A crise climática en Galicia: os catro últimos anos xa son os máis cálidos da serie histórica

Praia galega durante o verán CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

2025 foi o cuarto ano máis cálido das últimas seis décadas en Galicia, que rexistrou o mes de xuño máis cálido desde que hai datos. Os datos volven poñer en evidencia o impacto que a crise climática está a ter no país, que alcanzou unha temperatura media no pasado exercicio de 14,7 graos, a mesma que a media de 2024, e dúas décimas por baixo da de 2023 (14,9 graos), que é considerado o ano máis caloroso. 

Sexa como for, o valor alcanzado en 2025 considérase como "extremadamente cálido", tal e como explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a presentación do informe climatolóxico anual elaborado por MeteoGalicia. 

Mapa da anomalía da temperatura media anual (ºC) no ano 2025 CC-BY-SA Meteogalicia

O documento indica que 2025 foi o cuarto ano máis cálido desde 1961 e que os últimos catro anos tiveron uns rexistros moi similares que os converten nos máis cálidos da serie histórica. As temperaturas mínimas e máximas rexistraron uns valores medios 1,1 graos superiores ao habitual e dos doce meses, dous foron extremadamente cálidos —xaneiro e xuño— e sete moi cálidos ou lixeiramente cálidos. Pola contra, marzo foi lixeiramente frío; setembro, frío, e decembro, normal.

2025 foi o ano máis cálido desde 1961; os últimos catro son tamén os máis cálidos de toda a serie histórica

O caso do mes de xuño é moi relevante, xa que tal e como indica o informe, veu moi marcado polos "episodios anticiclónicos da segunda quincena que, ademais de tempo seco, achegaron masas de aire moi cálido" que provocaron as cifras récords de temperatura media, con 2,8º por riba do que é considerado normal, tendo en conta o período de referencia 1981-2010. 

Xa no balance feito no verán por Meteogalicia detallábase que xuño acadara unha temperatura media de 20,5 graos e as estacións galegas da Axencia Estatal de Meteoroloxía situaban a anomalía media en 3,1 graos.

Meteogalicia destaca que a desviación positiva con respecto á media do devandito período tivo lugar en todo o país. Así, o valor medio da anomalía de temperatura media no conxunto de Galicia foi de 1º, chegando a ser de 3 ºC nos arredores da Serra dos Ancares

A anomalía positiva da temperatura media alcanzou os tres graos na Serra dos Ancares

No que atinxe ás chuvias, a conselleira Ángeles Vázquez indicou que “a precipitación media en Galicia foi de 1.524 litros por metro cadrado”, o que representa un 18% máis do habitual, polo que 2025 se considera un ano moi húmido. En concreto, xaneiro foi extremadamente húmido; abril e novembro, moi húmidos, e decembro, húmido. En contraposición, xuño foi moi seco, e xullo, agosto e outubro, secos. Os meses restantes foron normais en canto ás precipitacións.

Avión descargando auga nun incendio en Chandrexa de Queixa, en agosto de 2025 CC-BY-SA Forestales CCOO

2025 foi tamén un ano moi húmido, cun 18% máis de precipitacións respecto ao habitual

A maiores, a conselleira, que estivo acompañada da directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, enxalzou o papel de MeteoGalicia á hora de poñer o mellor coñecemento científico ao servizo da protección do litoral, da seguridade do mar e do futuro dos sectores que viven del.

Nesa liña, indicou que Galicia conta xa cunha nova ferramenta para entender mellor como se comporta o mar e, especialmente, as rías. En concreto, trátase dun modelo bioxeoquímico, desenvolvido xunto con Intecmar e Cetmar, que analiza conxuntamente todas as Rías Baixas e que permite comprender como se relacionan entre si e como se move a auga dunhas a outras. 

Ademais, este avance tamén ofrece información sobre outros aspectos fundamentais para ó bo estado das rías e a súa produtividade, como os niveis de osíxeno ou a dispoñibilidade de nutrientes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.