Galicia rexistrou o xuño máis cálido dende que hai datos comparables

Un termómetro na viguesa Praza de América a finais de xuño de 2025 e mapas de temperaturas de MeteoGalicia para as mesmas xornadas CC-BY-SA Praza.gal | Mapas: MeteoGalicia

MeteoGalicia avanza que a temperatura media do mes pasado foi 20,5 graos, case tres por riba do habitual

O pasado xuño foi excepcionalmente cálido. A percepción máis ou menos subxectiva de cadaquén na maior parte de Galicia -practicamente todo o territorio agás A Mariña e puntos do litoral coruñés- vai quedar confirmada polos datos oficiais de MeteoGalicia, cuxo avance do informe climatolóxico para ese mes xa apunta a que foi, de media, o mes de xuño máis cálido no noso país dende que hai rexistros comparables.

Á espera da súa publicación completa, a Consellería de Medio Ambiente xa anticipa que o documento vai amosar que no "xuño máis cálido da serie histórica" a temperatura media foi de 20,5 graos, o que supón 2,8 por riba do habitual. O valor é semellante ao observado polas estacións galegas da Axencia Estatal de Meteoroloxía, que sitú a anomalía media en 3,1 graos.

Mapas das temperaturas máximas rexistradas por MeteoGalicia durante o mes de xuño CC-BY-SA MeteoGalicia

Tamén Aemet avanza que as súas medicións conclúen que xuño foi "extremadamente cálido" e que, concretamente, se superan todos os datos para ese mes dunha serie que comeza en 1961. Segundo MeteoGalicia, a media de temperaturas máximas chegou a 25,4 graos, tres por riba "do que se rexistra normalmente", mentres que a media das mínimas quedou en 13,7 graos, isto é, "2,6 máis do que adoita ser habitual".

Na segunda quincena do mes Ourense só tivo dous días nos que non superou os 30 graos e en catro xornadas rexistrou máis de 40

Os anticiclóns da segunda parte do mes explican estes valores, especialmente altos en puntos do interior. Así, por exemplo -sinala Medio Ambiente- en Ourense "nos últimos 15 días do mes só houbo dúas xornadas nas que os termómetros quedaron algo por baixo dos 30 graos" e ata catro días "superaron os 40 graos".

Contra o remate do mes, como amosan os mapas de MeteoGalicia, as entradas de aire cálido dispararon as anomalías térmicas. Así, por exemplo, o 27 de xuño houbo localidades interiores onde "chegaron a superarse ata 10 graos con respecto á máxima media" para a época do ano. Neses días, pola contra, as néboas "suavizaron" as temperaturas en amplas zonas do litoral.

Mapas de anomalías nas temperaturas máximas divulgado por MeteoGalicia o pasado 27 de xuño CC-BY-SA Meteogalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.