptados ás altas temperaturas. En Galicia non se están a superar os máximos históricos para estas datas, pero tamén vai calor, abofé.

Para este mércores espérase que os termómetros acaden os 37 graos en Ourense e que superen os 30 graos nas outras seis cidades do país. En todas elas a máxima prevista para hoxe situarase moi preto do máximo histórico para un mes de maio. De feito, Meteogalicia advirte de que este mércores a práctica totalidade do territorio galego superará eses 30 graos, coa excepción das zonas máis elevadas nas comarcas montañosas e algunhas áreas litorais que en todo caso, roldarán os 27 ou 28 graos.

En varias comarcas galegas hai aviso amarelo por altas temperaturas a partir das 15 horas

Para este mércores en varias comarcas galegas hai aviso amarelo por altas temperaturas a partir das 15 horas. É o caso do Baixo Miño, o val do Miño en Ourense, a Mariña e o sur de Lugo. Ademais, hai aviso amarelo pola posibilidade de treboadas en todo o leste das provincias de Lugo e Ourense, dende os Ancares a Valdeorras. O aviso amarelo por altas temperaturas repetirase o xoves, pero limitado ao sur de Lugo e ao val do Miño en Ourense.

A calor destes días -e en concreto a deste mércores- é debida á entrada de aire moi cálido dende o sur. Isto, unido á presenza de aire frío en altura é o que tamén pode provocar a aparición chuvascos localmente treboentos nas últimas horas do día en zonas do interior.

Para o xoves espérase unha repetición deste esquema, aínda que as temperaturas descenderán un chisco, unha diminución que será máis importante en moitas zonas do litoral grazas á aparición de brétemas costeiras. De novo, pola tarde pode haber precipitacións no leste do país.

Temperaturas máximas previstas para o mércores 27 de maio ©

Os datos climatolóxicos das últimas décadas debuxan non só veráns cada vez máis extremos, senón tamén máis prolongados no tempo

O episodio de altas temperaturas que se está a rexistrar nesta derradeira semana de maio non é algo insólito e vén sucedendo nas últimas dúas décadas cada vez con máis frecuencia. Independentemente de que nun ano concreto se batan ou non os récords de temperatura, a tendencia imparable é que os niveis sexan cada vez máis elevados, as vagas de calor cada vez máis frecuentes e, ademais, máis prolongadas e repetidas cada menos tempo. 

Os datos climatolóxicos das últimas décadas debuxan non só veráns cada vez máis extremos, senón tamén máis prolongados no tempo. É dicir, que comezan antes e rematan máis tarde, con episodios de altas temperaturas cada vez máis acusados en maio e outubro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.